'O galego, a miña lingua propia' con Monoulious Dop

 

'O galego, a miña lingua propia'

 

Temos unha lingua que é moi rica e é nosa. Nela pódese facer ciencia, arte, cantar, debuxar e amar. O galego é a nosa lingua propia, un idioma en que se pode facer banda deseñada, rapear, ligar ou viaxar polo mundo enteiro. O galego é a nosa lingua propia e queremos gabarnos dela, porque si, porque nos peta. E temos exemplos abondo nos que nos reflectir!!!!

Potenciar o uso asiduo do galego en todos os ámbitos da vida e afortalar a identidade lingüística da poboación moza, estes son dous dos obxectivos trabe da nova campaña de dinamización lingüística lanzada pola Deputación da Coruña, e que o 24 de maio chega ao IES Francisco Aguiar da man do divertido grupo Monoulious Dop

A presente campaña diríxese á xente nova á que quere ofrecerlle referentes atraentes para ela, por mor da súa actividade pública e que, ademais, sexan ou poidan constituírse tamén en referentes en canto ao uso da lingua e ás actitudes de compromiso cara a ela. Un proxecto ambicioso e ilusionante e que lle trasladará á mocidade o positivo de empregar o galego, en todos os ámbitos da vida como o fan nos seus respectivos as xentes que forman parte do proxecto en primeira persoa, mais abre a participación a todo o persoal técnico, profesorado, e alumnado que participará de xeito activo, aprendendo e gozando con profesionais de ámbitos tan variados como a música, a literatura, as artes plásticas, o audiovisual, a comunicación, o mundo da moda ou a sanidade, todas elas co galego como lingua propia

'O galego, a miña lingua propia' pon en valor que temos un idioma propio, para convencer á mocidade de que o incorpore á súa vida cotiá; tamén busca reafirmar o uso da lingua en mozos e mozas que a usan só nalgúns contextos, crear demanda de falantes de galego, promover a sensibilización idiomática e en definitiva fomentar unha actitude positiva dos e das adolescentes fronte á lingua, gozando con ela de todas as actividades propostas.

 

Coordina e promove no noso Instituto,  O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e o Departamento de Lingua e Literatura Galega