CLUBES DE LECTURA

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 1ª sesión (22/10/2021)

    O día 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas; como este ano coincide a domingo, quixemos adiantar esta conmemoración que nesta ocasión destaca o papel das bibliotecas como espazos para LER, APRENDER e DESCUBRIR.


 
   Unha das actividades que levamos a cabo por este día foi a presentación do club de lectura que este ano estrenamos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria en colaboración con Julia e con Dunia da BPM de Sober. Nesta primeira sesión fixemos unhas enquisas iniciais para saber máis sobre os hábitos lectores do alumnado e presentamos a primeira lectura: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas.
 
 

 FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!!!

 

CLUB DE LECTURA: OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN MANGA (3-03-2022)

    Hoxe foi a última sesión do club de lectura dedicado ao libro El dulce hogar de Chi de Konami Katana e decidimos rematar facendo un obradoiro de ilustración manga e anime xa que ao noso alumnado lle chamaron moito a atención as ilustracións deste libro. 

   Para este obradoiro desprazáronse ao centro Alba e Luis da Escola de Arte Creativa de Monforte de Lemos que comezaron ensinándonos a utilizar o lapis con diferente intensidade para poder bosquexar sen deixar marcas no papel.
 
   Despois pasamos ás liñas de boceto dunha cara e a expresar emocións soamente cos ollos, a boca, o nariz e as cellas.
 
 
 

 

      Unha vez que debuxamos diferentes emocións continuamos a actividade intentando reproducir algúns personaxes de anime fixándonos ben nas liñas de referencia.

 

 

  E a verdade é que os nosos nenos e nenas o fixeron moi ben!!
 

 

Quizáis teñamos un futuro debuxante de manga entre nós!!
   

 

Para ver máis imaxes desta actividade, xa sabes: GALERÍA  DE  IMAXES

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 8ª sesión (18/02/2022)

  Hoxe rematamos a lectura do libro  El dulce hogar de Chi  de Konami Katana debatindo sobre diferentes aspectos a partir de preguntas relacionadas coa lectura destes últimos capítulos:

 - Consumismo: dámoslle realmente valor aos agasallos que recibimos ou facemos como Chi e xogamos cos envoltorios dos mesmos? 

Sentimentos: pode unha mascota gardar rencor como Chi ao pai por levala ao veterinario?

- Abandono animal: que sinte Chi cando se queda soa? que podemos facer coas mascotas se nos imos de vacacións?

 

   Como conclusión podemos dicir que para o alumnado que leu manga por primeira vez foi unha experiencia enriquecedora e para os demais foi un achegamento ao mundo manga distinto xa que os mangas que están lendo teñen unha temática ben diferente a esta.

 

    Para rematar a sesión, tivemos a presentación oficial do logo do club deseñado por Lucía Rodríguez de 6º de Primaria e repartimos pegatinas que xa adornan as portadas das libretas do club.

 

 

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 7ª sesión (11/02/2022)

    Para esta sesión do club de lectura, tiñamos que ler os 10 primeiro capítulos do libro  El dulce hogar de Chi  de Konami Katana.

    Comezamos falando das dificultades atopadas para ler manga. Aínda que todos os membros leron os capítulos acordados, algúns tiveron problemiñas para a lectura; por iso decidimos ler o seguinte capítulo en voz alta como se se tratase dunha obra de teatro e a verdade é que nos botamos unhas risas con tanto miauuu, poing, arf, ris, ras, ris, ras....

   Despois fixemos unha valoración dos primeiros capítulos e chegamos a conclusión de que lles gustou moito porque é unha lectura moi rápida, moi inmediata e cunhas ilustracións moi atractivas.

 

  Tamén reflexionamos e conversamos sobre a temática desta historia: 

Que implica facerse cargo dunha mascota? 

As vosas mascotas están educadas?

Credes que teñen memoria os animais? 

Parécevos ben que as comunidades de veciños poidan impedir que haxa mascotas nos edificios?

SEGUIDE  LENDO!!

VÉMONOS  O  VENRES  DÍA  18!!

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 6ª sesión (28/01/2022)

   Nesta sesión comezamos un novo libro: El dulce hogar de Chi  de Konami Kanata. Con esta elección queremos achegarnos ao mundo do manga, un tipo de literatura que lles resulta moi atractivo aos compoñentes do club.

 

    Comezamos aprendendo a ler manga e para iso, contamos coa colaboración dos alumnos que xa len manga nas súas casas que lles explicaron aos demais como hai que facelo e tamén compartimos este titorial de Wasabi Manga: 7 cosas que debes saber antes de empezar a leer manga.

 

 

 

   O libro elexido pertence á categoría de manga KODOMO que en japonés significa neno e que no ámbito do manga se usa para referirse ao público infantil xa que trata temas adaptados a este público e a familias e tanto o vocabulario como as ilustracións son adecuados para estas idades.

   Chi é a protagonista desta serie que estivo de moda en Xapón e que se converteu nun éxito de ventas mundiais. A historia comeza cando unha familia atopa na rúa un gatiño moi bonito e adorable e deciden recollelo.

   Que aventuras terán que vivir Chi e a súa familia de acollida? 

 Comecemos a ler...

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 5ª sesión (14/01/2022)

    Hoxe rematamos as sesións do club de lectura dedicadas ao libro Vampira de biblioteca de Ledicia Costas. 

 

 

   Nesta sesión Julia e Dunia foron as encargadas de presentar unha pequena biografía da autora do libro (Ledicia Costas) e do ilustrador (Víctor Rivas).

 

 

   Despois coñecemos todas as opinións dos membros do club sobre o libro, que houbo a quen lle gustou moito e a quen non tanto; pero en xeral podemos dicir que todos desfrutaron da lectura.

 

     Para rematar gravamos un programa en Radiuvín falando desta primeira experiencia no club de lectura. Esperamos que vos resulte interesante e se queredes ler o libro, xa sabedes quye está dispoñible na biblioteca.

 

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 4ª sesión (03/12/2022)

  A encomenda de hoxe era rematar a lectura Vampira de biblioteca e comentar os últimos capítulos deste libro.

  Destacamos algunhas frases destas últimas páxinas porque tiñan semellanza co que facemos nós no colexio e na biblioteca:

- Os protagonistas teñen hora de ler no seu colexio:  "- Na hora de lectura si que facemos caso - confesou Sara-. Gústanos ler. Non todos os libros, algúns máis ca outros. Pero cando algún nos engancha é como viaxar a outro mundo, e iso é moi guai." (Páxina 103. Capítulo 10)

 

- Tamén se reflicte unha das ideas nas que máis fincapé facemos cando estamos investigando: "(...) queda con esta idea: en Internet hai información, coma nos libros. Ti tecleas nun buscador o que queres e tes milleiros de respostas, aínda que non todas son correctas. Hai que saber seleccionar." (Páxinas 110-111. Capítulo 11)

 

   Outro dos capítulos que nos deu para reflexionar foi o 13, neste caso sobre a idea que temos do amor. Así que comezamos un debate baseándonos nas palabras de Eleonoara cando fala da relación entre Marciano e Elsa: "Marciano non o dixo, mais eu sei que lle custou un mundo chamar a Elsa. Os humanos ás veces comportádesvos dun xeito moi raro, como neste caso. Os dous morrían por falar, mais ningún estaba disposto a dar o brazo a torcer. Malia todo, quedoume claro que, para Elsa, Marciano era unha persoa moi especial. Non dubidou nin un segundo cando el lle dixo que precisaba axuda. (...) Supoño que niso consiste o amor. En non fallar cnado a outra persoa te necesita." (Páxinas 123 - 124. Capítulo 13). 

 

 Que entendemos por amor? E esta a idea que temos sobre el? 

 

Pode pasar isto entre amigos ou familiares? Somos nós moi orgullosos nun sentido negativo da palabra?

  

 

    Hoxe tamén remataba o prazo para presentar modelos de logo para o noso club. 

Xa temos varios moi chulos, así que para próximas sesións faremos a escolla entre todos!!

 

 

CLUB DE LECTURA 3ª SESIÓN (19/11/2021)

     Para a sesión de hoxe, comezamos preparando o espazo xa que nos gustaba máis a idea de vernos as caras mentres compartiamos este ratiño.

 

   Despois comezamos as actividades previstas para hoxe, comentario da lectura programada (capítulos 6 ao 10) e reflexión sobre tres temas importantes que se trataban nestes capítulos partindo de diferentes citas da lectura:

- A familia:" Sei de que me falas, Eleonora. Eu teño unha filla, un xenro, dous netos, un gato, un can e unha parella de periquitos. E ás veces síntome tan só nesta casa que me entran ganas de marchar moi lonxe e non volver nunca. Creo que se o fixese ninguén me botaría de menos" (páxina 61)

A adición á internet, aos videoxogos, ás redes sociais... "Idiotizados. Planos, coma esas pantallas que vos comen o cerebro. Deberiades pesar en todo o que estades a perder por culpa deses trebellos. Cada vez pasades máis horas enganchados." (páxina 69)

- A amizade: "Sabía que Xa e Mon non me deixarían soa. que seguirían os meus pasos, como grandes amigos que eran. Iso é a amizade, acompañar a outra persoa nos bos momentos pero, sobre todo, nos malos, cando todo se torce" (páxinas 80-81)

 

 

  Tamén investigamos sobre o seu grito de guerra: Constantinoplaaaaaaa! e aprendemos que é Constantinopla, onde se atopa e cal foi a súa importancia histórica.

  

 PRÓXIMA  SESIÓN  O  VENRES  3  DE  DECEMBRO!!

 

CLUB DE LECTURA 2ª SESIÓN (5/11/2021)

     Hoxe tivemos a 2ª sesión do club de lectura

    O primeiro foi coñecer as propostas dos membros para o nome do club e facer unha votación entre elas, resultando elixido o nome: 

VIAXANDO  POLAS  LETRAS

    Despois comezamos coas actividades programadas sobre os cinco primeiros capítulos do noso libro.

 

    Nesta sesión falamos moito de medos pois Eleonora, a vampira protagonista do noso libro, cóntanos os seus medos nas primeiras páxinas: ao futuro, a que lle caian os dentes e a que algún humano a triture nun pasapurés e faga cos seus anacos pastel de vampira. 

   Despois invítanos a que pensemos sobre os nosos medos e a verdade é que saíron moitos medos sobre os que reflexionar: ás alturas ou ás profundidades, aos fenómenos meteorolóxicos, ao cemiterio, á soidade, á escuridade, aos pallasos, á 3ª Guerra Mundial, aos espazos pechados (claustrofobia), a suspender...

        Unha actividade moi interesante na que puidemos coñecernos mellor.

 

    Tamén falamos de conceptos máis literarios e resolvemos dúbidas sobre a lectura. Unha reunión moi aproveitadiña e con moita participación!

 

 

 

 

VÉMONOS  O  DÍA 19!!

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 1ª sesión (22/10/2021)

    O día 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas; como este ano coincide a domingo, quixemos adiantar esta conmemoración que nesta ocasión destaca o papel das bibliotecas como espazos para LER, APRENDER e DESCUBRIR.


 
   Unha das actividades que levamos a cabo por este día foi a presentación do club de lectura que este ano estrenamos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria en colaboración con Julia e con Dunia da BPM de Sober. Nesta primeira sesión fixemos unhas enquisas iniciais para saber máis sobre os hábitos lectores do alumnado e presentamos a primeira lectura: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas.
 
 

 FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!!!

 

Distribuir contido