Radio

COÑECENDO OS NOSOS CONCELLOS na revista EDUGA (19/6/2019)

   A revista  EDUGA é a Revista Galega do Ensino publicada pola Consellería de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria
 
   Nela recóllense entre outras seccións Biblioteca, Formación, Innovación, Experiencias... e dentro do apartado Boas Prácticas da sección Bibliotecas, no seu último volume publicado, o número 77 (xaneiro - xuño 2019), poderedes ler un artigo que fala sobre o proxecto Coñecendo os nosos concellos que, como sabedes, é un proxecto radiofónico colaborativo coa biblioteca do CEIP A Pobra do Brollón.
 
http://www.edu.xunta.gal/eduga/1741/boas-practicas/conecendo-os-nosos-concellos-proxecto-colaborativo-radio-na-biblio
 

MERENDAS CON CONTOS EN RADIUVÍN (19/06/2019)

   Hoxe estiveron en Radiuvín Julia Fernández Garza (bibliotecaria Municipal), Dunia Rodríguez (animadora sociocultural) e Rocío Fernández (técnica informática) responsables da actividade Merenda con contos; o programa de animación á lectura que desenvolven na Biblioteca Pública Municipal todos os venres do curso escolar para os nenos e nenas do Concello de Sober.
 
 

   Para saber todo o que falamos sobre este programa de animación á lectura e moitas cousas  máis relacionadas coa biblioteca e co seu 25 aniversario, só tedes que escoitar a entrevista no seguinte enlace:

MOITAS  GRAZAS ÁS TRES  POR  ESTA  VISITA!!
 
E  PARA  O  ANO...
 
MÁIS  MERENDAS  CON  CONTOS!!
 

COÑECENDO OS NOSOS CONCELLOS - CONVIVENCIA FINAL (14/7/2019)

    Remata o curso e con el remata a primeira edición do proxecto radiofónico Coñecendo os nosos concellos.
 
   Se recordades, na nosa última emisión, preguntámoslles que deberiamos visitar se íamos á Pobra. Pois ben, esta vez en vez de contestarnos cun novo programa, a resposta foi... unha invitación!
 
   Por suposto, despois de levar moitos meses escoitando a través das ondas tantas cousas de A Pobra, xa tiñamos ganas de visitar o concello e de coñecer en persoa aos locutores que lle poñían voz aos seus programas; así que entre os dous centros organizamos unha xornada de convivencia
 
   Para o alumnado de 3º a 6º tíñannos preparada unha visita ao Castro de San Lourenzo guiada polo arqueólogo Xosé Gago.
 
   Nesta visita Xosé contounos a historia do Castro, datos sobre a vida neste poboado, lendas relacionadas... pero tamén na voz dalgúns alumnos de A Pobra coñecemos a historia de San Lourenzo.
 
    A actividade continuou cunha parte máis práctica na que o alumnado tivo que escavar varias tumbas e recoller e analizar os obxectos atopados nelas para descubrir que personaxes históricos de A Pobra estaban alí soterrados.
 
    Para rematar puidemos escoitar aos pequenos guímaros brindar unhas coplas improsivadas para nós.
    E mentres os maiores facían todo isto, o alumnado de infantil, 1º e 2º de Primaria asisitía a unha sesión de Contacontos e desfrutaba dun tempo de xogos no parque.
 

     Despois xa todos xuntos, compartimos a comida e un rato de lecer no colexio anfitrión.

 
 
 MOITAS  GRAZAS  POLA  VOSA  ACOLLIDA!!
 
O  PRÓXIMO  ANO  CONTINUAREMOS  APRENDENDO
SOBRE  OS  NOSOS  CONCELLOS!!
 

DESPEDIDA TORI (31/5/2019)

    Hoxe despedimos á nosa auxiliar de conversa  Victoria Capuano (Tori despois de levar dous cursos no noso centro compartindo moitas experiencias con nós.
 
   Pero antes de marchar, Tori estivo en Radiuvín para adicarnos unhas verbas do que supuxo para ela o paso polo noso centro.
 
 
    Podedes esoitar a entrevista a continuación e non vos preocupedes se non entendedes ben o inglés porque Uxía e Francesca foron traducindo simultáneamente o que ela dicía. 
 

 
 
    E para que se lembre sempre de todos os alumnos e alumnas do centro, cada un dedicoulle un debuxo ou un texto co que fixemos un libro de recordos.
 
THANK  YOU  VERY  MUCH,  TORI!!

WE  HOPE  YOU ARE VERY  HAPPY!!

CONCERTO DIDÁCTICO (31/5/2019)

    O noso alumnado xunto co alumnado do CEIP Monte Baliño de Pantón, do CEIP A Gándara de Monforte e do PAI de Sober; aistiu ao concerto didáctico organizado pola Banda de Música de Sober, as Escolas Municipais de Música e Teatro e o Coro Berea.
 
 

    Neste concerto disfrutamos dunha adaptación do conto musical La vía de los sueños de Josu Elberdin e ao rematar, varios mestres e alumnos convertéronse momentaneamente en directores da banda.

 

    Tras o concerto, Ruth González (directora do Coro Berea) e Miguel Franqueiro (director da Banda de Música de Sober) acudiron aos nosos estudios de Radiuvín para falar sobre varios aspectos organizativos e musicais do evento así como das súas experiencias musicais e levaron como agasallo un punto de lectura de Lectuvín e unha clave de sol impresas coa nosa impresora 3D.

   Esta actividade tamén foi recollida pola prensa local:
El Progreso

La Voz de Galicia

TALLER DE ILUSTRACIÓN (31/2/2019)

    O alumnado do centro que acudiu ao taller de ilustración e debuxo impartido por Iria Iglesias, fixo uns fermosos debuxos do fondo do mar dos que xa podedes disfrutar no corredor do colexio: sereas, peixes, polbos, caranguexos, barcos afundidos, sbmarinos... e como non, tamén están eles mesmos como buceadores observando todo o que acontece.
 
 

COÑECENDO OS NOSOS CONCELLOS. 5ª EMISIÓN (10/05/2019)

     Aquí está a nova emisión do programa Coñecendo os nosos concellos, que xa é a quinta!!
 
     Na última emisión dos alumnos do CEIP da Pobra do Brollón, contáronnos moitas cousas sobre as singularidades da viticultura da súa zona e preguntáronnos sobre os monumentos que hai en Sober.
 
     Pois ben, a raíz desta pregunta, quixemos achegarnos ao patrimonio do noso Concello para coñecer mellor o lugar onde vivimos, darlle o valor que se merece e difundilo para que non se perda e que outros tamén poidan coñecelo.
 
       Así que, en colaboración co Concello de Sober e a Oficina de Turismo, o centro organizou a saída didáctica Na procura dos tesuros de Sober para achegarnos a algúns dos monumentos máis importantes da nosa localidade a través dunha busca do tesouro na que tiñamos que estar moi atentos ás explicacións da nosa guía Mari Fé.
 

 

 Con todos os datos obtidos nesta excursión, elaboramos o guión deste programa radiofónico. Escoitade atentos!!
 

 
 Esperamos que esta emisión vos gustase tanto como a nós! Ouvímonos  na  próxima  edición na que esperamos escoitar a vosa resposta!

Ata pronto!!
 
 
 

NA PROCURA DOS TESOUROS DE SOBER (30/4/2019)

        A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en colaboración coa CRTVG, convocou o I CONCURSO DE PODCASTS - Radio na Biblio para conmemorar o Día das Letras Galegas 2019 dedicado ao etnógrafo Antón Fraguas.
 
      O obxectivo deste concurso é estimular a elaboración de programas radiofónicos que destaquen o patrimonio material ou inmaterial de Galicia, especialmente o máis próximo a cada centro escolar.
 
      Nós quixemos participar cunha emisión que resaltase as tres igrexas máis importantes e destacables do Concello: coñecelas de primeira man visitándoas e aprendendo delas coa visita guiada da encargada da Oficina Municipal de Turismo, Mari Fé,  para logo dedicarlle este programa radiofónico poñendo en valor o noso patrimonio.

    Esperamos que vos resulte tan interesante como a nós e que aprendades moito sobre elas!

VIAXE AO FONDO DAS PREGUNTAS (23/4/2019)

    Para conmemorar o Día mundial do Libro e dos Dereitos de Autor desde a Consellería de Educación, cada ano editan un díptico cun texto dunha persoa referente da literatura galega actual.
 
   Nesta ocasión o texto ao que lle poñen voz os nosos biblioaxudantes Mara e Loïc, é de Marilar Aleixandre unha escritora, narradora, mestra e membro da Real Academia Galega que escribiu o poema Viaxe ao fondo das preguntas no que nos quere facer reflexionar sobre o papel da lectura como estimuladora da imaxinación, e da curiosidade e como instrumento para facernos pensar e reflexionar.
 

ENTREVISTAMOS AO ALCALDE (11/4/2019)

O alumnado de 4º de Primaria do colexio entrevista a Luis Fernández Guitián, alcalde do noso concello, para falar dun dos eventos máis importantes do Concello: a Feira do Viño de Amandi.

   Con el falaremos tamén doutras actividades e da actualidade da nosa localidade que estes días pasa polas actividades que o concello propuxo para nós no Mes de Amandi e pola declaración da Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio Mundial da Unesco.
 
   Para saber todo o que falamos con el e as novidade que nos contou, podedes escoitar o seguinte programa.
 
Desde o colexio queremos agradecerlle ao alcalde esta entrevista
e esperamos escoitalo en novas ocacións!!
Distribuir contido