Camiñada a Pambre

O alumnado de 1º e 2º da ESO, xunto cun grupo de profesoras e profesores, fixemos unha camiñada ata o castelo de Pambre por unha ruta especialmente disposta para nós polo profesor de Educación Física, Fran. Á parte de pillar algunha troita nas pozas das corredoiras, choveu maino e seguido o día anterior, falamos e rimos, contrastamos paisaxe autóctona e paisaxe estragada, coñecemos en palabras do profesor Carlos o contexto do Reino de Galiza en que se construíu a Torre, a maior responsabilidade lévana os nosos tataravós que, ademais, na revolta irmandiña tiveron a ben deixárnolo en pé; e en palabras de Fernando quedounos localizado algún que outro ben do noso patrimonio herdado, e tamén nos falou da data en que se foi construíndo a fortaleza e quen a mandou construír. Alén diso, recorremos o castelo de abaixo arriba, termamos da vertixe na torre da homenaxe e polas escaleiras e visitamos a exposición actual “Pambre, arca de pedra”, que actualmente está aberta ao público nas salas de exposición.

Destacar a amabilidade do persoal que alí traballa e nos recibiu compracente, e agradecer ao concello de Palas o abriren as portas ao seu futuro, rapaces e rapazas que, como dixo Carlos, os seus tataravós labraron as pedras e o levantaron.

A volta foi en autobús, talvez as pernas non desen para moito máis.

Un pracer.

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Camiñada a Pambre