Camiño do Pazo, s/n (Sober) Tfno. 982 87 08 41 e 982 87 08 42.

SAMAÍN 2023 (31/10/23023)

     A piques de rematar outubro, chegou a celebración de Samaín e Halloweene desde o centro fixemos diferentes actividades para conmemorar esta data

 

 

        - Exposición de cabazas ou outros obxectos terroríficos que o alumnado quixo traer das súas casas.

 

   -   Exposición de lecturas de medo  no corredor principal á entrada da biblioteca.

 

     - Lecturas compartidas na biblioteca:  neste ratiño de lectura compartida, o alumnado de 1º agasallounos co recitado do poema El fantasma Nicolás de G. Espejo e tres biblioaxudantes, prepararon a lectura do libro Os Bolechas teñen medo.

 

 

   - Certame de creación literaria con dous retos. O primeiro reto era inventar unha apócema ou bebereaxe e o segundo escribir unha historia de terror a partir do comezo dun libro publicado. Este ano os libros que tiñan que continuar foron: Mortiña 5. Unha sorpresa marabillosa escrito por Barbara Cantini para o alumnado de 3º e 4º de primaria e Malvarina. Bruxa en prácticas escrito por Susanna Isern para 5º e 6º de Primaria.

 

  Pola tarde, os gañadores do certame leron as súas historias aos seus compañeiros na biblioteca nun ambiente terrorífico e despois recolleron os seus premios.

 

 

    Pero todos os participantes puideron recoller un premio pola súa participación xa que poñer a mente a traballar para escribir unha historia ou unha apócema ten que ter un recoñecemento. 

 

   - Disfraces: nunha festa coma esta non podían faltar os disfraces para divertirse e pasar un bo rato. Aquí tedes aos máis cativos do colexio pero podedes ver todos os grupos  na galería de imaxes.

 

 
 

 

DÍA DAS BIBLIOTECAS (24 - 10 - 2023)

   Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas e, como non podía ser doutra forma, foi un día moi completo!

   Durante toda a semana estivemos facendo formación de usuarios para lembrar as normas da biblioteca, a CDU, organización dos andeis, o significado das etiquetas dos libros...

 

   Pero hoxe comezamos pola mañá entregando varios agasallos. Por unha banda, tivemos a entrega de premios aos nenos e nenas de 4º de Primaria que o ano pasado gañaron o Accésit da Categoría III do concurso Nós tamén creamos da TVG polo súa cortometraxe do libro A princesa do Caurel de Javier Solchaga e Patacrúaque é un conto acumulativo clásico arredor do roubo do anel desta princesa do Caurel.

    Podedes ver esta produción no seguinte enlace:

 

 


      Despois entregamos uns premios tamén aos participantes no reto lector do verán do curso 2023 que consistía en reescribir o final dun libro que leran na época estival.

 

 

    E para rematar esta sesión matutina, todo o alumnado de Primaria recibiu o marcapáxinas conmemorativo deste día escrito polos autores e ilustradores Dani Viéitez e Iria Iglesias como texto agasallo para o Colectivo LEMOS LE.

 

 

DÍA DAS BIBLIOTECAS - Colectivo LEMOS LE (22-10-2023)

    Por noveno ano o COLECTIVO LEMOS LE, do que a nosa biblioteca forma parte, volveu a organizar unha xuntanza de confraternidade para conmemorar o Día das Bibliotecas. 

     Este ano xirou arredor do lema "Tecendo comunidades" proposto polo Ministerio de Cultura y Deporte para, como indican na súa páxina, "destacar el papel fundamental que desempeñan las bibliotecas en la construcción de lazos fuertes dentro de nuestras comunidades. Estas instituciones son centros de conexión y aprendizaje, donde las historias, las experiencias y los conocimientos son los hilos que unen a los ciudadanos."

 
    O lema reflicte perfectamente o espíritu do colectivo: formar unha comunidade entre as bibliotecas escolares e públicas da comarca de Lemos para apoiarnos, axudarnos, intercambiar ideas, compartir actividades e coñecementos... e para visibilizalo  "tecemos" un gran cartel tipo patchwork con anacos que simbolizaban ás nosas bibliotecas uníndoos arredor do logo do colectivo e do propio cartel do Día das Bibliotecas.

 

    Ademais este ano, seguimos coa edición de marcapáxinas con textos que escritores ou escritoras da comarca agasallan ao colectivo por este día. O texto foi escrito e ilustrado por Dani Viéitez e Iria Iglesias (enlace ao texto) e nel aparecen moitos dos protagonistas das súas obras: o raposo Rufo, Pilonga e Amanito, Pelo de Nube...

 
FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!
Oxalá nunca se desfagan os nós que nos unen!!
 
 


VI ANDAINA ESCOLAR POLO CAMIÑO DE INVERNO (6/10/2023)

 

      O venres día 6 de outubro a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra organizou a VI Andaina escolar polo Camiño de Inverno na que participamos uns 1.600 escolares percorrendo diferentes tramos deste camiño.

 

   Para participar nesta actividade, o noso alumnado estívose preparando na biblioteca facendo un traballo de investigación sobre esta etapa do camiño de inverno: que é unha ruta xacobea, que ríos ían atopar, que pobos ían atravesar, a simboloxía do camiño de Santiago...

 
 

   E unha vez que xa estiveron preparados para camiñar, puxémonos en marcha. Do noso centro participaron os nenos e as nenas do último curso de educación infantil que tiña asignado un tramo de 1 km con saída desde o campo da Virxe de Monforte de Lemos e o alumnado de Primaria que veu camiñando desde Reigada, aproximadamente 6 km.

 

 

   Unha xornada soleada na que puidemos gozar desta camiñata cos nosos compañeiros e compañeiras rodeados de fermosos paisaxes.
 
 
  
   Á chegada a Monforte reunímonos todos os participantes no Auditorio ao aire libre do Parque dos Condes e despois pasamos o que quedaba de xornada no parque infantil da Compañía.
 
    
 
E se queredes ter máis información ou pasar un bo rato lendo sobre o Camiño de Santiago, lembrade que na biblioteca encontraredes moitos libros que podedes levar prestados.
 
 

 
 MOITAS  GRAZAS  Á  ASOCIACIÓN  CAMIÑOS  A  SANTIAGO  POLA  RIBEIRA  SACRA POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  ACTIVIDADE!!
 
 
 
 

IV VISITA ÁS ESCAVACIÓNS DIDÁCTICAS DE PROENTIA (19/09/2023)

       Por cuarto ano, o alumnado de 3º a 6º de Primariavisitou ás escavacións arqueolóxicas que se están realizando na antiga Proentia, correspondentes á parroquia soberina de Proendos, para coñecer a nova fase deste proxecto da man do propio equipo arqueolóxico.

   A escavación que visitamos é a zona do hórreo onde Francisco Alonso, o director técnico, nos explicou en que consisten os traballos de consolidación que están realizando e a importancia dos mesmos para a súa conservación.

 
 

    Durante esta visita puidemos comprender a importancia do hórreo en si mesmo xa que é o único destas características no noroeste peninsular; pero tamén a importancia de toda a información que se pode deducir a partir do seu descubrimento.

 

   Ademais coas súas indicacións puidemos fixarnos en moitos detalles que doutro xeito non saberiamos:

a importancia do cambio de cor da terra,

 
 
a existencia dunhas pedras chamadas xuntoiros que atravesan os muros,
 

 

a razón pola que utilizan trozos de lousa nos seus traballos,

 

as tébulas que nos indican como era o seu tellado,

 

como os muros se cortan entre si,

 
ou a apararición dunha fosa.
 

 

   A sesión didáctica rematou coa presenza do director do proxecto en Radiuvín para falar con Javier e Antía sobre todo o que aprendemos na visita e moitas cousas máis que poderedes averiguar oíndo o programa que gravaron.

 

   MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA VISITA  QUE  AXUDA  A QUE  O  NOSO  ALUMNADO  COÑEZA  O  VALOR  DAS  RIQUEZAS  DO  NOSO  CONCELLO!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

BENVIDOS AO NOVO CURSO ESCOLAR 2023 - 2024

   Como o día 8 de setembro é festivo en Sober, se vides ao cole estará pechado; pero lembrade que comezaremos as clases o LUNS día 11 no horario habitual (9:45 - 15:45) e que os servizos de transporte e comedor funcionarán con normalidade desde o primeiro momento para todo o alumnado.

 

 Para aclarar diversos aspectos pedagóxicos e organizativos fundamentais para o desenvolvemento deste curso convocámosvos a unha reunión coas titoras e cos tirores correspondentes no seguinte horario:

      INFANTIL: día 19 ás 16:00 hrs

      1º e 2º PRIMARIA: día 20 ás 17:00 hrs

      3º e 4º PRIMARIA: día 20 ás 16:00 hrs

      5º e 6º PRIMARIA: día 20 ás 16:00 hrs

 

   Esperamos que o noso alumnado veña con entusiasmo, con moita ilusión despois de todo o verán e cun montón de ganas de aprender cousas novas.

Estámosvos esperando... Benvidos!!

 

A PRINCESA DO CAUREL: Premiada co Accésit do concurso Nós tamén creamos (04/07/2023)

   Este ano participamos por primeira vez no concurso  Nós tamén creamos  convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como finalidade a "promoción da adquisición, do uso e da valoración da lingua galega na aula por medio da creatividade e da incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación ás aulas". 

 
    Para participar cada centro ten que elaborar unha curtametraxe en galego coa técnica stop motion a partir dun álbum ilustrado. No noso caso escollemos o libroA princesa do Caurel de Javier Solchaga e Patacrúa que é un conto acumulativo clásico arredor do roubo do anel desta princesa do Caurel.

 

   Para a elaboración da curtametraxe, o alumnado de 3º de primaria comezou investigando en internet como facer os elementos e personaxes que aparecen no libro co tangram.

 

   Despois fixeron todas as fotos necesarias para a montaxe da curta.

 

 

E para rematar, gravaron a narración do conto nos estudos de Raiduvín.

  

Despois de tanto traballo...  

O RESULTADO  FINAL  FOI  PREMIADO  CO  ACCÉSIT  NA  SÚA  CATEGORÍA!!

Podédelo ver no seguinte enlace:

Acceso a páxina web da CRTVG

 

 PARABÉNS  AO  ALUMNADO  E  PROFESORADO  ENCARGADOS  DESTE  PROXECTO!!!

 

LIBROS DE TEXTO 2023 - 2024

Nos seguintes enlaces podedes acceder aos libros de texto que utilizaremos no centro durante o curso 2023 - 2024

 

 

ED. INFANTIL

1º PRIMARIA

2º PRIMARIA

3º PRIMARIA

4º PRIMARIA

5º PRIMARIA

6º PRIMARIA

 

Distribuir contido