AS FAMILIAS CONTAN: FAMILIA DE EREA (24/11/2023)
Hoxe estreamos a actividade As familias contan deste curso 2023 - 2024 coa Familia de Erea.
Estando colgada daquela rama a Stelaluna pasoulle algo sorprendente: atopou a súa nai!
Desde ese momento comezou a vivir con ela e aprendeu como viven os morcegos de verdade.
De alí a uns días, Stelaluna foi buscar aos seus amigos paxariños para ensinarlles como é realmente a vida dos morcegos e con ese intercambio, todos aprenderon que é posible ser amigos a pesar das diferenzas.
Se vos quedastes con ganas de saber máis sobre a historia de Stelaluna, podedes escoitar todo o libro no seguinte podcast xa que Silvia e Erea estiveron en Radiuvín para gravalo.
MOITAS GRAZAS AS DÚAS POR VIR A LERNOS ESTA HISTORIA COA QUE APRENDEMOS TANTO SOBRE INTEGRACIÓN, DIVERSIDADE E RESPECTO!!
CLUB DE LECTURA (3 / 2023 - 2024)
Hoxe tivemos a segunda sesión do club de lectura dedicada ao libro Mitos e Lendas da Ribeira Sacra, escrito por Dani Viéitez e Iria Iglesias.
Nesta sesión cada membro do club fixo a exposición correspondente a lenda que tiña asignada para hoxe.
Unha posta en común moi interesante na que dos demos conta de que as lendas non son tan doadas de entender así que aproveitaremos a próxima sesión cos autores do libro para solucionar todas as dúbidas que nos quedan.
XI SEMANA DA MÚSICA: A PERCUSIÓN (22/11/2023)
Esta é a décimo primeira Semana da Música que celebramos no colexio con motivo de Santa Icía, patroa da música.
A actividade completouse cun concerto didáctico na biblioteca a cargo de Alba Varela Losada, ex-alumna do noso colexio e, na actualidade, alumna en prácticas. Ela, como percusionista, puido explicarlle a todo o alumnado os aspectos máis importantes dos instrumentos que forman esta familia: clasificación, tipos de sons que poden producir, técnica instrumental, tipos de baquetas, instrumentos de pequena percusión...
Despois Alba foi a encargada de facer entrega dos agasallos aos participantes no certame de investigación e os premios aos que mellor o fixeron.
DÍA INTERNACIONAL DA INFANCIA - DÍA DOS DEREITOS D@S NEN@S (20-11-2023)
O 20 de novembro conmemórase o Día Internacional da Infancia porque nesta data, en 1989, se firmou a Convención sobre os Dereitos dos nenos e das nenas; un texto no que se recollen os dereitos da infancia, as medidas de protección e os coidados que necesitan xs menores de 18 anos.
Para conmemoralo e dar a coñecer este día, decidimos centrarnos no decálogo que resume o texto da convención porque abarcala toda é moi difícil. Así que o que fixemos foi repartir estes dez dereitos principais a 10 grupos de nenos e nenas de xeito que cada grupo tiña que ilustrar nun vagón o dereito que lle correspondía.
Despois o alumnado de Infantil foi o encargado de decorar a locomotora que tirara por todos eses vagóns.
OBRADOIRO: INSTRUMENTOS DE PERCUSIÓN (19/11/2023)
Xa que estamos desenvolvendo un proxecto sobre a familia dos instrumentos de percusión, decidimos propoñerlle ao alumnado de Primaria uns obradoiros para que realizasen os seus propios instrumentos.
O reto era conseguir facelos seguindo uns titoriais moi sinxelos, serán capaces??
Comezamos cunhas maracas...
E seguimos cuns pratos que imitan o son das ondas do mar...
VISITA DO ALUMNADO DE 1º CURSO DO GRAO DE ED. INFANTIL
Por segundo ano alumnos e alumnas de 1º curso do Grao de Educación Infantil da Facultade de Ourense acompañados por varios mestres e mestras viñeron a coñecer a realidade do noso centro educativo.
Para un mellor desenvolvemento da actividade, xs universitarios dividíronse en 5 grupos para pasar por 5 puntos diferentes do noso colexio: a biblioteca, o espazo croma, a radio e as dúas aulas de Ed. Infantil.
Nas aulas de Ed. Infantil puideron coñecer ás nosas crianzas e a diferente metodoloxía de traballo que se leva a cabo entre Infantil A que é unha aula mixta (3 e 4 anos) e Infantil B (aula de 5 anos).
Na biblioteca biblioaxudantes de 5º e 6º de Primaria tiñan preparada unha intervención con información sobre a organización da mesma (Lectuvín, a CDU, espazo creativo...), as actividades que facemos, o seu labor como biblioaxudantes e todos os recursos e materiais que se poden atopar nela.
Nos estudos radiofónicos de Radiuvín, outro grupo de biblioaxudantes explicáronlles como se grava, como funciona o programa editor de audio e ata lles fixeron unha pequena entrevista.
No espazo audiovisual do croma, tres biblioaxudantes recibían aos futuros mestres e mestras para explicarlles como se utiliza esta técnica e as súas aplicacións didácticas: pero non só de forma teórica xa que puideron facerse varias fotografías e gravar algúns vídeos.
MOITAS GRAZAS POR VIR A COMPARTIR CON NÓS ESTA MAÑÁ,
ESPERAMOS QUE VOS GUSTARA A VISITA!!
CLUB DE LECTURA (1 / 2023 - 2024)
Comezamos as reunións do club de lectura VIAXANDO POLAS LETRAS do curso 2023 - 2024!
Unha aventura lectora que empeza con moita forza xa que se apuntou todo o alumnado de 5º e 6º de Primaria.
Nesta primeira reunión, os membros do club cubriron unhas enquisas iniciais para establecer o punto de partida: que esperan do club e das reunións, os seus gustos e hábitos lectores...
VÉMONOS NA SEGUINTE SESIÓN!!
CARTAS DENDE A RÍA (8/11/2023)
Esta semana xa nos chegaron as súas primeiras cartas e, como podedes ver, o noso alumnado está moi emocionado con elas e poñendo xa a mente a traballar para contestarlles canto antes!
MAGOSTO 2023 (3/11/2023)
Novembro é o mes dos magostos e das castañas e no cole fixemos o noso propio magosto!
Podedes ver máis imaxes deste día no seguinte enlace:
SAMAÍN 2023 (31/10/23023)
A piques de rematar outubro, chegou a celebración de Samaín e Halloweene desde o centro fixemos diferentes actividades para conmemorar esta data
- Exposición de cabazas ou outros obxectos terroríficos que o alumnado quixo traer das súas casas.
- Exposición de lecturas de medo no corredor principal á entrada da biblioteca.
- Lecturas compartidas na biblioteca: neste ratiño de lectura compartida, o alumnado de 1º agasallounos co recitado do poema El fantasma Nicolás de G. Espejo e tres biblioaxudantes, prepararon a lectura do libro Os Bolechas teñen medo.
- Certame de creación literaria con dous retos. O primeiro reto era inventar unha apócema ou bebereaxe e o segundo escribir unha historia de terror a partir do comezo dun libro publicado. Este ano os libros que tiñan que continuar foron: Mortiña 5. Unha sorpresa marabillosa escrito por Barbara Cantini para o alumnado de 3º e 4º de primaria e Malvarina. Bruxa en prácticas escrito por Susanna Isern para 5º e 6º de Primaria.
Pola tarde, os gañadores do certame leron as súas historias aos seus compañeiros na biblioteca nun ambiente terrorífico e despois recolleron os seus premios.
Pero todos os participantes puideron recoller un premio pola súa participación xa que poñer a mente a traballar para escribir unha historia ou unha apócema ten que ter un recoñecemento.
- Disfraces: nunha festa coma esta non podían faltar os disfraces para divertirse e pasar un bo rato. Aquí tedes aos máis cativos do colexio pero podedes ver todos os grupos na galería de imaxes.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- …
- seguinte ›
- última »