CLUB DE LECTURA

Xuntanza Club de Lectura da ESO

Na tarde de onte o Club de Lectura do alumnado de ESO partillamos xantar e sobremesa con Lois Pérez, autor da novela escollida para este primeiro trimestre: A gruta da torre, gañadora do "Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade". 
Tras dar boa conta de que o libro estaba beeeeen lido , o alumnado gozou especialmente do momento de indagar qué hai de autobiográfico na novela, qué personaxes son pura ficción e cáles teñen unha persoa de carne e óso detrás: encantoulles pensar que algúns existen, ao igual que parte das cousas narradas. Ai a rexouba! "Este barro mortal..."
 E tamén "interxeramos", como manda o Proxecto de Centro deste curso. O "team Lois + profes" viaxamos á nosa xuventude para certificar que esas tardes de bicicleta sen móbiles que se prolongaban até ben entrada a noitiña, na procura de pasadizos, casas enmeigadas, misterios que resolver querendo ser coma "Os cinco" de Enyd Blyton, existiron e forman parte de nós, da persoa adulta na que nos convertemos.
Houbo tamén crítica (somos un Club moi profesional). O final pareceunos un pouco precipitado, tendo en conta a implicación que tiñamos con cada un dos personaxes (lástima da limitación do número de páxinas!). O que si nos encantou foi lermos unha historia moi similar a esas que tristemente adoitamos consumir nas series e filmes norteamericanos, pero esta vez en clave de NÓS, "made in Galiza", cos nosos xeitos, feitos, paisaxes xeográficas vitais e emocionais.
Resumindo, e dito ao máis puro estilo dos oitenta, pasámolo "bomba". Lois, grazas pola naturalidade, xenerosidade e polo cariño co que viñeches a nós. Benvido á Biblioteca Anxo Angueira, non deixes de volver!
Aquí tedes o enlace á publicación no facebook.
 

n/d

COMEZA O CLUB DE LECTURA 22-23

Comezamos! O club de lectura de Secundaria estrea o logo deseñado pola compañeira Naiara Vidal para o anuncio da xuntanza informativa coa que principiamos este curso:

O libro escollido para este trimestre é A Gruta da Torre de Lois Pérez

Powered by Drupal - Design by artinet