Camiño do Pazo, s/n (Sober) Tfno. 982 87 08 41 e 982 87 08 42.

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE 2023

    A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o 7 de abril como Día Mundial da Saúde para destacala como un dereito básico e universal e para fomentar o acceso á atención sanitaria de calidade en todas as rexións do mundo, especialmente na poboación con escasos recursos.

 

     Tamén a Axenda 2030 propón Saúde e Benestar como un dos seus obxectivos.

    Para sumarnos a esta conmemoración tivemos no centro ás doutoras Olalla Quintairos Veloso e Alba Rodríguez Gavino que impartiron un obradoiro para todo o noso alumnado.

    O obradoiro estivo repartido en dúas partes. A primeira parte estivo dedicada aos hábitos saudables relacionados coa alimentación e a hixiene personal.

 

   A segunda parte estivo dedicada a primeiros auxilios relacionados con situacións cotiás: 

sangrado de narices, feridas e curas, atragantamentos, 

RCP (reanimación cardiopulmonar), 

protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer), 

identificación das constantes vitais das persoas (VER se se move o peito, OÍR achegando a orella á súa cara e SENTIR o alento na cara), 

posición lateral de seguridade e simulacros con chamadas ao 112.

 
 

 

   Se queredes saber máis detalles sobre esta actividade podedes escoitar ás nosas convidadas no seguinte programa de Radiuvín.

MOITAS  GRAZAS  AS  DÚAS  POR  ESTA  ACTIVIDADE,
 
FOI  UN  PRACER  CONTAR  COA  VOSA  COLABORACIÓN!
 
 
 

E  LEMBRADE... ANTE CALQUERA EMERXENCIA...
 
 
 
 
 
 

LEMOS, CREAMOS E EXPRESAMOS (2023)

   Durante o segundo trimestre os alumnos e alumnas de 1º de Primaria levaron a cabo coa axuda das familias, unha tarefa chamada "Lemos, creamos e expresamos" para desenvolver diversas competencias e habilidades relacionadas coa comprensión lectora, a expresión oral, o traballo manual e a cooperación.

   Esta tarefa realizouse nos seguintes pasos:

1) LEMOS: Elección e lectura dun conto na casa.

 

 2) CREAMOS: Realización dunha proposta orixinal relacionada coa lectura do conto (manualidade ou debuxo) na que se representan os aspectos principais ou a idea principal do conto.

 

 3) EXPRESAMOS: Exposición na clase do traballo realizado; cada alumno/a expuxo a manualidade ou debuxo realizado e respondeu ás preguntas relacionadas coa lectura do conto e coa proposta creada (Podedes acceder aos vídeos clickando nas imaxes)

 

 

    A verdade é que a actividade foi un éxito e os/as nenos/as quedaron moi contentos/as. 

 

 

     Ademais acadáronse os obxectivos propostos:

- Motivar ao alumnado cara á lectura e favorecer a creación dun hábito lector.

- Desenvolver a expresión oral dos nenos e das nenas traballando a perda do medo escénico ao falar en público, estratexias de comunicación, interiorización de vocabulario específico, etc.

- Involucrar ás familias cooperando en actividades que motivan aos seus fillos e fillas.

- Respectar e valorar o traballo dos outros.

 

 

NORABOA  A  TODXS!!!

FIXESTES  UN  GRAN  TRABALLO!!

 

 

ENCONTROS PLAMBE 2023

    O venres día 31 celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago os Encontros do Plan de Mellora de bibliotecas Escolares 2022/2023 onde nos reunimos os coordinadores e coordinadoras das bibliotecas que formamos parte do PLAMBE.

      

   Durante estes encontros escoitamos intervencións de expertos que nos falaron sobre intelixencia artificial, tendencias e innovación en bibliotecas, selección de literatura... e experiencias doutros centros entre os que se incluíu o noso, que xunto ao IES Pino Manso de O Porriño falamos sobre ALFIN (Alfabetización Informacional).
 
 

 

     Se queredes coñecer a información que compartimos nos encontros cos outros centros escolares sobre o que nós facemos para alfabetizar ao noso alumnado, podedes consultar a seguinte presentación:
 
 
   Como coordinadora do Equipo de Biblioteca, quero dar as grazas a todxs xs compañeirxs do cole que traballan para levar a cabo todas estas actvidades e aprendizaxes e á Asesoría de Bibliotecas Escolares por contar coa nosa experiencia para estes encontros.
 
 

VIAXANDO POLAS LETRAS (12 / 2022 - 2023)

   Comezamos novo libro!!   A proba de auga de Anémona De Río!!

 

   Xa que varios nenos e nenas do club estaban pedindo que leramos un cómic, decantámonos por este título que gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.

 

   O primeiro foi repartir o libro e ler a reseña do mesmo para saber sobre que ía a tratar:

Rematados os seus estudos, unha pequena pinga de auga está xa preparada para levar a cabo a súa misión. Pero no seu primeiro día todo ocorre demasiado rápido, perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba.

 

Despois lembramos as diferenzas entre ler cómic e ler manga sobre as que xa falaramos o curso pasado e lemos as primeiras páxinas.

   Esperamos que o novo libro lles guste a todxs!!

 

DÍA DO TEATRO (27 - 3 - 2023)

     Desde 1961 o 27 de marzo conmemórase o Día Mundial do Teatro declarado como tal polo Instituto Internacional do Teatro (ITI) coa finalidade de reforzar a importancia deste xénero literario que transmite tantas emocións.

  

 

  Para unirnos á esta conmemoración, o alumnado de 5º e 6º de primaria preparou a representación da peza "Las truchas" de Andrés Pérez Asensio publicada no libro Cuentos escenificados da Editorial S.M.

   Unha peza teatral onde a protagonista consegue enganar ao seu marido e ao señor alcalde utilizando a súa astucia para librarse do lío no que se meteu por comellona.

 

  A verdade é que foi unha representación moi divertida que gustou moito a todos os espectadores.

 

PARABÉNS A TODO O ALUMNADO PARTICIPANTE!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (11 / 2022 - 2023)

   Hoxe tivemos a terceira sesión do club de lectura dedicada ao libro Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro.

 

 
   Nesta sesión estivemos lendo e comentando algúns dos poemas da segunda parte do libro que máis lles gustaron aos nenos e nenas do club de lectura e que queremos compartir aquí.
 
 Comezamos polo poema da páxina 28 que da título ao libro:
 

 

   Despois completamos entre todos unha versión do poema da páxina 33 e comparámola cos poemas que fixeran eles. Compartimos a plantilla por se alguén se anima a rimar con nós:
 

 

   E para rematar comentamos o último poema do libro sobre a fala do vento, as palabras e o silencio.
 Que quererá dicir o autor cando fala de palabras de fume e palabras soñadas?
Pode haber palabras sen letras?
Palabras borradas? Por que alguén borraría palabras?
 

   Para poñerlle punto e final á sesión de hoxe, queremos reflexionar sobre as verbas dunha rapaza do club:

"Gústame a poesía porque aínda que non a entenda moito, os poemas parecen cancións que escribe o autor; son bonitos de ler"

 

TALLER SENSORIAL (22 - 03 - 2023)

  Dentro da programación que o Concello fai para o Mes do Amandi, o alumnado de 5º e 6º de primaria participou nun taller de análises sensorial dirixido por vinosacra.es almacén e impartido polo sumiller Bruno Lovelle.

 

 

  Neste taller o alumnado traballou na identificación de olores e sabores moi coñecidos por todos pero aínda así, non foi unha tarefa doada de realizar.

 

 Comezamos cunha sucesión de aromas que lembraban os olores de froitas, de flores, de colonias... coa finalidade de espertar o sentido do olfacto dunha forma lúdica e pedagóxica.

 

 

 

 

   Despois foi o momento dos sabores. A finalidade desta parte do taller era diferenciar entre amargo, salgado, ácido ou doce e intentar recoñecer en que parte da lingua detectábamos cada un destes gustos.

 

 

 

 

MOITAS GRAZAS AO CONCELLO E A VINOSACRA POR ESTA ACTIVIDADE!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

.  

FUMATAS - Programa de prevención de Drogodependencias (21 - 03 - 2023)

   Desde hai varios cursos, o alumnmado do noso colexio participa no programa "Fumatas" organizado polo Servizo de Prevención da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte de Lemos.
 
   Durante o seu desenvolvemento a educadora social Luisa Astray, dálle pautas aos nenos e nenas para que desenvolvan hábitos e actitudes saudables centrándose na prevención do tabaquismo para o que recibiron información sobre esta substancia e realizaron experimentos cos que observaron como o feito de fumar perxudica gravemente a nosa saúde.
 
 

 

 

   Outro aspecto desta formación analizar as consecuencias que se derivan do hábito de fumar: enfermidades, dentes ou dedos amarelos, efectos na pel e nos pulmóns...
 
 
     Ademais dos cigarros, Luisa tamén lles falou dos efectos secundarios dos vaper e das cachimbas que algúns adolescentes están a utilizar como alternativa ao tabaco tradicional.

 

    Para rematar traballaron fórmulas para rexeitar os ofrecementos de tabaco e convídaselles a que no futuro sexan uns bos axentes de saúde para non comezar a fumar e para animar aos adultos fumadores que teñan ao seu carón a que deixen de fumar.

       

 

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 
 
 
 

DÍA DA POESÍA (21 - 3 - 2023)

    Desde 1999, o 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía coa finalidade de promover a súa ensinanza, crear unha imaxe atractiva dela e fomentar a expresión e tradición oral.

 

  No noso colexio foron os nenos e nenas de Ed. Infantil e de 3º e 4º de primaria os encargados de recitar varios poemas na biblioteca e gravalos despois en Radiuvín para conmemorar este día.

   A clase de Infantil A, recitou un poema sobre a chegada da primavera.

 

 

A clase de Infantil B, recitou dous poemas do libro O xardín de Irene de Xosé Neira Vilas.

 
    E os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria recitaron o poema Eu xa te bisquei de Celso Emilio Ferreiro e Adivínase el dulce y perfumado... de Rosalía de Castro.

 

DÍA DA NARRACIÓN ORAL (20-3-2023)

O 20 de marzo é o Día da Narración Oral.

 

  

   Para conmemorar esta data os nenos e nenas de 1º e 2º contáronlle aos seus compañeiros dous contos na biblioteca que podedes escoitar a continuación.

    Comezaron os alumnos/as de 1º de Primaria contando O Gatipedro, basado no libro do mesmo nome de Jacobo Paz. Con esta historia coñecemos a un neno que non quere poñer cueiros pola noite pero cando vai durmir ten un grave problema: sempre se levanta coas sabas molladas. Queredes saber quen lle fai isto? Pois escoitade atentos.

 
 

 

 

   Despois continuou o alumnado de 2º de Primaria contando A boneca de Lucas, basada no libro de Alicia Acosta que é a historia de Lucas, un neno que desexa máis que nada no mundo unha boneca. Por que non poden xogar os nenos con bonecas? 

 
 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido