PDI

XX Encontros de Teatro en Bande

Néfele a Raíña das nubes

Un ano máis volvemos participar nos prestixiosos Encontros de teatro infantil amateur que tan ben organiza o Concello de Bande, en colaboración co CEIP Xoaquín Lorenzo Xocas de Bande, e que son todo un refente na comunidade educativa galega. Este ano, tivemos o previlexio de ser convidados a participar na sesión de apertura destas xornadas teatrais, acompañando ao alumnado de Bande e ao do CEIP dos Blancos.

A obra que representamos foi a de "Néfele a raiña das nubes", da que é autora a nosa compañeira Camino de sexto curso. A obra é unha adaptación do conto co que resultara premiada no concurso "A ciencia que conta" da Fundación Barrié de la Maza.

Como cabía de esperar, a representación resultou todo un éxito por parte de todos e todas os protagonistas. No vídeo que está máis abaixo podedes visionar o ben que o fixemos.

A xornal de La Región deu información sobre a apertura destes encontros.

Parabéns para todos e todas os alumnos de sexto curso!!

Galería de imaxes

Galería de imaxes

 

Día da Poesía 2015

A celebración do Día da poesía no noso centro durou máis dunha semana. Ao longo deste tempo realizamos múltiples actividades co fin último de fomentar o gusto e a lectura de poesía.

Unha das principais actividades foi a realización dun obradoiro/concurso de poesía onde todo o alumnado do centro que traía unha poesía (inventada, copiada, con axuda dos pais,...) recibiu un agasallo.

Colgamos na entrada do centro un cartaz "Se un agasallo queres ter, poema has de traer" para motivar aos nenos/as.

No tempo destinado á Hora de ler traballamos lecturas de poemas e fixemos actividades variadas.

Realizamos unha exposición no centro das poesías feitas polo alumnado.

O propio día da poesía, que o celebramos o venres 27 de marzo, todo o alumnado e profesorado asistiu na biblioteca a un fantástico recital de poemas, onde os alumnos e alumnas de Educación Infantil recitaron unha poesía "Chegoua primavera" e adiviñas de contidos matemáticos relacionadas co PDI.

Unha vez finalizado o recital,os alumnos e alumnas foron ás aulas, onde os seus titores lle deron o agasallo a todos os que fixeran a poesía.

Para rematar, formamos grupos de dúas clases para ir ver a exposición das poesías. Cada grupo amosoulle ao outro grupo as súas poesías, recitando os que quixeron en voz alta os seus poemas.

Galería de imaxes

Elaboración de "Paus de choiva"

Outra das actividades que tivo moito éxito de participación no alumnado foi a creación de “Paus de chuvia”.

Estes instrumentos meteorolóxicos teñen a súa orixe nas culturas indíxenas de Norteamérica. Créese que eran utilizadas para atraer á chuvia en celebracións con rituais relixiosos dos indios norteamericanos.

Os paus de choiva auténticos están feitos cos troncos secos de varias especies de cactus. O tronco baleirase, as espiñas arráncanse e logo crávanse cara o interior de tronco ao largo de toda a súa lonxitude. Despois introdúcese grava e péchanse os extremos. Ao inclinalo, a grava vai caendo dun extremo ao outro, golpeándose coas espiñas no seu camiño.

Nós fixemos uns modelos destes paus a partir de tubos de cartón recheos de grava.

O resultado foi espectacular!!

Construcción dun pluviómetro

Ao longo deste mes o alumnado de 5º e 6º participou nun obradoiro para a construción dun pluviómetro.

O primeiro que fixemos foi documentarnos nos pasos a seguir para poder construír un pluviómetro caseiro que nos permita medir a cantidade de precipitacións en forma de chuvia que caen por m2.

Unha vez que tivemos claro o deseño do aparello de medida da pluviosidade puxémonos mans a obra e fabricamos uns espectaculares pluviómetros que están expostos no noso centro.

Día da meteoroloxía

O 23 de marzo celebramos no cole O Día Meteorolóxico Mundial. Esta data conmemora a entrada vigor, el 23 de marzo de 1950, do Convenio da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). Cada ano, os máis de 180 Estados Membros que a integran, celebran este día, centrándose nun tema de interese para a humanidade.

Por medio destas actividades intentamos sensibilizar á comunidade educativa para conseguir alcanzar algúns obxectivos fixados pola OMM, de tal modo, que percibamos mellor a importancia que revisten as achegas da meteoroloxía e da hidroloxía ás diversas actividades de todos os países da terra.

Hoxe foi un día de festa para o alumnado que está a traballar no proxecto de Meteoescolas. Estre todos elaboramos un gran doce na aula de sexto. Unha vez rematado o doce, en forma de moneco de neve, demos boa conta del sen deixar ningunha sobra.

No tempo dedicado á Hora de ler, ao longo deste mes, continuamos recollendo e analizando información referente a meteoroloxía que aparece diariamente nos xornais que chegan á biblioteca do centro.

Hai que repetir máis a miúdo este tipo de actividades lúdicas.

No seguinte índice podedes ver outras actividades que realizamos ao longo do mes:

Mes da meteoroloxía

Mes da meteoroloxía

O día 23 de marzo celébrase o Día Mundial da Meteoroloxía. Como estamos inmersos no programa de Meteoescolas da Consellería de Medio Ambiente, acordamos dedicar o "Mes da Meteoroloxía" a marzo.

Ao longo destas semanas realizaremos diversas actividades no centro, entre as que destacamos as seguintes:

  • Exposición das mellores imaxes que, ao longo do curso, achegou a comunidade educativa á galería que creamos no blog de meteoroloxía.
  • Elaboración dun pluviómetro polo alumnado de 5º curso de Ed. Primaria.
  • Convocar un concurso de viraventos no que poderá participar todo o alumnado do centro.
  • Asemade, continuaremos realizando as diferentes actividades metereolóxicas que estamos a traballar desde o inicio do curso:
    1. - Toma diaria de datos meteorolóxicos da nosa estación.
    2. - Análise dos datos meteorolóxicos.
    3. - Comparación cos datos da comarca de Tui recollidos polo CEIP de Pazos de Reis.
    4. - Recollida iconográfica do tempo diario que fai en Ourense.

Galería de imaxes

Festa do Entroido 2015

Como colofón final ás mandas do meco que tan ben nos dirixiron ao longo desta semana, celebramos a Festa do Entroido no cole coa participación de toda a comunidade educativa.

A ANPA do cole participou activamente nesta actividade co reparto dunhas "orellas de Entroido" exquisitas, de filloas riquísimas feitas por eles e bebidas variadas entre todos os participantes.

Posteriormente á degustación destes produtos típicos destas datas, realizamos o desfile de disfraces no patio cuberto, xa que o tempo non nos axudou moito.

Como en anos anteriores, a temática do desfile tiña relación co proxecto documental que estamos a desenvolver este curso, "Mergúllate nun mar de números". Cada aula disfrazouse dun tema:

  • 4º e 5º de Ed. Infantil de Hansel e Gretel.
  • 5º de Ed. Infantil de Infantil de “A galiña Turuleta”.
  • 1º de Ed. Primaria de “O noso aniversario”.
  • 2º de Ed. Primaria de “O número 13”.
  • 3º de Ed. Primaria de “O xogo do parchís”.
  • 4º de Ed. Primaria de “O super de Leo”.
  • 5º de Ed. Primaria de “O fondo do mar”.
  • 6º de Ed. Primaria de “Fenómenos metereolóxicos”.

Ao rematar o desfile suamos un pouco movendo o esqueleto ao ritmo que nos marcaba o noso DJ particular.

Preme na imaxe para ver a Galería

Galería de imaxes

Planetario de "La Caixa"

Durante a semana do 9 ao 13 de febreiro tivemos instalado no aula de música un planetario que nos cedeu "La Caixa". 

Esta actividade pretende acercar aos máis pequenos ao mundo da astronomía dun xeito estimulante, ameno e á vez riguroso. Buscamos que despois de realizada esta actividade, o noso alumnado mire ao ceo con outros ollos.

Por el pasou toda a comunidade educativa para presenciar as dúas presentacións que nos ofreceron. A primeira estivo dedicada a explicarnos o motivo de porque non se move a estrela Polar, asemade descubrimos cal é a orixe mitolóxica da súa forma e nome.

Na segunda proxección aprendemos curiosidades mitolóxicas da forma de varias constelacións que se poden observar no ceo durante o inverno.

Preme para ver a Galería de imaxes

Roberto Reséndiz Carmona

O 20 de xaneiro tivemos a sorte de contar coa presenza, na nosa biblioteca, do poeta mexicano Roberto Reséndiz.

Naceu en Zitácuano, Michoan México, no ano 1954. É director do Encontro Internacional de poetas e creador do Festival do Chongo Zamorano.

Participou en diversos Festivais e Encontros de poetas en diversas cidades americanas e europeas.

A súa obra foi publicada en varios países de todo o mundo, sendo traducidos os seus textos ao italiano, francés e sueco.

Con el realizamos un dinámico obradoiro de poesía, no que fomos intercambiando fermosas lecturas de poemas feitos por el e por nós.

Fixémoslle unha longa batería de preguntas moi persoais sobre a súa obra e os seus gustos, que el foi contestando amablemente ao longo de dúas horas. Así descubrimos que xa empezou a escribir desde moi cativo, aos sete anos, e que cando tiña 18 xa era un poeta consumado. Grazas á poesía é capaz de realizar incribles viaxes, tanto metaforicamente coma fisicamente e grazas a eles coñecer cidades e persoas de medio mundo.

Vive na cidade mexicana de Zamora na que todos os anos organiza un festival de poesía reunindo a  poetas amigos cos que visita as escolas para acercar a poesía aos cativos.

En relación ao proxecto de meteoescolas que estamos a desenvolver no centro, dentro do PDI "ergullámonos nun mar de números" pregúntamoslle sobre como era o clima do seu pobo. Dixo que era unha das cousas que máis botaba de menos cando viaxaba fóra do seu país, e máis de viña a Galiza, xa que aquí é moito máis frío e húmedo.

Comentounos que, aínda que naceu e viviu toda a vida en pobos do interior de México, lle gusta escribir á “Mar” porque a primeira vez que viu o mar quedou impresionado da súa grandeza. A Mar crea vida, del naceron os seres vivos.

Da poesía dixo que o que máis lle gusta é a imaxe e a metáfora...é dicir, o que se pode dicir con outras palabras. Quedou abraiado a primeira vez que leu os poemas de amor de Pablo Neruda.

Gústalle cantar e bailar, aínda que non sabe, pero sobre todo o rir e compartir...

Os seus primeiros poemas foron publicados en xornais de Zamora no ano 1975. Empezou a escribir porque dábanlle medo as mulleres. Coa escritura dos seus pensamentos sentíase moito máis seguro. Por iso usaba a poesía para acercarse a elas. Coa escritura el perdeu o medo, por iso nos animou a escribir sempre que teñamos medo a algo. Asemade, comentounos que o importante é escribir, non importa no medio que se faga. El incluso chegou a facer poemas en mensaxes SMS de 150 carácteres.

Animounos a escribir poesía e estará encantado de atopar, nun futuro próximo, a un de nós nalgunha das xuntanzas do Círculo poético de Ourense. Para comezar animounos a participar no concurso de poesía deste ano que convocou o Círculo poético.

Galería de imaxes

Visita ao supermercado Eroski

O 15 de xaneiro o alumnado de 3º e 4º curso visitou as instalacións do supermercado Eroski, situado no barrio das Lagoas, para ver en situ as diferentes seccións das que se compón un supermercado e cambiar impresións con diferentes empregados do mesmo. Descubriron curiosidades do seu traballo que descoñecían totalmente, como por exemplo os aparellos de seguridade que se empregan na carnicecía.

Previamente, unha empregada da cadea Eroski, chamada Dª. Eva, e acompañada polo responsable do centro das Lagoas, D. Manuel, ensinounos de xeito moi didáctico e ameno a estrutura e organigrama do super. Asemade, con ela repasamos os diferentes tipos de nutrientes que son imprescindibles para levar unha  dieta equilibrada e san. Posteriormente, no super, vimos as diferentes seccións onde podemos atopar estes produtos alimenticios.

Unha vez finalizada a visita, fomos agasallados cunha exquisita degustación de pinchos elaborados a partir de froita fresca polos empregados do super. Durante os petiscos, realizáronnos varios xogos moi divertidos nos que tiñamos que adiviñar, por medio dos sentidos do tacto ou do gusto, de que alimentos se trataban. Algunha das froitas que probamos era a primeira vez que as víamos.

Ao remate da actividade recibimos outro agasallo consistente nunha mochila con produtos alimenticios do super.

Desde aquí queremos agradecer a todos os membros do supermercado Eroski do barrio das Lagoas a atención e paciencia que nos prestaron durante a visita e especialmente a Dª Eva e D. Manuel polo ben que tiñan organizada a actividade.

Galería de imaxes

Distribuir contido