Finalización Curso 2019-2020

As Instrucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se adoptan medidas para a finalización do curso 2019-2020 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia, do 22 de maio, recolle una serie de modificacións aplicables tanto a cursos de promoción como de certificación.

As principais son as seguintes:

  • A adaptación das programacións nos cursos de certificación, segundo o establecido no punto 10.1 das instrucións do 27 de abril de 2020 non afectarán aos contidos establecidos nas programacións dos cursos de certificación dos distintos niveis (A2, B1, B2, C1 e C2).
  • Quedan sen efecto os calendarios establecidos na Circular 1/2020 para a realización das convocatorias ordinaria e extraordinaria das probas de certificación nos meses de xuño e setembro, respectivamente.
  • Avaliación dos cursos de promoción:
    • As cualificacións dos cursos de promoción publicaranse ás 14:00 do día 25 de xuño.
    • A recuperación das actividades de lingua non superadas realizarase no mes de setembro.
    • O alumnado que non estea conforme coa proposta de promoción poderá optar por repetir o curso no que estaba matriculado no 2019-2020. Para isto deberá asinar o documento de renuncia á promoción no prazo de 3 días hábiles dende a publicación da súa cualificación (do 26 ao 30 de xuño, ambos incluídos).
    • Este alumnado non terá que someterse de novo ao proceso de preinscrición, senón que deberá matricularse no prazo que se estableza na correspondente circular de admisión.
    • Esta renuncia non suporá a devolución das taxas de matrícula aboadas.
    • Igualmente, tendo en conta o establecido no punto 9 da Circular 3/2019, ao inicio do vindeiro curso, este alumnado poderá ser reasignado de novo ao curso dende o que promocionou.
  • Criterios de certificación:
    • Respecto á avaliación dos niveis de certificación terase en conta o establecido no punto 10.7 das instrucións do 27 de abril: "A avaliación dos niveis de certificación realizarase de acordo cos principios e criterios establecidos no Real decreto 1/2019, do 11 de xaneiro, polo que se establecen os principios básicos comúns de avaliación aplicables ás probas de certificación oficiais dos niveis intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial e na Circular 8/2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a elaboración e administración das probas de certificación das ensinanzas de idiomas de réxime especial para o curso 2019-2020".
    • As características das probas de cada un dos niveis (A2, B1, B2, C1 e C2) recóllense na correspondente Guía informativa e de especificacións das probas de certificación, que se publicaron como anexos da Circular 1/2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se regulan para o curso 2019-2020 as probas de certificación das ensinanzas de idiomas de réxime especial reguladas polo Decreto 81/2018, do 19 de xullo.
  • Calendario das probas de certificación: O novo calendario de probas de certificación establecerase para cando as circunstancias sanitarias permitan a súa realización. A convocatoria ordinaria, tanto para o alumnado oficial como para o libre, non se realizará en ningún caso antes do mes de setembro.
  • Matrícula do alumnado libre:
    • O proceso de matriculación para o alumnado libre retomarase cando as circunstancias sanitarias o permitan. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa trasladaralles ás escolas o novo prazo de matrícula coa antelación suficiente, para que o fagan público a través das súas páxinas web e taboleiros de anuncios. 
    • O alumnado xa matriculado poderá renunciar á matrícula, se así o desexa, e solicitar a devolución das taxas aboadas. Esta renuncia poderase formalizar ata quince días antes da data que se estableza para o inicio das probas.
  • Renuncia de matrícula:
    • O alumnado poderá solicitarlle ao centro a renuncia de matrícula no curso 2019-2020 ata o 30 de xuño de 2020. 
    • A mencionada renuncia non computará para os efectos de permanencia no curso e nivel correspondente.
    • O alumnado que renuncie á matrícula nestas circunstancias e desexe continuar os seus estudos nas escolas oficiais de idiomas como alumno/a oficial no curso 2020-2021, no mesmo curso e nivel en que estivera matriculado, non deberá someterse de novo ao proceso de preinscrición, senón que deberá matricularse no prazo que se estableza na correspondente circular de admisión. 
    • Esta renuncia non suporá a devolución das taxas de matrícula aboadas.
    • Pode descargar nesta ligazón un modelo de renuncia, aínda que non é preceptivo. Pode redactala como vostede desexe, facendo constar os seus datos identificativos e expresando a súa vontade de renunciar á matrícula oficial.
    • Atendendo ás especiais características do estado de alarma, para limitar o número de desprazamentos e facilitar o trámite, pode enviar a renuncia escaneada por correo electrónico a eoi.vilagarcia@edu.xunta.es Remitirémoslle polo mesmo medio a entrada de rexistro do seu escrito, para que lle conste.
  • That’s English!
    • A avaliación do alumnado de That’s English! que teña pendente algún dos módulos non conducentes a certificación farase a partir dos datos obtidos das actividades desenvolvidas por este ao longo do seu proceso de aprendizaxe.
    • No caso de que o profesorado non dispoña de datos suficientes para avaliar este alumnado, poderá realizar tamén, ao longo de mes de xuño, probas e actividades telemáticas que lle permitan obter unha cualificación, de acordo co punto 2 da instrución segunda. A recuperación dos módulos non superados realizarase no mes de setembro.
    • O alumnado dos módulos 4, 8 e 12 realizará as correspondentes probas de certificación nos calendarios que se establezan para a convocatoria ordinaria e extraordinaria.
  • Matrícula do alumnado dos cursos CALC e Cuale: Establecerase un novo prazo para a formalización da matrícula do alumnado dos cursos CALC, Cuale e cursos de formación do profesorado de preparación das probas de certificación das EOI que non puidese formalizala no prazo establecido na Circular 1/2020. Este prazo farase público nas páxinas web e taboleiros de anuncios das EOI coa antelación suficiente á realización das probas. 
  • Preinscrición e matrícula para o curso 2020-2021:
    Os períodos de preinscrición e matrícula para o vindeiro curso, que serán publicados por esta dirección xeral, adaptaranse ás circunstancias derivadas da situación sanitaria. En todo caso, procurarase facilitar a tramitación da matrícula evitando a presencialidade no centro educativo por medio de procedementos telemáticos.