XORNADA DE CONVIVENCIA CO ALUMNADO DO CRA DE OROSO

Hoxe tivo lugar no colexio a xornada de Convivencia co alumnado do CRA que virá para o centro o vindeiro curso. Son un total de 13 nenos/as que viñeron acompañados polas familias para coñecer o colexio. Despois de ser recibidos na biblioteca pola orientadora, a directora e os exalumnos/as do CRA que se incorporaron ao centro neste curso e que aproveitaron para darlle certos consellos e contarlle o ben que o pasaban neste cole, pasaron ao salón de actos onde o alumnado do Club de Teatro de 3º lles representou as súas obras "A Ratiña presumida" e "Mago de Oz". A continuación mostráronselle as instalacións do colexio e incorporáronse nas aulas de 2º cos que serán os seus futuros compañeiros/as. Despois puideron tomar unha merendiña no comedor; chocolate con rosca, zumes, froita... Posteriormente estiveron no recreo con todo o noso alumnado, volta ás aulas e remate da xornada. Unha bolsa de chuches que lle regalamos para que se vaian con bo sabor de boca e recollida por parte das familias. Foi unha mañá especial! 

 

V ROMARÍA DAS LETRAS

Por fin puidemos levar a cabo o acto central de celebración das Letras Galegas deste ano 2024, que por mor do mal tempo fora adiado.  Foi un acto de homenaxe á grande Luisa Villalta.

O alumnado maior foi o encargado de presentar e dirixir o acto que deu comezo cunha amena biografía da autora contada polos nenos e nenas de 5º.

  

Seguimos cun recitado de poemas en lembraza das 6 mulleres ás que se lle ten dedicado o día das Letras Galegas: Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, Mª Victoria Moreno, Xela Arias e a homenaxeada de hoxe, Luisa Villalta. Os protagonistas son agora unha representación do alumndo de Primaria, dende 1º ata 6º. Despois fíxose a entrega de premios do Concurso das Letras. O agasallo, un libro! Parabéns aos premiados e a todos os participantes!

 

E xa para rematar fixemos todos xuntos o baile do Pesiño de Leilía. Que divertido!

 QUEREMOS COIDAR O NOSO IDIOMA, FALEMOS GALEGO!!!

   

VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL

O pasado 24 de maio o alumnado do 1º Ciclo de Educación Primaria visitou a biblioteca municipal do Concello de Oroso situada no centro cultural Fernando de Casas e Novoa.

Na sala infantil estiveron ollando contos, álbums ilustrados e cómics. Tras a visita os/as nenos/as participaron nun contacontos.

 

ETAPA CAMIÑO DE SANTIAGO

No remate do curso, coma todos os anos, o alumnado do 3º ciclo fai unha etapa do Camiño Inglés a Santiago. Nesta ocasión tocou o tramo A Sionlla - Santiago. Estivemos na Praza do Obradoiro e ata puidemos entrar na catedral.Unha experiencia moi enriquecedora! 

  

  

   

ATLETISMO EN PISTA

Hoxe o alumnado de 4º de Primaria participou nas carreiras de Atletismo en pista dentro do Programa Xogade, no Campus universtario de Santiago. Estiveron xenial acadando moi bos postos. Parabéns!

 

 

  

Deportes Olímpicos: Skateboard

E para rematar as reportaxes sobre deportes olímpicos, o alumnado de 6º de Primaria achéganos ao skateboarding ou monopatinaxe. Este deporte debutou nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 celebrados en 2021 e repetirá en París 2024. No video cóntanvos como xurdiu este deporte, que posúe unha linguaxe propia e que hai unha deportista coruñesa que compite a nivel internacional entre outras moitas cousas. Non o perdades!

Good-bye Chloe!

Esta semana, entre apertas e bágoas, despedimos a Chloe, a nosa auxiliar de conversa neoyorquina que nos acompañou durante todo o curso. Os alumnos/as fixéronlle debuxos, escribíronlle tarxetas, asináronlle unha camiseta e sacaron as últimas fotos de recordo con ela.


Dende toda a comunidade educativa, querémoslle agradecer o seu traballo no noso cole e desexámoslle que teña boa viaxe de volta e que pase un bo verán. As portas do noso centro sempre estarán abertas para ela.

Álbum: Curso 2023 - 2024 -> Auxiliar de conversa

FONDO LIBROS 24/25

 

Aberto o prazo ata o 21 de xuño.

O luns 20 de maio, publicouse no DOG a orde do 7 de maio de 2024 que regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o alumnado (código do procedemento ED330B ED330G). Esta orde contempla dúas modalidades de gratuidade dos libros de texto:

a. Participación no fondo solidario de libros de texto, no noso centro para o alumnado que o vindeiro curso estude 3º e 4º de Educación Primaria (asignaranse os libros por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar). Tamén para o alumnado que vaia cursar 1º de ESO no instituto.

b. Axudas para mercar os libros de texto nos cursos de 1º e 2º (240 € para rendas per cápitas iguais ou inferiores a 6.000 € e 160 € para rendas entre 6.000 e 10.000 €).

Ademais refírese ás axudas para adquirir material escolar para toda a educación primaria, serán 75 € para rendas iguais ou inferiores a 6.000€ e 60 € para as rendas entre 6.000 e 10.000 €.

SOLICITUDES:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario (anexo I) dispoñible na aplicación informática “fondolibros” (https://www.edu.xunta.es/fondolibros/) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia  https://sede.xunta.gal

Opcionalmente poderanse presentar presencialmente no colexio (alumnado de 6º no instituto). Cada familia presentará unha única solicitude para todas as modalidades (fondo, axudas e material) e para todos os fillos e deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumno/a.

PRAZOS:

O prazo para presentar as solicitudes rematará o día 21 de xuño de 2024. As listaxes provisionais poderán consultarse no centro o mércores 26 de xuño, e as listaxes definitivas o luns 1 de xullo.

A entrega de vales e libros será dende o día 2 ata o día 5 de xullo.

DOCUMENTACIÓN:

·Anexo I (solicitude) e Anexo II (comprobación de datos dos membros computables das unidade familiar a 31 de decembro de 2022. No caso de opoñerse a esta consulta deberán entregar outra documentación complementaria)

·Copia do libro de familia ou documento acreditativo do número de membros computables. En caso de separación deberán achegar sentencia xudicial ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia

·Calquera outra documentación acreditativa de situacións concretas: discapacidade, violencia de xénero, acollemento...

CÁLCULO DA RENDA PER CÁPITA: A  renda per cápita é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do 2022 entre o número de membros computables. Hai que sumaras rendas de cada un dos membros computables da familia; se presentaron declaración, sumarase o recadro 435 máis o 460, se non se presentou teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

VISITA DO ALFAREIRO

Como cada curso, entre os actos programados para as Letras Galegas, contamos coa visita dun alfareiro de Buño para o alumnado de 6º de Infantil e 4º de Primaria. Quedamos abraiados vendo a axilidade que ten para moldear, dar forma, cortar, pintar... E para rematar nós mesmos podemos facer algo coa boliña de barro que nos deu. Que divertido!

  

TEATRO PARA AS FAMILIAS

Hoxe tivo lugar no centro a última representación para as familias, dentro do ciclo de teatro do mes de maio deste curso. As obras representadas esta tarde polo alumnado do Club de Teatro de 3º de Primaria foron: "A Ratiña Presumida" e "Mago de Oz". Fixérono xenial. Parabéns alumnado e profe encargada!