Betanzos. 800 aniversario

 

O pasado 13 de febreiro a vella cidade de Betanzos vestíase de gala para conmemorar o 800 aniversario da súa traslación dende Betanzos o Vello ata o Castro de Untia. 

Como arranque dos actos que ese día tiveron lugar, a carón da Igrexa de San Martiño de Tiobre, o historiador e arquiveiro do Concello, Alfredo Erias, pronunciou unhas palabras para contextualizar o que estabamos a celebrar e o que celebraremos todo este ano que temos por diante.

 

 

 

800 aniversario da traslación de Betanzos o Vello ó Castro de Untia

 

palabras de Alfredo Erias en Tiobre

13-02-2019 ás 10 da mañá

 

Señora Alcaldesa de Betanzos, autoridades, amigos:

 

Tal día coma hoxe, hai xusto 800 anos, o rei Alfonso IX de León e Galicia concede unha carta ós poboadores de Betanzos de Tiobre, o que hoxe chamamos Betanzos o Vello (e que xa tiña desde 1162 o gremio de alfaiates ou xastres máis antigo de España), permitíndolles facer o que pediron: asentarse no veciño Castro de Untia, que pasaría a chamarse Vila Nova de Betanzos, despois Betanzos a secas e por derivación da confraría de Betanzos de los Caballeros que existía en san Francisco no século XV, aínda hai alguén que lle chama Betanzos de los Caballeros ou dos Cabaleiros. Pero como este Castro era por ese tempo propiedade do mosteiro de Sobrado, concede a este a cuarta parte de todas as rendas e proveitos da nova vila e a metade das capelas que se construísen. 

 

 .../...

 

 A historia non para e a vida sigue, mentres a cidade de Betanzos se vai adaptando ós tempos sen perder a súa esencia máis íntima: a de estar conectada co seu entorno rural, coa súa comarca, como poucas poboacións. 

É como se se resistira a esquecer a súa orixe de Tiobre. Por iso mesmo estamos hoxe aquí: para recordar ós nosos antepasados e aquel camiño que fixeron hai 800 anos e que sempre foi de ida e volta.

Moi agradecido!

 

Verémonos aquí mesmo dentro de cen anos.

NESTE ENLACE PODESE LER A INTERVENCIÓN COMPLETA DE ALFREDO EIRAS

 

E UN DÍA ANTES.... O 12 DE FEBREIRO

TAMÉN OS PEQUENOS DO AGUIAR QUIXEMOS CELEBRAR A EFEMÉRIDE

TRASLADÁNDONOS COA MESMA FESTA E ALEGRÍA DENDE TIOBRE ATA UNTIA

 

Escoitamos dos pregoeiros Martín Muiño e Óscar García o privilexio que nos concedía o traslado

 

 

Descubrimos estrelas de pedra marcando a orixe do camiño

 

 

 

Cruzamos pontes, resolvemos enigmas

 

 

Arribamos á cidade que agora cumple 800 x 12 meses

 

... /...

E aprestámonos a commemorar 800 anos betanceiros... que deron para moito:

 

. Para construir algunhas das máis fermosas igrexas góticas de Galiza

. Para ter que reconstruirmonos logo de pavorosos incendios.

. Para acoller a lideres da revolta irmandiña como Afonso de Carvallido,  ou ao precursor do nacionalismo, Antolín Faraldo

. Para que indianos xenerosos como os García Naveira regalasen á cidade escolas, asilos e enciclopédicos parques do

  Pasatempo

. Para escoitar a Lugris no primeiro mitin en galego que se escoitou en Galiza

. Para sentir polas rúas os sons do Turito ou a gaita do Vello Rilo

. Para ver pasearse ceibo polo Campo ao porco de san Martiño

. Para ser capital de provincia e Sé do Arquivo do Reino

. Para loitar con rexemento propio contra o francés ou ser zona de operacións do maquis Foucellas

. Para albergar unha puxante Irmandade da Fala

No Aguiar declarámonos dispostos para seguir facendo Betanzos outros 800 anos máis  

 

 

 

 

 

 

 

AdxuntoTamaño
800 aniversario de Betanzos 13-02-2019 palabras de Alfredo Erias en Tiobre.pdf75.97 KB