Charla informativa para as familias: "Os riscos asociados á utilización da internet e as novas tecnoloxías"

   O xoves 22 de febreiro ás 17:00 celebrouse no Salón de Actos do instituto unha charla sobre “Os riscos asociados á utilización da internet e as novas tecnoloxías" a cargo de Ramón Peña, Formador da Garda Civil de Lugo, dentro do "Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas".
   Durante a charla as familias que acudiron ao centro puideron recibir información sobre as novas tecnoloxías máis empregadas polos seus fillos e fillas, tales como instagram, o whatsapp, os chats dos xogos online, dos chats das consolas como a Xbox, o  “ThisCrush’ para insultar o ameazar sen ningún tipo de consecuencias, xa que se senten protexidos/as baixo o anonimato. Así mesmo abordáronse temas como o "Sexting" ou difusión de material fotográfico ou audiovisual de contido erótico-sexual sen o consentimento da persoa implicada; o "Grooming" cando un adulto trata de coartar e intimidar a un menor a través das redes sociais co obxectivo de establecer contactos sexuais virtuais e/ou físicos, do "Cyberbullying" (ciberacoso) e do acoso escolar.
   Así mesmo, o orador, deulles unha serie de orientacións para que as familias poñan en práctica, cos seus fillos e fillas, a fin de que fagan un uso responsable das novas tecnoloxías e das redes sociais e que vexan nos seus pais e nais, persoas, que os poden axudar e tenderlles a man ante determinadas situacións que poden supoñer un risco para eles/as e non alguén que os están fiscalizando e prohibindo. Facendo fincapé na necesidade de formar aos rapaces e rapazas no uso responsable das novas tecnoloxías.
   E por último falounos dalgún recurso como é o “AlertCops”, que busca universalizar o acceso aos servizos públicos de seguridade cidadá, de modo que calquera persoa, con independencia do seu idioma, orixe ou das súas discapacidades auditivas ou vogais poida comunicar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Policía e Garda Civil) unha alerta sobre un acto delituoso ou incidencia de seguridade do que está a ser vítima ou testemuña.

 

 
  E da páxina da Oficina de Seguridade do Internauta (OSI) que busca proporcionar información e o soporte necesario para evitar e resolver problemas de seguridade que poden existir ao navegar por internet, ademais de proporcionar consellos de como levar a cabo unha navegación segura en internet.
Para acceder a páxina podes premer no seguinte enlace:

https://www.osi.es/es

   Así mesmo as familias puideron formular as dúbidas ou preguntas que consideraron oportunas ao formador da Garda Civil.
       Para rematar non queremos desaproveitar esta ocasión para en nome do equipo directivo, do departamento de orientación e do equipo docente do instituto agradecervos a vosa participación nesta actividade, xa que soamente traballando en conxunto podemos acadar o desenvolvemento integral do noso alumnado e potenciar unha convivencia positiva no centro educativo e na súa contorna.