Complementarias e Extraescolares

COMEZAMOS "ENTENDÉNDO-NOS"

Hoxe botou a andar o noso proxecto "Entendéndo-nos" da psicóloga Montse Lata, experta en Mediación, dentro da liña do Contrato Programa Con-Vive. Leváronse a cabo dúas sesións co alumnado de 5º e 6º respectivamente, no salón de actos. Montse fíxonos saber que os conflictos non se poden evitar e debemos aprender a sacar o bo deles. 

Destas sesións tiñan que saír tres nomes de cada grupo, elixidos polos propios compañeiros/as. Estes serían os/as que asistirían ás sesións de formación para ser mediadores. Que características debían de cumprir? Pois entre todos apuntamos varias, queriamos alguén que nos escoitara con atención, que non nos xulgara, que empatizara con nós, que fose positivo, que tivese sentido do humor... 

 

Visitamos a Casa das Ciencias e o Planetario

Hoxe tiñamos programada unha saída moi especial para 5º e 6º de Primaria. Achegámonos ata a Coruña para visitar o primeiro dos museos científicos, a Casa das Ciencias e, como non, o seu planetario.

Na planta baixa recibíanos, coma sempre, o seu inmenso péndulo, para percatarnos do movemento da Terra; e a incubadora de pitiños, na que xusto acababan de nacer dous. Nas seguintes plantas, unha morea de actividades interactivas para aprender e disfrutar coa ciencia.

  

Por último, na planta máis alta, o planetario ofreceunos a "Noite do vampiro" e aprendemos a identificar as estrelas e constelacións que se poden observar un día coma hoxe dende Galicia. Ata puidemos ubicar a recentemente denominada estrela "Rosalía de Castro" co seu planeta "Río Sar".

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> Casa das Ciencias e Planetario (5º e 6º)

Visita dos bombeiros

Este martes e mércores, días 21 e 22 de xaneiro, visitaron o cole un grupo de bombeiros do Distrito Forestal de Ordes. Con eles puidemos ver o funcionamento de varios dos seus aparellos de traballo entre os que se atopaba o seu camión!

Tamén nos deron a coñecer moita información interesante sobre o coidado dos nosos montes.

 

  

 

CAMPO A TRAVÉS - FASE INTERCOMARCAL

Xaneiro 2020

Este sábado, 18 de xaneiro, celebrouse en Santiago de Compostela a Fase Intercomarcal do Campionato de Campo a Través.

O circuíto estableceuse no Parque Eugenio Granell con diferentes distancias para as categorías Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete.

Do noso centro competiron os alumnos e as alumnas das categorías Benxamín (feminina e masculina), Alevín (feminina) e Infantil (feminina e masculina).

A pesares da choiva, foi unha mañá moi divertida na que os nenos e as nenas do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro realizaron un esforzo enorme do que estamos moi orgullosos e orgullosas.

Parabéns polos resultados e pola actitude respectuosa e deportiva que sempre amosades!

  

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> 2ª Fase - Campo a Través

Unboxing Alice, teatro en inglés

Hoxe o alumnado de 5º e 6º desprazouse ata o auditorio ABanca en Santiago para asistir a unha representación teatral en inglés.

A obra consistía nunha adaptación do conto de Lewis Carroll "Alice's Adventures in Wonderland" (Alicia no País das Maravillas) na que os protagonistas eran os xemelgos Tweedle Dee e Tweedle Dum convertidos en youtubeiros e presentándonos o seu video "Unboxing Alice".

 

Durante o espectáculo, algúns alumnos/as puideron participar como voluntarios na "Tea Party" (festa do té) interpretando as famosas personaxes da escena: the white rabbit (o coello branco), the dormouse (o rato durmiñón) e, por suposto, Alice (Alicia).

Un show fantástico no que ademáis de divertirnos, aprendemos un montón de cousas!

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> Unboxing Alice

NADAL 2019

Decembro 2019

Este venres, día 20 de decembro, despedimos o primeiro trimestre do curso con moitas actividades!

O alumnado de primaria gozou dun Festival cunha actuación teatral, danzas, cancións e música na que participaron os alumnos e as alumnas do centro.

            

             

 

Ademais, tamén tiveron unha sesión de maquillaxe e peiteados divertidos para celebrar este día no centro.

    

Ó mesmo tempo, o alumnado de Infantil contou coa visita de Melgasar, que recolleu as cartas dos nenos e das nenas coas súas peticións e desexos.

      

Para rematar a xornada, haberá roscón nas aulas para comezar con forzas as vacacións!

 

Dende o CEIP PLURILINGÜE DE SIGÜEIRO desexámosvos un

Feliz 2020!

A Befana - Nadal Interactivo

Este mércores e xoves, días 18 e 19, o alumnado do centro está a visitar a casa da Befana, quen os espera para contarlles a súa historia...

Ah, e tamén lles entrega algún agasallo... Que sorte!

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> A Befana

English Week

A semana pasada 25 alumnos/as de 6º de Primaria participaron nos programas de inmersión lingüística de outono da Consellería de Educación "English Week". 

  

O domingo desprazámonos ata o Centro dos Peares, onde nos aloxamos e coñecemos a todos os compañeiros/as e monitores/as que nos acompañarían durante a semana. Esa mesma noite, trala cea, tivemos xogos de presentación.

Ao día seguinte comezaban as clases e os obradoiros divididos por grupos: Plastic Bags, Soda Cans, Glass Bottles, Paper Sheet, Carton of Milk, Thermometers, Old Monitors, Electronic Boards... A temática das actividades era o coidado do medio ambiente (a reciclaxe, as enerxías renovables...) e o Nadal.

O martes saímos de excursión pola contorna. Vimos onde se xuntan os ríos Miño e Sil e aprendemos un montón de cousas sobre as centrais hidroeléctricas. O mércores recibimos a visita de Carmen Pomar, Conselleira de Educación, que se interesou polo noso traballo. O xoves, entre outras actividades, gravamos un lipdub coa panxoliña All I Want for Christmas is You de Mariah Carey.

 

O venres, cada equipo presentou un proxecto sobre o traballado: obras de teatro, videos, calendarios de advento ecolóxicos, trineos mariños para recoller o plástico dos nosos mares... Ese mesmo día, intercambiamos agasallos co noso amigo invisible (Secret Santa presents), todos eles elaborados con material de refugallo.

  

O sábado, entre bágoas, tocou despedirse dos amigos/as e monitores. Ademais da equipaxe, as nosas mochilas viñan cheas de aprendizaxes, experiencias, aventuras e sobre todo... novas amizades!

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> English Week

Carreira Campo a Través

Este martes, 3 de decembro, celebrouse a I Fase das Carreiras de Campo a través do programa XOGADE, en Castrofeito.

Un gran número de alumnas e de alumnos de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria asistiron para participar nesta proba. Parabéns a todos e a todas, fixéstelo xenial! 

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> 1ª Fase - Campo a Través

Día Internacional contra a Violencia de Xénero

No CEIP Plurilingüe de Sigüeiro tamén conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero decorando unha árbore entre todos os grupos do centro. Podedes vela na entrada do cole!