Botamos un baile?

Volve... Botamos un baile?

Este curso recuperamos esta actividade de baile galego para os recreos dos xoves que viñamos facendo antes da pandemia. Hoxe foi o primeiro día e foron moitos os que se animaron a probar. Comezamos a valsear, picar por detrás e... ata nos animamos cun primeiro punto sinxeliño. 

Xa sabedes, todos os xoves no pavillón, botamos un baile?

Álbum: Curso 2023 - 2024 -> Botamos un baile?

Corentena con baile tradicional

Estes días nos que debemos permanecer illados nas nosas casas, chégannos múltiples propostas de actividades para pasar o tempo o mellor posible. Dende Botamos un baile?, non queremos deixar pasar a ocasión sen compartir con vós a canle de youtube de Antonio Prado, un mestre de baile tradicional galego co que podedes empezar a bailar dende cero. Animádesvos?

     

    

Botamos un baile?

Este curso volvemos á carga con "Botamos un baile?" e xa estamos montando unha nova "danza das fitas" para as Letras Galegas. E ti, apúntaste?

 

Pechamos a tempada de baile

O pasado xoves, rematamos a tempada de ensaios de "Botamos un Baile". Un curso no que, a través do baile, contactamos cun colexio de Turquía e xuntos levamos a cabo o proxecto e-twinning "Dance is Life". Eles ensináronnos os bailes típicos de Turquía e, ata se atreveron a bailar algo de flamenco!

 

Nós, escollemos a danza das cintas, como unha mostra da nosa tradición arredor dos Maios e a chegada da primavera. Actuamos diante dos nosos compañeiros/as o pasado 16 de maio e este venres 21 volveremos actuar para as nosas familias.

A través do baile tradicional, traballamos a nosa identidade cultural e comprobamos que non somos tan diferentes a outros rapaces da outra punta do continente. É máis, hai máis puntos en común dos que nos diferencian.

Para poñer o broche final a un curso cheo de baile e tradición, cada participante recibiu un carnet de bailador. 

Ata o curso que vén bailadores!!!!

Danza das cintas

O pasado 16 de maio, os alumnos/as de Botamos un Baile presentamos no pavillón a danza das cintas que levabamos preparando dende comezos de curso. Participaron alumnos dende Infantil ata 6º de Primaria. A música correu a cargo de dous gaiteiros de Lembranzas do Tambre xunto con profesorado e alumnado do centro. Mirade que ben nos quedou...

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Botamos un baile?

Letras Galegas 2019

Durante toda a semana vimos conmemorando as Letras Galegas, con diversas actividades. Os alumnos de 6º de Infantil e de 4º de Primaria achegáronse a un oficio tradicional, o dos oleiros.

  

Tamén recibimos a visita de Xandobela. Faláronnos de Antonio Fraguas, o homenaxeado deste ano, sobre os seus estudos, os traxes tradicionais...

 

Non nos esquecemos doutra celebración típica deste mes como son os Maios; así que, entre todos, elaboramos un gran Maio.

  

E hoxe, o broche final, coa II Romaría das Letras. Primeiramente, coplas arredor do Maio. Despois tivo lugar a entrega de premios aos gañadores do Concurso das Letras Galegas organizado polo EDLG. Catro alumnos/as de 4º recitaron uns versos de Antonio Fraguas. Alumnado de música interpretou o himno galego ao violín, guitarra e piano, baixo as ordes de Begoña.

   

E coma en toda romaría, o baile non podía faltar. O alumnado de Botamos un Baile dende infantil ata Primaria bailou a danza das cintas que levaban ensaiando dende comezos de curso os xoves no recreo. Para a ocasión contamos coa axuda de Juan e Carlos, dous gaiteiros do grupo Lembranzas do Tambre.

   

 

Para clausurar o acto, cantariamos todos xuntos a"Rumbaliza", un canto á nosa lingua do grupo Tanto Nos Ten.

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Letras Galegas 2019

Recuncho da Música e Danza Tradicional Galega

Durante todo este mes de abril, o noso centro acolleu as prácticas de cinco alumnas do Máster de Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a Educación Infantil e Primaria (DIDES) da USC. Dúas delas, Bea e Noemí, centráronse na actividade "Botamos un baile?" que levamos a cabo os xoves nos recreos, e desenvolveron un proxecto arredor do baile e a música tradicional en Infantil.

Crearon o Recuncho da Música e a Danza Tradicional Galega e alí desenvolveron obradoiros de instrumentos, baile, cantigas e... ata aturuxos! O alumnado coñeceu de primeira man instrumentos como a pandeireta, o tambor, o bombo, as cunchas, as tarrañolas, a lata de pimentón, a gaita ou o acordeón. Aprenderon picados e puntos de muiñeira e ata se atreveron cunha pequena cantiga.

 

 Nestas semanas, tamén tivemos visitas especiais como a de Julia, unha artesá que fabrica instrumentos, ou a das pandereteiras Sara, Lorena, Roco e Candela que nos deleitaron coas súas voces e a súa mestría riscando a pandeireta.

 

Para rematar, nada mellor que poñer en práctica todo o aprendido nunha auténtica FOLIADA na que os nosos alumnos/as bailaron, tocaron, cantaron e tamén aturuxaron! Moitas grazas Bea e Noemí por todo o que nos ensinastes!!!

 

Dance is Life

Hai pouco contabámosvos que estabamos a participar nun proxecto e-twinning cun centro educativo de Turquía. É un proxecto de música e baile tradicional, pero tamén é un proxecto de arte, cultura, deseño, creatividade... de vida! Por iso leva por título "Dance is life" (O baile é vida).

En Botamos un Baile estivemos pensando unha coreografía popular para compartir cos nosos socios turcos cara finais de curso e ocorréusenos realizar o baile das cintas ou Maios.

Os primeiros meses, ensaiamos puntos e picados. Ao mesmo tempo, deseñamos logos para o proxecto e ata fixemos unha nube de palabras relacionadas co baile. Despois tocou preparar os paos das cintas que conseguimos do pai da profe Patri e do avó de Yasmín. Xa cos paos, comezamos a bailar e trenzar os lazos... que fermoso!

Aquí un resume das actividades levadas a cabo ata o de agora. Pero aínda queda moito por facer...

Hecho con Padlet

Deseñamos un logo

Como xa vos adiantabamos antes do Nadal, temos preparada algunha que outra sorpresa de carácter internacional. Así que o venres, no recreo tocou unha clase diferente. Os alumnos/as de 5º que asisten a "Botamos un baile?" tocoulles deseñar cos seus portátiles e-dixgal un logo para un proxecto e-twinning de colaboración con outro colexio de Turquía. O proxecto leva por título "Dance is Life" e con el pretendemos promover o baile tradicional galego, así como o doutros lugares do mundo.

  

Aquí están os logos que creamos en Canva.

Axudádesnos a escoller un? Premede no "corazón" do que máis vos guste. 

Made with Padlet