O noso Eusebio

Eusebio no Centro de Día

O venres 19, no marco da celebración da Semana das Letras, o alumnado de 1° ESO desprazouse até o Centro de Día para participar nun Club de Lectura moi especial: o compartido cos maiores do Centro de Día arredor da obra "Memorias dun neno labrego". Alá foron cheíños e cheíñas de preguntas, querendo saber se a infancia e mocidade dos maiores se parecera á do Balbino: traballo arreo, na terra e co gando; escola pouca, de vimbio, regra e cinto; misa, rosario, loito, a Compaña, a doutrina, o pecado e os catro infernos; broa, nin a proba do pantrigo, e papas de arroz como lambetada; canas de foguetes na festa, rebusque, peletre, estornela, bonecas de trapo con vestidos de retrincos das costureiras; zapatos só para os domingos, remendados e repintados; emigración; o medo na Guerra. Aprenderon que un pai marchaba á guerra con 25 anos para non vivir máis, e que unha nai botaba adiante soa cinco fillos con papas de fariña e un chisco de leite... Preguntaron se había libros nas casas e houbo a quen se lle atoldaron os ollos...

E recibíronnos cos brazos abertos e con grandes sorrisos. Disque lles levamos alegría. O que nós trouxemos é difícil de describir.
Volveremos.

 

Podedes ver todas as fotos neste enlace ao facebook

Regueifa os Vivantistas de Dodro

Parabéns aos Vivantistas de Dodro! María, Leo, Xián e Bruno, de 6° de Primaria, obtiveron o "Premio á regueifa máis brava" no Certame Escolar Enreguéifate co seu "Interxerando". 

O vídeo gañador está dispoñible no facebook do colexio.

REGUEIFA GAÑADORA

Parabéns ao alumnado de 6º de Primaria pois María, Leo, Xián e Bruno foron premiados no Enregueifate com o premio á “regueifa máis brava” na categoría escolar por “Interxerando”.

Tedes o vídeo no enlace ao noso Facebook!!.

 


 

Saída a Compostela: 14 de marzo.

A xornada de onte en Compostela, co alumnado de 3° e 4° da ESO deu para moito: Historia, Arte, Literatura e Sociolingüística. 

 

Aquí podedes ver a publicaciòn no Facebook con toda a información e as fotos. 

Día de Rosalía

Onte todo o día, foi DÍA DE ROSALÍA. 

Por iso, tocou encher a casiña que lle temos no cole de Pensamentos: pensamentos-plantas, cuxas flores sabemos que eran as favoritas da escritora e que foron feitas á man nas aulas; e pensamentos-poemas, isto é, algúns dos versos coas máis profundas e lúcidas reflexións da poeta. 

 

Aquí tedes a ligazón á actividade no facebook.

 

 

30 DE XANEIRO. DÍA DA PAZ.

 
Hoxe, luns 30 de xaneiro, conmemoramos o Día da Paz coa interpretación da canción Aquarela do compositor brasileño Toquinho, nunha versión multilingüe e inclusiva coa proxección da letra de dita canción en Lengua se Signos Española (LSE) e pictogramas de ARASAAC.
 
 
 
Aquí tedes o vídeo da actividade. No Facebook do colexio tedes máis información e vídeos do acto. 

Premio "Tíralle da Lingua"

A nosa alumna de 2° ESO Uxía Ríos García acadou o Primeiro Premio no Certame "Tíralle da Lingua" de Relato Oral coa súa historia "O trasno do río Vello". Que orgullo!
Moitos parabéns, Uxía, polo traballo rigoroso e serio á hora de preparar esta fermosa e divertida historia e, sobre todo, polo teu TALENTO.
Aquí tedes o enlace ao traballo e tamén á publicación da AS-PG.

Exposición e Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.

O sábado 10 de decembro celebrouse no noso centro a cerimonia de entrega do XXXV Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Este ano a galardoada foi a poeta lucense Brenda Mondelo. Tamén recibiu o Mini Premio Eusebio Lorenzo Baleirón o noso alumno de cuarto da ESO Xian Rial. Parabéns!

Nese acto presentouse tamén unha exposición do traballo do alumnado de 2º da ESO dirixido pola profesora Ana Ledo coa colaboración dos alumnos de 3° da ESO e do profesor Xiao Somoza. Un traballo que Ana Ledo explicou así: "En xaneiro de 2022, data na que Eusebio Lorenzo Baleirón cumpriría 60 anos, comezou unha apaixonante andaina por Dodro na procura de información sobre o noso poeta. Máis alá do que nos ofrecía a Wikipedia e a rede, queriamos coñecer ao Eusebio veciño e ser humano. E qué mellor maneira de facelo que acudindo ás fontes directas que partillaron con el tempo e vivencias: VÓS. O froito das nosas pescudas ficou plasmado na exposición "EUsebio", que inauguramos na cerimonia de entrega do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de Poesía. Nesta exposición, presentada polo alumnado voluntario de 2°ESO (grupo do que partiu o proxecto) podemos comtemplar todos os materiais atopados e todos os traballos desenvolvidos polos diferentes cursos nas áreas de Plástica, Tecnoloxía, Informática e Lingua Galega e Literatura. E agora EUsebio, xa é máis NÓS."

 
 
 
 


Aquí podedes ver os vídeos das presentacións: vídeo 1, vídeo 2, e vídeo 3 e tamén o enlace ao facebook do colexio.

SAMAGOSTO

Hoxe celebramos o Samagosto con disfraces e degustación de castañas e chourizos. Tamén houbo baile e esconxuros nos que cada alumno e alumna portaba un saco onde levaba un recipiente cunha mensaxe que reflectira os seus medos. Esas mensaxes foron queimadas no lume facendo deste xeito desaparecer todos os nosos medos....o recipiente reutilizouse para recoller puños de castañas para poder rillalas comodamente.

 

 

 

 

 

 

Segundo e primeiro de primaria tamén festexaron xogando cos pelouros e xogos de roda

 

 

 

 

e tamén celebraron o cumple de Sofía que fai 6 anos. Parabéns!!

 

Houbo ademais baile e diversión

   

 E Para o alumnado da ESO o contacontos Celso Fernández Sanmartín

 

Tamén houbo unha expo de libros sobre a temática do Samaín que foi colocada na nosa casa de Rosalía e da que o alumnado puido levar libros de empréstito. 

GALERÍA DE FOTOS

VÍDEO

 Máis info no Facebook de "O Noso Eusebio"

VELORIO NA BIBLIOTECA

 
 
 
 
 
 
 
 
 

O 22 de xuño na Biblioteca do Eusebio asistimos a un paradóxico evento: "oficiamos", simultaneamente, un enterro e un bautizo. Dous por un!
Así, celebramos o nacemento do "Club de Lectura para Xente Adulta" (temos que lle pensar un nome bonito, así e todo) e inaugurámolo coa obra "Diario dun enterro" do rianxeiro Gonzalo Hermo. E fixémoslle un velorio ao morto ao xeito tradicional, no "salón" da nosa casa; e publicámoslle a esquela en castelán, como xente fina que somos; e petiscamos lambonadas varias en homenaxe ao defunto... Pero sobre todo, compartimos  identificación nas vivencias e sensacións do protagonista, que bate de fronte no tanatorio cunha realidade familiar e veciñal que deixara e, en boa medida, da que fuxira tempo atrás. Un protagonista que asiste ao estrañamento de se sentir na casa e ao mesmo tempo moi lonxe dela. Reflexionamos tamén sobre o absurdo de moitas das convencións sociais, especialmente as que teñen que ver cos funerais; falamos sobre a precariedade da vida da xente nova preparada (de feito queda en suspenso o futuro laboral do protagonista)... E compartimos, con moito sentido do humor, as nosas propias experiencias de "velorio e tanatorio" (algunha delas daba para unha boa novela!)
En definitiva, celebramos a vida. Tal e como di o Gonzalo Hermo poeta:
 
"É sempre a mesma historia: dar conta do que somos
mentres estamos cambiando.
Pero o noso corazón borrará a nosa culpa.
Que a vida nos sorprenda

no seu despregar

GALERÍA DE FOTOS

 

Powered by Drupal - Design by artinet