Complementarias

PROXECTO "FUMATAS"

  Este mes de maio, os rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria participaron no proxecto “Fumatas”, impartido como cada ano por Luisa Astray, educadora social e responsable de prevención da Unidade Asistencial de Prevención de Drogodependencias de Monforte de Lemos.

 

  A actividade estivo formada por tres sesión onde o alumnado aprendeu sobre os riscos e tipos de dependencias sendo o tema principal o tacabo: riscos, consecuencias, composición...

 

 

   Na primeira sesión, os rapaces e rapazas fixeron unha enquisa acerca do que sabían do tabaco e despois Luisa, aos poucos, foi explicando e concienciando aos nenos e nenas sobre todos os inconvintes deste mal hábito coñecendo algunhas das substancias que se encontran nun cigarro  e vendo as consecuencias que ten no noso organismo: pulmóns, boca, pel, cerebro...

Para ver o impacto do tabaco sobre os nosos pulmóns, o alumnado levou a cabo un experimento co que puideron decatarse dos residuos que un só cigarro deixa no algodón e que son os mesmos que deixaría no noso pulmón.     

    

 

    Na segunda sesión coñeceron novos detalles sobre o tabaco e os seus componentes máis dañinos.

  Ademais fixeron dous experimentos: o primeiro consistiu en ver como como o alcatrán do tabaco se vai quedando pegado aos pulmóns dos fumadores do mesmo xeito que o caramelo quedou pegado ao filtro do café, podendo ver a diferenza entre un pulmón dun fumador e dun non fumador.

   O segundo experimeto serviulles para comprobar como os fumadores pasivos, na súa maioría nenos, tamén absorven substancias nocivas ao respirar o fume do tabaco do seu ao redor.

 

 

    O terceiro día do proxecto, os alumnos puideron ver unha simulación de como quedarían os pulmóns dunha persoa que fumase un paquete de tabaco ao día durante un ano; despois falaron tamén de que o tabaco non só afecta á saúde das persoas, senón tamén á súa economía, xa que supón un gran gasto mensual; e por último, unha práctica na que tiñan que rechazar una invitación a fumar dando argumentos en contra do tabaquismo. Para rematar firmaron un Contrato de Compromiso, no que se "comprometen" a non fumar ao chegar ao Instituto.

 

 

Esperamos que non o esquezan e que o cumpran!!

 

 

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE (07/04/2021)

 

    O 7 de abril é oDía Mundial da Saúde  e aínda que xs nenxs de Infantil lles resulta un pouco complexo entender este concepto, o que si que teñen claro é que para non contaxiarse de coronavirus hai que levar a máscara posta.

    Por iso, para traballar este obxectivo recollido na Axenda 2030, propuxémoslles que decoraran unhas máscaras como les gustaría que fosen as súas. No flipbook podedes ver os seus marbillosos deseños.

 

 

RESTAURACIÓN DAS PINTURAS DA IGREXA DE SAN XIAO DE LOBIOS (9/11/2020)

   Na actualidade estase realizando a restauración das pinturas murais da nave da igrexa de San Xiao de Lobios. Esta restauración inclúe o muro norte, o muro sur e o arco triunfal.

  Esta igrexa do século XIII é un dos exemplos máis importantes da arquitectura tardorrománica da Ribeira Sacra pero as policromías datan do século XVI.

 

  Para coñecer o proceso de restauración, o alumnado de 5º e 6º de Primaria acudiu hoxe a igrexa onde Dolores Lago Arce, encargada da restauración, lles explicou todo o relacionado con este proceso. 


  Primeiro o desencalado que consiste en raspar con moito coidado as capas de cal que cobren as pinturas e que non nos deixan ver nada máis que unha parede branca.

   Despois explicounos que estas pinturas son frescos, é dicir, que se pintaban con pigmentos cando a cal aínda estaba fresca e directamente sobre o morteiro (capa de cal e area que cobre os muros); por iso, hai zonas máis delicadas onde o morteiro xa se desprendeu ou está a punto de facelo o que intentan evitar inxectando resina ou morteiro.

 

   Ensinounos tamén algunhas das ferramentas que utilizan: bisturís para raspar a cal, xiringas para encher ocos nos morteiros, pinceis para o po, espátulas para dar morteiro... 

   Unha vez que coñecemos algunhas nocións básicas do traballo de restauración, centrámonos nas dúas grandes escenas descubertas ata o de agora: a resurrección de Cristo e o xuízo final no que se observan os condenados ao inferno e os salvados conducidos por San Pedro que leva a chave para abrirlles a porta do ceo.

    Tamén se intúe un posible nacemento nunha zona delimitada por un arco debaixo da escena da resurrección xa que se pode ver a cabeza dunha mula e un par de persoas difuminadas que levan a pensar nesta escena da vida de Xesús.

 

   A outra zona que se está restaurando é a do arco triunfal na que se poden ver debuxos xeométricos, redondeis, flores...  e restos de pinturas máis actuais.

   Se comparamos o que vimos hoxe coas imaxes da última excursión que fixeramos a Lobios podemos ver un gran cambio xa que onde agora hai andamios e comezan a verse as pinturas, antes había unha parede totalmente branca.

Imaxe: abril 2019

    Así que despois desta visita, temos moitas gañas de volver cando remate a restauración e retiren os andamios aínda que Dolores xa nos explicou que só reintegrarán cor puntualmente en zonas moi específicas e non van a pintar nada a maiores do que atopen.

MOITAS  GRAZAS  A  DOLORES  LAGO  POLA  VISITA  GUIADA  

E  AO  CONCELLO  POLA  ORGANIZACIÓN  DA  MESMA!

 

VISITA DOS BOLECHAS (09/10/2020)

O alumnado de 3º e 4º de Primaria asistiu a unha charla didáctica ofertada pola Xunta de Galicia, en colaboración con Axega (Axencia Galega de Emerxencias) sobre o 112. 

 

Visitóunos un dos irmáns bolechas, Braulio e o seu axudante Docento para explicarnos a importancia do 112, o número europeo de asistencia a cidadanía ante calquera tipo de emerxencia (sanitaria, extinción de lumes e salvamento ou seguridade cidadana).

Primeiro, ilustrounos cun vídeo no que o propio Braulio visitaba as instalacións do 112 en Galicia, no que puidemos ver a importancia de non realizar nunca chamadas falsas xa que podemos por en perigro a vida doutras persoas.

 

Pasámolo xenial e ata bailamos co rap do 112 que comeza tal que así:

   "Estou nunha emerxencia e teño que chamar, pero antes que nada inténtome calmar..."

   

 

Para rematar Braulio e Docento, regálaronnos a cada un de nós un conto e un cadernillo de actividades para aprender máis cousas sobre o 112.


Recorda sempre, SÓ CHAMAR ANTE UNHA EMERXENCIA!

 

COS PÉS NA TERRA - Programa TVG (8/06/2020)

    Se recordades, no mes de setembro, grazas a invitación de Noelia e Diego, pais do noso alumno Darío e do noso ex-alumno Héctor; o alumnado do cole participou nunha excursión á Gandería da Casa Escola de Gundivós.

  Nesta visita puidemos coñecer parte do seu traballo dedicado ás ovellas: desde ceibalas ata prepararlles a corte para cando volven do prado; e participar na gravación do programa Cos pés na terra.

 

  

  Pois ben, hoxe emitiuse o programa pero se non puidestes velo non vos preocupedes que aquí deixamos algunhas imaxes e o enlace á páxina da TVG.

 

 

TALLER DE ILUSTRACIÓN (31/2/2019)

    O alumnado do centro que acudiu ao taller de ilustración e debuxo impartido por Iria Iglesias, fixo uns fermosos debuxos do fondo do mar dos que xa podedes disfrutar no corredor do colexio: sereas, peixes, polbos, caranguexos, barcos afundidos, sbmarinos... e como non, tamén están eles mesmos como buceadores observando todo o que acontece.
 
 

TRABALLANDO CARA A IGUALDADE

    Noelia Rodríguez, educadora social, adicou dúas sesións aos rapaces e rapazas de Primaria para realizar actividades de sensibilización cara a igualdade de sexos xa que é algo que se debe traballar e aprender desde a infancia.
 
    Estas actividades están organizadas pola asociación FEMforte en colaboración co Concello de Sober e financiadas pola Secretaría de Estado e Igualdade a través do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero.
 
   O primeiro día a actividade Non me contes contos, a través do conto Brancaneves e os 7 ananiños; Noelia fíxonos reflexionar sobre os roles establecidos nos contos infantís: 
 
por que a madrastra ten que ser mala? 
non hai ningún padrastro malo?
e as princesas...sempre son parvas e necesitan que as rescaten?
todos os príncipes son guapos e valentes?
por que son tan feas as bruxas? será que a beleza ten que ver coa bondade?
 
 
   Ademais, na súa voz puidemos escoitar unha versión diferente do libro A Bela e a Besta cun final moi distinto ao habitual que nos fixo reflexionar sobre o papel da muller nos contos tradicionais.

 

     Quen é quen? foi a segunda actividade realizada. Partindo desta pregunta os nenos e nenas traballaron sobre os roles establecidos en función do xénero para rematar dándose conta de que non hai cousas "masculinas" nin "femininas" senón que todos podemos facer aquelo que nos guste.
 

 

   Esperamos que despois destas sesións o noso alumnado aprendera que ninguén lles pode dicir o que poden facer e moito menos de forma violenta; pois todos temos os mesmos dereitos, sexamos nenos ou nenas.
 

PREVENCIÓN DO TRABAQUISMO. PROGRAMA FUMATAS (15/3/2019)

   Como cada ano, Luisa Astray, educadora social e responsable de prevención da Unidade Asistencial de Prevención de Drogodependencias de Monforte de Lemos, adicou dúas sesións aos rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria sobre os riscos e tipos de dependencias sendo o tema principal o tacabo: riscos, consecuencias, composición...
   
    Na primeira sesión, ademais de conversar e concienciar aos nenos e nenas sobre todos os inconvintes deste mal hábito coñecendo algunhas das substancias que se encontran nun cigarro, o alumnado levou a cabo un experimento co que puideron decatarse dos residuos que un só cigarro deixa no algodón e que son os mesmos que deixaría no noso pulmón.

   Na segunda sesión coñeceron máis detalles sobre o tabaco e fixeron unha práctica na que tiñan que rechazar una invitación a fumar dando argumentos en contra do tabaquismo.

     Para rematar firmaron un Contrato de Compromiso, no que se "comprometen" a non fumar ao chegar ao Instituto. 

Esperemos que o cumpran!!
 
  Si insisten....RESISTE!!!
   

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE (5/4/2019)

   En 1948, celebrouse a Primeira Asamblea Munidal da Saúde que estableceu o Día Mundial da Saúde o 7 de abril.

  No colexio, tivemos ao Doctor Manuel Chaos, médico e coordinador do Centro de Saúde de Sober quen estivo falándolle ao noso alumnado do seu traballo e da importancia de coidar a nosa saúde e de previr mellor que curar.

  Deulles consellos sobre a hixiene en xeral e sobre a hixiene bucal, a importancia de lavar as mans, os hábitos saudables de alimentación, a necesidade de facer deporte e o valor das vacinas para manter erradicadas enfermidades das que xa non teriamos que preocuparnos na actualidade.

  Ademais explicoulles as diferentes causas de contaxio dalgunhas patoloxías e a diferenza entre bacterias, virus e fungos.

DESDE  O  CENTRO  QUEREMOS  AGRADERCELLE  A SÚA VISITA  E  OS  SEUS  CONSELLOS,

ESPERAMOS  QUE  OS  NENOS  E NENAS  TOMARAN  BOA  NOTA  DELES!!

MEL DE GALICIA (3/04/2019)

   Hoxe tivemos na biblioteca do centro a Beatriz Ríos que veu desde o Consello Regulador Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, para achegarnos ao mundo das abellas e do mel!!
  Explicounos os tipos de abellas que existen e de que se encarga cada unha, as partes dunha colmea e o seu funcionamento, que flores son as que máis utilizan en Galicia, o traballo do apicultor e como debe protexerse, e o proceso de extracción do mel desde a colmea ata o envasado, os perigos aos que están expostos as abellas hoxe en día...
 
 

  E repartiunos un boteciño de mel para cada un, un dossier informativo e un globo para os cativos.

 
 
 

   Se vos queredes saber todas estas cousas e máis, podedes esocitar a entrevista que Mara e Gisela lle fixeron nos nosos estudos de radio.

 
   E para coñecer mellor ás abellas e a súa vida na colmea podedes ler os libros A colmea de Petra Bartíková e La miel de Teresa Sabaté que tedes na biblioteca

 

Distribuir contido