Camiño do Pazo, s/n (Sober) Tfno. 982 87 08 41 e 982 87 08 42.

PORQUE TE QUERO MOITO - SAN VALENTÍN 2023

O 14 de febreiro celébrase tradicionalmente San Valentín, un festexo que según algunhas fontes históricas xa se celebraba na época romana. 

Hoxe é un día para demostrarlles as persoas que queremos o noso amor e admiración por elas: as nosas familias, amigxs, mestrxs... Aínda que é un sentimento que deberíamos demostrar a diario, ás veces cóstanos un pouco. Por iso, dende a materia de Valores Sociais e Cívicos o alumnado de 3º e 4º de primaria estivo a traballar o conto Porque te quero moito de Milja Praagman da Editorial Hércules Edicións. 

 

Quixemos homenaxear a unhas das persoas máis importantes das nosas vidas: as nosas avoas e o seu amor infintivo que sempre nos demostran. Por iso, eliximos este albúm ilustrado que mostra o vencello entre unha avoa e a súa neta, Ibi. 

 

Fixemos un audio conto aplicando as técnicas que aprendimos no último obradoiro de radio que fixemos fai uns días. Esperamos que vos guste moito!

 

DÍA MUNDIAL DA RADIO - 2023

  A Asociación Cultural e Pedagóxica  Ponte... nas ondas!   convudiunos a conmemorar a  12ª edición do Día Mundial da Radio

     Entre as actividades propostas escollemos a realización dun podcast sobre o patrimonio de Sober e para a súa elaboración o alumnado de Investigación e Tratamento da Información de 4º e 6º de Primaria fixo un traballo de recompilación de información sobre varios monumentos do noso Concello: a igrexa de San Xulián de Lobios e o cruceiro, a Capela da Raíña dos Anxos, o santuario de Cadeiras e a igrexa de Santa María de Proendos.

 

 

    Podedes escoitar o resultado final deste programa no seguinte podcast:

 

Tamén vos deixamos o enlace á publicación que fixeron na propia páxina de Ponte nas... ondas! onde se poden escoitar os podcast dos máis de 40 colexios e institucións participantes.

 
 

HABÍA UNHA VEZ... NA RADIO (8/02/2023)

  O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro de formación a través do proxecto Radio na biblio; pois grazas a este proxecto contamos cun orzamento específico para facer obradoiros que repercutan na formación do noso alumnado.

 

   Para o obradoiro deste ano estivo no centro Soledad Felloza que desenvolveu unha actividade de narración oral titulada Había unha vez... na radio.

 

    Primeiro o alumnado estivo facendo unha posta en común sobre o concepto que tiñan de radio: que escoitaban, que lles parece que fai falta para ter un bo programa...

 

 

  Despois, Soledad contoulles El cuento de los Reyes Magos á vez que os nenos e nenas tiñan que ir teatralizando algunhas partes.

 

     A continuación, coas indicacións de Soledad, o alumnado participante entendeu que na radio hai que contar só para as orellas porque a persoa que nos está escoitando non nos pode ver. Para iso ensinoulles técnicas coas que facer da voz un gran instrumento que poida recrear voces con diferentes matices ou sons do mar, do vento, de animais...

 

     Por último, dividíronse en pequenos grupos para ler diferentes contos nos que tiñan que poñer en práctica o aprendido: entoación adecuada, diferenciación de voces, expresividade...

 

   Esperamos que esta formación tan interesante repercuta positivamente no noso alumnado así que a partir de agora, estade atentos ás emisións de Lecturradio: as túas lecturas na nosa radio. Seguro que non vos defraudan! 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Lola (07/02/2023)

    Hoxe estivemos de estrea na actividade As familias contan xa que era a primeira vez que viña a contar Yolanda, a nai de Lola.

    O libro que escolleron foiEl día que mamá perdió la paciencia de Belén Gopegui. que como ben di o título é a historia dunha nena chamada Mariú que ten que buscar a paciencia que perdeu a súa nai.

    O problema é que Mariú non sabe por onde empezar a buscar xa que a paciencia é algo que non se ve nin se toca, como se sabe a onde van as cousas invisibles que se perden?

 
   Como non sabe por onde comezar pide axuda ao seu irmán pero el non lle pode axudar porque está xogando cun amigo. O mesmo pasa co seu pai que non lle pode axudar porque está traballando co ordenador, pero aínda así non se desanima porque ela sabe viaxar nos contos que le así que decide buscar a través deles.

 

   Yoly e Lola léronnos un fragmento no que Mariú atópase nos seus contos coa princesa Adhara que, como todas as princesas, ten os seus problemas: ten que levar zapatos de tacón cos que ten que dar pasos pequeniños para non caerse, sempre ten que vestir con roupa elegante e ben pranchada, as coroas, as diademas...
 
     Despois atopará moitos máis personaxes que a farán reflexionar e descubrir a diferenza entre rabieta e perder a paciencia, o valor da razón, a emoción dos sentimentos, a empatía, a responsabilidade dos sentimentos que provocamos noutras personas... e aprenderá que todos (nenos e adultos) temos dereito a perder a paciencia algunha vez.

 

       E respecto á paciencia da mamá, vós que pensades? Atoparíaa? 
      
       E que faríades vós para atopar a vosa paciencia se a perderades? Como nos dixeron Yoly e Lola hai moitas maneiras de buscala: pensar, reflexionar, descansar, relaxarse, pór a funcionar o sentido común...

 

      Se queredes escoitar un fragmento deste libro tan didáctico podedes facelo no seguinte podcast onde tamén escoitaredes unha pequena reflexión que as nosas protagonistas fixeron en Radiuvín

 MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  TRAERNOS  ESTA  LECTURA,

FOI  UN  PRACER  ESCOITARVOS.

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

PINTANDO UN FUTURO MELLOR, UN FUTURO CHEO DE COR (30-01-2023)

    Este ano para conmemorar o Día da Paz e da Non Violencia Escolar e o Día da Ilustración, fixemos un montón de actividades arredor do  Guernica  de Pablo Picasso.

 

    Primeiro mostramos o cadro na biblioteca e pedímoslles aos nosos nenos e nenas que dixeran o que lles inspiraba: tristeza, medo, morte, dano, auxilio, falta de cor... foron as palabras máis repetidas e os sentimentos que máis expresaron.

 

    Despois contamos a historia deste cadro que foi pintado por Picasso no 1937 e representa os horrores do bombardeo por avións alemáns durante a Guerra Civil española dun pequeno pobo chamado Guernica en Vizcaya (País Vasco) e comentamos algúns efectos da guerra apoiándonos en diferentes imaxes do cadro.

 

 

    A continuación dividimos o cole en dous grupos diferentes. O alumnado de Ed. Infantil e 1º e 2º de Ed. Primaria foi o encargado de transformar a tristeza do cadro pintando entre todos unha nova versión con cores vivos e alegres porque queremos un futuro cheo de cores e non de grises.

 
 

 

     O alumnado de 3º a 6º de Primaria tiña que ilustrar unha resposta para a pregunta: Que pasaría se bombardeasen o noso concello? e reflexionar sobre o que poden estar pasando nos territorios que están en guerra.

 

 
 

 

     Ao final, expuxemos todo o traballo no corredor principal xunto a unha réplica feita en madeira por antigos alumnos e alumnas do centro. Esperamos que se o vemos durante todo o ano non se nos esqueza a importancia da paz e da non violencia.

 
 

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 
 

RECEITAS PARA A PAZ (30-01-2023)

   O alumnado de 1º e 2º de Primaria converteuse en persoal de cociña para conmemorar o Día da Paz inventando varias receitas con ingredientes indispensables para preparar un bo plato de paz.

   Primeiro fixeron unha choiva de ideas para pensar que ingredientes deberían utilizar e despois escolleron os que lles pareceron más apropiados: respecto, tolerancia, amor, apertas, amizade, empatía...

 

 

 

   Para rematar expuxeron os seus traballos nun mural que está no corredor principal do piso superior e  no que expresaron os seus desexos de paz tamén en castelán e en inglés xa que somos un centro plurilingüe.

 

 

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (6/2022-2023)

   Hoxe tivemos a sexta sesión do club de lectura deste curso, a segunda dedicada ao libro Un mundo para Maruxa de Estefanía Padullés.

 

     Durante a mesma falamos de moitas cousiñas interesantes tomando como punto de partida diferentes capítulos do libro. Por exemplo, partindo do capítulo cinco que xa ten un título que lles chamou a atención: Quen se acorda dos deberes? falamos da importancia de ser responsables e de organizarse, de non deixar todo para o último momento e do refrán que nos dixo unha participante que lle dicía a súa nai: Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe!

 
 
     Tamén falamos das relacións cos nosos avós e avoas e coas persoas maiores en xeral e buscamos similitudes coas actividades que facemos nós coas persoas da residencia de maiores do noso concello: escribímoslles cartas, enviámoslles agasallos...

      Despois reflexionamos sobre a actitude de Isolina intentando poñernos no seu lugar: por que será tan desagradable? Estará de mal humor? Quen pensarán as persoas que viven nunha residencia? Por que a protagonista di que calquera cousa vale para os avós?

 
 

 

      Para rematar, a parte final da sesión, estivo dedicada á importancia da reciclaxe comentando as páxinas informativas que aparecen no libro: canto plástico usamos e como nos desfacemos del? Como afectan os plásticos ao medio ambiente? e aos animais? Podemos facer nós algo para mellorar o consumo de plásticos? E, por suposto, da regla dos 3 R: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

 

   Unha sesión que deu moito de si xa que aos participantes lles gustou moito a lectura desta primeira parte do libro. Esperemos que a segunda parte nos aporte tanto como esta!

 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Estrela (27 - 01 - 2023)

     Hoxe, na actividade As familias contan recibimos na biblioteca a Paula, a nai de Estrela. Entre as dúas léronnos o libro Lobo Feroz de Patacrua (Ed. OQO) baseado nun conto popular ruso.

 

      Escoitándoas soubemos que o protagonista desta historia era un lobo tan preguiceiro que por non esforzarse non comía nada máis que papas de arroz!

 

Ata que un día, cando xa estaba moi fraco, decidiu empezar a cazar e converterse nun lobo feroz; pero... que credes que pasaría?

 
Intentou cazar unha cabra, unha vaca, un porco, un burro e unha ovella; sería capaz de levar algo á boca?

    

    Se queredes saber como acaba o conto do lobo que quería ser feroz, podedes escoitar moi atentos o seguinte podcast no que Paula e Estrela comparten o libro con todos vós a través de Radiuvín.

 

 

MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  VIR  A  CONTARNOS ESTA  HISTORIA  TAN  ENTRETIDA  SOBRE  A PREGUIZA  E  O  ESFORZO!!


 

 

Distribuir contido