VIAXANDO POLAS LETRAS (14 / 2022 - 2023)

    Unha das finalidades do club de lectura é facer que os nenos e as nenas se acheguen aos diferentes xéneros literarios; por iso, quixemos tamén dedicarlle unhas sesións ao teatro. Neste caso a obra literaria escollida foi As cousas de Don Paco que é unha obra de Eva Mejuto coa que coñecemos a biografía de Francisco Fernández del Riego autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.

 

     O primeiro que lles chamou a atención foron os protagonistas xa que non hai ningunha persoa nesta obra senón que todos son obxectos relacionados co autor: Don Lapis (o lapis que o acompañou durante toda a vida), Baldomero (o reloxo que lle regalou a súa muller Evelina), Oliva (a súa máquina de escribir), Leica (a cámara de fotos que sempre levaba con el) e Guadalupa (a lupa que usou para ler cando xa era maior). A partir deste punto aproveitamos para falar da personificación pero tamén doutros recursos literarios.

 

    Outro punto de análise foi a estrutura da obra que está dividida en tres actos, pero que é un acto e cal é a diferenza entre acto e escena?

     Os actos son as partes nas que se divide a obra teatral e indican cambios de tempo, espazo ou acción; e as escenas son as partes nas que se divide un acto e poden estar diferenciadas por exemplo, polas saídas ou entradas de personaxes.

 

 

    Despois comezamos a falar da propia biografía do autor parándonos un chisquiño máis nos anos que estivo estudando en Monforte xa que xeográficamente nos queda moi cerquiña e varios pais de membros do club tamén estudaron nese colexio.

 

   Falamos tamén do seu papel principal como creador do Día das Letras Galegas e da creación da Editorial Galaxia e a revista Grial e ademais reflexionamos sobre a importancia do galego e do seu uso: segue sendo de paletos falar galego? por que hai que defender a nosa lingua? Sería interesante que desaparecesen as linguas do mundo e todos falaramos o mesmo idioma?

 

Gustounos tanto esta obra que decidimos preparala para representarlla aos nosos compañeiros a próxima semana!

A ver se lles gusta!!