Blogues

SAÍDA AO AUDITORIO DE GALICIA.

Hoxe os nenos e nenas de 3º A, 3º B e 3º C de Educación Primaria,  asistimos no Auditorio de Galicia, ao concerto didáctico ``Mini Mozart´´. Aprendemos moito sobre o compositor Wolfgang Amadeus Mozart, sobre os instrumentos da orquestra, acompañados pola Real Filharmonía de Galicia.

A Incubadora de Lois

Nas aulas do 3º ciclo de Educación Primaria temos claro que, como expón Edgar Dale na súa pirámide da aprendizaxe, aprendemos só un 5% do que nos din pero, pola contra retemos un 90% do que dicimos e facemos. 

Esta é unha das máximas que orientan as metodoloxías activas que empregamos no noso día na aula, xa que temos claro que a verdadeira aprendizaxe é aquela que nos obriga a activar tódolos nosos coñecementos e habilidades para dar resposta as cuestións cotiás.

Neste facer diario xorden iniciativas e proxectos tan interesantes e cargados de esforzo que nos gustaría compartir con todos vós.

Comezamos con "A Incubadora de LOIS", un alumno que, coa axuda do seu pai, construiu unha incubadora que montou na aula e que con traballo, coidado e algo de paciencia acabou aumentando a "ratio" da aula cunha ducia de pitiños.

Deixámosvos aqui o 1º vídeo do diario do proxecto que o propio alumnado gravou e editou. Si queredes ver o resto, están dispoñibles no enlace da nosa canle de Youtube.

Sabemos que non podedes gozar tanto véndoos como nós vivíndo o proceso, pero esperamos que vos gusten.

 

 

 

VISITA MELGASAR, PEDRO BRANDARIZ, MONIFATES E CONTOS DE NADAL

Ademais da visita do Apalpador, tivemos outros plans moi especiais.

Por unha parte, dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e do Equipo de Biblioteca, organizaronse contacontos de temática navideña (moitos deles, relacionados co Camiño de Santiago!)

Por outro lado o martes (último día de clase antes de vacacións) tivemos varias visitas simultáneas no cole: Monifates, Pedro Brandariz e Melgasar.

Pasade, pasade... mirade que ben o pasamos!

Moi boas vacacións a todos e todas. Coidadevos moito e vémonos á volta, coas pilas cargadas!

Bo Nadal!

 

VISITA DO APALPADOR

Por fin chegou Noiteboa!

Estamos por aquí para contarvos que, nos últimos días de clase, tivemos varias visitas especiais. Queredes velo?

A primeira delas, directo dende a Serra do Courel... chegou o APALPADOR!

EXPOSICIÓN ARGALLAR - 1º PRIMARIA

O venres, 18 de outubro, o alumnado de 1º de Educación Primaria achegouse ata a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, para visitar a exposición ARGALLAR, na cal divertíronse e aprenderon xogando coa arquitectura. 

3.jpg

Carta con premio a Cosme III de Médici

Entre as actividades propostas durante este ano polo Concello de Oroso para continuar a promocionar o Camiño Inglés, convocouse a 3ª edición do concurso escolar sobre o Camiño Inglés, no que se convidaba ó alumnado de 5º e 6º de educación primaria dos centros educativos do Concello, a escribirlle unha carta ás personaxes destacadas que percorreron a ruta ó longo dos séculos.

Neste curso a carta do alumnado ía dirixida ó herdeiro do ducado da Toscana, Cosme III de Médici, o que precisaba dotes de investigación para empaparse da personaxe antes de afiar o lapis e dotar a misiva de expresividade e emoción.

Isto foi o que fixeron as alumnas Xiana Rodríguez  (6º B) e Noa Ratón (6ºA) acadando o 1º e 2º premio respectivamente, e que recibiron onte na VI Gala da Cultura no Centro Sociocultural "Fernando Casas e Novoa" da man do concelleiro Eduardo Veiras.

Parabéns ás dúas.

Feira do Tempo

A verdadeira aprendizaxe, a que perdura na memoria, é aquela que se constrúe facendo a partir da experiencia propia, que está dotada de significado e vinculada coas emocións, que estimula a capacidade de investigar, que favorece a colaboración e a autoxestión da aprendizaxe por parte do alumnado e que desenvolve comportamentos responsables, colaborativos e de traballo en equipo.

Exemplo de isto é a actividade desenvolvida hoxe no noso centro, "A Feira do Tempo". Coa implicación de todo o profesorado e alumnado, amosando o gran traballo realizado ó longo do curso a través do seu particular percorrido dende a Prehistoria ata ó Modernismo, sen esquecer a Cultura Clásica, a magnificencia do Antigo Exipto ou as construcións Medievais. Unha festa chea de obradoiros, presentacións, xogos, vídeos..... onde todo vale para aprender xogando e xogar aprendendo todos/as xuntos/as.


Visita a galería para ver máis

Semana das Cartas Emocionantes

Tristeza, alegría, amizade, soidade,...... complicado resulta poñer en palabras o que sentimos en tantos momentos do día. E o noso alumnado sábeo ben, por iso, este curso máis ca nunca, a semana das cartas emocionantes foi todo un ¡Éxito!

Feliz, abraida, satisfeita, afortunada....síntese Nica pola gran participación. Incluso ela recibiu unha carta que a encheu de ledicia.


Accede ó albúm e emociónate con nós.

 

Apadriñamentos Lectores

Dentro do plan de Animación á Lectura promovido dende a biblioteca do centro en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, incluímos entre as novidades deste curso a actividade de "Apadriñamentos Lectores".

A proposta consiste en que o alumnado de cursos superiores conte historias e contos seleccionados previamente por eles ó alumnado de Ed. Infantil ou de cursos inferiores de Ed. Primaria, contribuíndo ó desenvolvemento da capacidade lectora e da escoita activa, así como a mellorar as relacións interpersoais entre o alumnado do centro.


(acceso á galería premendo na imaxe)

Día das Bibliotecas Escolares 2018

24 de Outubro Día das Bibliotecas Escolares

A Biblioteca Escolar é un dos elementos fundamentais da comunidade educativa, xa que nela conflúen tanto o interese pola lectura como a inquietude de aprender de xeito activo.

No 1999 a Asociación Internacional de Bibliotecas Escolares (IASL) instaurou esta conmemoración co obxecto de destacar a importancia das Bibliotecas Escolares na educación dos nosos nenos e nenas.

O lema para este 2018 é; "Bibliotecas Escolares: Portas á Vida". E así abrimos as portas da nosa biblioteca para levala ó patio de xogos, favorecendo a súa percepción como elemento lúdico e de gozo.