Skip to Content

Historia do centro

Na consolidación dun edificio no Posío que albergase os estudios de ensino medio na cidade de Ourense sóense distinguir tres etapas fundamentais: unha primeira de necesidade e de concienciación dun espacio digno, unha segunda de consolidación do edificio e unha terceira de recuperación que comezaría a partir do incendio de 1927.

 

Primeira etapa, de concienciación:

No ano 1845 comeza a súa andaina o Instituto ourensán e estaba situadado na chamada hoxe rúa Lamas Carbajal, onde compartía edificio co Seminario Conciliar, pero sempre desde a súa dirección, segundo os datos que temos, se viña reclamando un espacio máis amplo para un bo funcionamento.

En 1869 a Deputación Provincial destinará unha parte do seu orzamento para comezar a construcción actual onde se asenta o Instituto Otero Pedrayo. Durante vintecinco longos anos vanse realizando as obras que serán destinadas para edificio de tódolos centros docentes de Ourense. Na súa portaleira principal figura esculpido na pedra Centro Provincial de Instrucción, debido a que comeza albergando o Instituto de 2ª Ensinanza, a Escola de Artes e Oficios, a Escola Normal de Mestres, a Biblioteca Pública, ...

 

Segunda etapa, de consolidación:

Inaugúrase o actual edificio no ano 1896, e vai constituír sempre a súa actividade fundamental a de instituto, ou centro de ensino medio. ó longo de moitos anos pasarán polas súas aulas moitos rapaces que despois se convertirán en ilustres representantes da cultura galega como nolo poden testemuñar case tódolos membros da Xeración Nós. Como dato interesante hai que dicir que no curso 1904-05 atopamos xa as primeiras alumnas matriculadas.

 

Terceira etapa, de recuperación:

En 1927 arde o Instituto. Afecta sobre todo á súa parte dianteira na que se situaba a Biblioteca, a Sala de Profesores, e a Escola de Artes e Oficios, quedando o material que había nestes departamentos inservible. Este feito provocará que despois da reconstrucción o edificio se vaia dedicando exclusivamente a Instituto.

Retrato de Otero Pedrayo Durante a guerra civil son expedientados varios dos seus catedráticos, como Otero Pedrayo e Rodríguez Bouzo, sendo algúns deles reintegrados ás súas cátedras a finais dos anos corenta.

Na década dos anos sesenta o instituto empeza a denominarse Instituto Feminino, debido á apertura dun novo centro no barrio da Ponte que se destinará para Instituto Masculino. Coa democracia volve a ser misto, pero sen a anterior separación de alumnos no baixo e alumnas no primeiro andar.

No ano 1997 inaugúrase o Polideportivo construído no antigo campo O Pompeo, collendo del a súa denominación.

 

 

 



blog | by Dr. Radut