Skip to Content

Premios Xoán Díaz 2023

O venres, 19 de maio, no transcurso dunha gala que se celebrou no IES David Buján, tivo lugar a entrega de premios do XXIX Certame Literario Xoán Díaz

Despois de dúas edicións en que este acto non se puido facer, a gala da entrega de premios do XXIX Certame Literario Xoán Díaz volveu á normalidade. O acto celebrouse o 19 de maio de 2023 no salón de actos do IES David Buján e contou coa presenza de varios membros da familia de Xoán.

O acto, presentado por dous alumnos do centro, foi inagurado por un discurso do director do IES David Buján, Ricardo Rodríguez Portela, que felicitou os gañadores e recordou a esencia deste consolidado certame literario. Tamén tomaron a palabra os outros membros da mesa: Belén Vidal, directora do IES Afonso X O Sabio, Mercedez Díaz, irmá de Xoán, Mónica Varela, concelleira de Cultura do Concello de Cambre e José Luis Villar, presidente do xurado, que leu a acta.

A gala, amenizada por un coro do IES David Buján e un grupo de pandeiretas e gaita da Escola de Música e Baile "As Mariñas", de Cambre, contou coa presenza dos premiados e premiadas, que leron un anaquiño da súa obra no momento de recoller o seu galardón. 

Fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir material escolar para o curso 23/24

Publícase a Orde do 10 de maio de 2023 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/2024.

Prazos de solicitude

  • Alumnado con reserva de praza no centro: o prazo de solicitude iníciase o día 22 de maio e remata o día 21 de xuño.
  • Alumnado de incorporación tardía: o alumnado que deba incorporarse ao centro fóra do prazo ordinario disporá dun mes de prazo para solicitar o Fondolibros contado a partir da formalización da súa matrícula. 
  • Alumnado que repita 4º de ESO: se non tivese presentado solicitude de participación no fondo solidario no prazo ordinario, tamén poderá presentala no prazo de un mes desde a formalización da matrícula.

Lugares de presentación

  • Vía electrónica. As solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica nos formularios normalizados dispoñibles na aplicación Fondolibros da Consellería de Educación a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • No propio centro de ensino. Tamén poderán presentarse cubertos no centro de ensino no que estea admitido ou teña reserva de praza en horario de atención de administración (mañás de 09:00 a 13:30 horas).
  • Rexistros oficiais. Poderán presentarse as solicitudes en calquera rexistro oficial dos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Lémbrase que o alumnado de 1º e 2º da ESO non ten dereito ao fondo libros xa que ten EDIXGAL, mais si pode solicitar a axuda para material escolar. 

Ligazóns:

Surf en Barrañán

 

O 18 de maio de 2023, o alumnado de 2º ESO realizou un bautismo de surf na praia de Barrañán. A pesar de que as condicións do mar no eran as mellores, a experiencia resultou moi satisfactoria. Pasouse unha mañá ao aire libre, nun entorno magnífico, disfrutando dunha actividade deportiva moi divertida.

 

 

Musigal 23

Xa chegamos á rolda final do Musigal 2023. Estas son as 10 cancións que chegaron. Escóitaas e vota.  

Sortéanse puntos, bocatas  e unha camiseta (exposta na cortiza do EDLG) por participar.

Entrega do donativo correspondente ao II Feirón Solidario de Nadal

O luns 15 de maio visitounos por 2º ano Óscar Palleiro, bombeiro en Cambre e voluntario en salvamento, que nos falou do seu labor nas dúas ONGs coas que xa colaboraba o ano pasado: Proemaid e Rodeiras xuntas por Marrocos e tamén da súa nova colaboración en Turquía con Acción Norte. Ademais de aprender e empatizar coas inxustizas que se atopan detrás da crúa realidade da migración, os desastres naturais e a pobreza, fixémoslle entrega do 50% dos ingresos recadados (101,25€) na 2ª edición do Feirón Solidario de Nadal que se organizou desde os Departamentos de Economía e Convivencia coa colaboración do alumnado de 4º ESO-B. A dito donativo, sumouse a cantidade de 11,70€ doados pola familia dunha alumna. Total: 112,95€.   
Moitas grazas a todos/as pola vosa colaboración no II Feirón Solidario do IES David Buján.
 

Proceso de matrícula nas probas ABAU 2023

Para presentarte na ABAU cómpre que acades o título de bacharelato e matricularte nas probas. Como se fai?
 
Prazo de matrícula: do 18 ata o 22 de maio de 2023.  
 
Procedemento:

  • 2.- Acude á administración do instituto:
    • A administrativa do IES carga o impreso da prematrícula e xérase un código para activar a túa conta de usuario/a en Nerta.
      • Cada estudante recibe ese código de acceso no seu correo electrónico persoal; non vai chegar ao correo iesdavidbujan.gal.
      • Con ese código terás que seguir as instrucións para activar túa conta en Nerta.
      • Nerta é a web onde poderás ver se estás matriculado/a das materias correctas, comprobar as cualificacións dos exames cando realices as probas e realizar a solicitude de admisión no SUG (Sistema Universitario de Galicia).
    • A administrativa devólveche un xustificante de prematrícula, que debes comprobar antes de marchar.
  • 3.- Solicita o título de bacharelato con posterioridade ao 17 de maio. Sigue as instrucións que hai neste PDF para dar os seguintes pasos:
    • 1º: Enche un modelo de pagamento de taxas (54 € é a tarifa xeral; 27,03 € para familia numerosa xeral e gratuíta para a familia numerosa de categoría especial).
    • 2º: Despois do día 17 de maio, paga de forma telemática ou presencialmente nun dos bancos recomendados. Se escolles pagar presencialmente nunha oficina bancaria, vanche saír tres copias do formulario; telas que levar ao banco e alí vanchas selar: unha é para ti, outra para a administración do instituto e outra queda no banco.
  • 4.- Para pagar a matrícula da ABAU:
    • Presencialmente, nun banco autorizado: enche o xustificante de pagamento da matrícula da ABAU (63,67 € é a tarifa xeral; 31,84 € para familia numerosa xeral e gratuíta para a de categoría especial). Ao imprimires o xustificante, lembra sacar 3 copias: para ti, para o instituto e para o banco.
    • Telematicamente: entra en Nerta para efectuar o pagamento en liña.
  • 5.- Despois de pagares, acude á administración do instituto cos seguintes papeis:
    • O xustificante de pagamento do título de bacharelato.
    • O xustificante de pagamento da matrícula da ABAU.
    • Unha fotocopia do DNI ou pasaporte.
    • Se é o teu caso, acreditación de descontos ou exención de pagamento (por familia numerosa, etc.).
  • Ás probas da ABAU terás que levar o DNI/Pasaporte, o xustificante de pagamento da matrícula da ABAU e o impreso de matrícula.

Charla de orientación académica e laboral: FP sanitaria no CIFP Ánxel Casal

No mediodía do vindeiro luns, 8 de maio, entre as 15.30 e as 16.30 h, imos recibir a visita de persoal do CIFP Ánxel Casal (A Coruña), que nos vai ofrecer información de primeira man sobre a súa oferta de ciclos de Formación Profesional da rama sanitaria. Esta actividade está dirixida a todo o alumnado interesado e ás súas familias.

 

Representación do IES David Buján en Diverciencia

Nerea, María e Jean de 4º de ESO representan o IES David Buján cun proxecto cuxo obxectivo é comparar o contido en proteínas no leite e en bebidas de orixe vexetal. O traballo foi levado a cabo durante este curso polo Club de Ciencia do centro e foi desenvolvido grazas ao material e a información proporcionada polo grupo de divulgación e de innovación XuvenCiencia da USC.

A feira Diverciencia ten como obxectivo dinamizar a ensinanza e a divulgación da ciencia a través dos proxectos presentados por alumnado de diferentes niveis educativos. Durante estes días, ademais, haberá charlas, exposicións e obradoiros para os participantes. Este ano a feira acolle máis de 3.400 estudantes xunto a 209 profesores acompañantes de 81 centros participantes. Moita sorte, Nerea, María e Jean na defensa do voso proxecto!

O alumnado de 4º e bacharelato que estea interesado en aprender a realizar proxectos de investigación e ademais pasalo moi ben este verán, poden participar no campus de verán de XuvenCiencia que se desenvolverá en Lugo do 2 ao 8 de xullo.

Ligazón: https://xuvenciencia.org/campus/gl/

Talleres de xadrez, cubo de rubik, origami...

Departamento de Convivencia e Mediación continúa coas súas actividades durante este último trimestre. Seguimos cos talleres de xadrez e de cubo de rubik. Temos novos cubos con diferentes formas e que son máis desafiantes! Retámosvos a que veñades á aula de convivencia a intentar resolvelos! 

Tamén temos unha  novidade: un taller de origami no primeiro recreo dos venres que organiza Nicolás Martínez de 1º ESO. Grazas Nico por axudarnos a facer figuras tan fermosas!
Non olvidemos que tamén segue adiante a Brigada Ecolóxica. Hai que coidar o contorno do noso instituto. É labor de todo@s.
Animádevos a participar nestas actividades nos recreos!
 

Visita de Emma Pedreira

O pasado venres, 21 de abril de 2023, o IES David Buján recibiu a visita de Emma Pedreira Lombardía, grazas ao Programa de Actividades Literarias do Ministerio de Cultura. A escritora mantivo encontros con grupos de 1º e 2º de ESO, con quen falou dos diversos formatos que poden adoptar os libros e tamén da súa novela Os corpos invisibles, publicada en 2019.
Distribuir contido


by Dr. Radut