Preparando 8M: Día internacional da Muller

   No IES do Camiño non deixamos de traballar polo “desenvolvemento da igualdade dos dereitos e oportunidades e o fomento da igualdade efectiva entre as mulleres e os homes”.

   A loita a prol da igualdade efectiva comezou  un 8 de marzo de 1857 cando un grupo de obreiras téxtiles tomou a decisión de saír ás rúas de Nova York a protestar polas míseras condicións nas que traballaban. O 5 de marzo de 1908, Nova York foi escenario de novo dunha folga cunha clara reivindicación feminista, cando un grupo de mulleres reclamaron a igualdade salarial, a diminución da xornada laboral a 10 horas e dispoñibilidade de tempo para poder amamantar ás súas crianzas. Durante esa folga, pereceron máis dun centenar de mulleres queimadas nunha fábrica de Sirtwoot Cotton, incendio que se atribuíu ao dono da fábrica como resposta á folga.

   En 1910, durante a Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras celebrada en Copenhague (Dinamarca), máis de 100 mulleres aprobaron declarar o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. Actualmente, celébrase como o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

   Deste xeito, para conmemorar no instituto o 8 de marzo, decidimos poñer en valor ás mulleres que fixeron e fan historia, e que durante tanto tempo foron silenciadas e seguen sendo silenciadas no ensino e noutros ámbitos de coñecemento e da esfera profesional, intentando deste xeito amosar o seu papel e a súa importancia nun mundo ao que sempre se ollou dende unha visión androcéntrica.

   O alumnado do IES do Camiño, a través  da hora de titoría na ESO e da materia de  “TIC” e “Historia do Mundo Contemporáneo” en 1º de Bach. e na de “ Imaxe e Son” en 2º de Bach. están a realizar unha serie de traballos que, ao longo desta semana, quedarán expostos no instituto