"GUIADA DA MAN DUN SOÑO A PRIMAVERA CHEGOU" (Manuel María)

A primeira hora da mañá, ás nove, a furgoneta cargada de plantas, arbustos, terra e cortiza chegou a nosa escola; non dabamos feito en colocar todo no porche para unha vez alí organizar todo o traballo; era moita a efervescencia : querían saber os nomes de tantas ducias de plantas como alí había : petunias, pensamentos, begonias, azaleas, dimorfotecas, margaridas, iberis, xeraneos, rododendros, cinerarias, surfinias, caraveis chineses, xazmíns, taxetes.....

Comezamos por plantar unha petunia, begonia ou pensamento- a elixir-, nas macetas que nos trouxeron os Reis Magos e que tan ben decoradiñas deixamos pintándoas con pincel e pinturiñas desas que secan axiña.

 

 

E entón, menos mal, chegaron dúas nais, unha avóa e unha tía, que axudáronos moito. (Tamén chegou Lorena, esa profe que sabe tanto de ordenadores, con dous señores aos que non puidemos atender porque andambamos moi liados, pero agradecémoslle que viñeran a poñernos o canón, a ver se aprendemos a traballar con el).

 

Logo os nenos e nenas cargaban as carretillas de terra para botar nas xardiñeiras e nas macetas colgantes para que unha vez que tiveran as plantas, decoraran os peitoriles das ventás e a fachada da escola.

Máis tarde pasamos ao deseño do xardín, pero antes rastrillaron; mesmo o feito de ter un braciño roto e escaiolado non foi obstáculo para que Anxo traballara arreo desde as nove ata as dúas cun pequeno descanso para merendar, facer un debuxo do traballo realizado e enviarlle un comentario por internet aos nenos e nenas de Cruceiro polo bonito conto que fixeron titulado "Paco Pacolo". Tamén Pedro e Raúl enviaron un comentario. Non deu tempo a que o escribiran todos os nenos e nenas; farano outro día.

As familias deseñaron o xardín colocando as plantas que os nenos levaban sen sacalas da maceta.

Os nenos miraban moi atentos para ver onde tiñan que sachar para facer os coviños.

 

 

Regaron, sacharon, cargaron carretillas con pedrolos que sacaban ao sachar, algúns incriblemente grandes; carrexaron cortiza, espallárona e contemplaron o bonito que estaba todo.

Anxo dicía : "Quen me dera poñer flores por todo o patio, está tan bonito...."

Dicía Antonio Machado "La primavera ha venido

nadie sabe como ha sido".

Na escola de Cuvide sí sabemos como chegou; chegou con esforzo, tesón, ilusión..., guiada da man dun soño do que non queremos espeertar cun mal pesadelo.

E agora unhas fotiños do grupo, dalgún momento do traballo da representación plástica e dos espacios que hoxe coidamos e seguiremos coidando.