CLUBES DE LECTURA

VIAXANDO POLAS LETRAS (6/2022-2023)

   Hoxe tivemos a sexta sesión do club de lectura deste curso, a segunda dedicada ao libro Un mundo para Maruxa de Estefanía Padullés.

 

     Durante a mesma falamos de moitas cousiñas interesantes tomando como punto de partida diferentes capítulos do libro. Por exemplo, partindo do capítulo cinco que xa ten un título que lles chamou a atención: Quen se acorda dos deberes? falamos da importancia de ser responsables e de organizarse, de non deixar todo para o último momento e do refrán que nos dixo unha participante que lle dicía a súa nai: Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe!

 
 
     Tamén falamos das relacións cos nosos avós e avoas e coas persoas maiores en xeral e buscamos similitudes coas actividades que facemos nós coas persoas da residencia de maiores do noso concello: escribímoslles cartas, enviámoslles agasallos...

      Despois reflexionamos sobre a actitude de Isolina intentando poñernos no seu lugar: por que será tan desagradable? Estará de mal humor? Quen pensarán as persoas que viven nunha residencia? Por que a protagonista di que calquera cousa vale para os avós?

 
 

 

      Para rematar, a parte final da sesión, estivo dedicada á importancia da reciclaxe comentando as páxinas informativas que aparecen no libro: canto plástico usamos e como nos desfacemos del? Como afectan os plásticos ao medio ambiente? e aos animais? Podemos facer nós algo para mellorar o consumo de plásticos? E, por suposto, da regla dos 3 R: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

 

   Unha sesión que deu moito de si xa que aos participantes lles gustou moito a lectura desta primeira parte do libro. Esperemos que a segunda parte nos aporte tanto como esta!

 

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (5/2022-2023)

    Co novo ano comenzamos tamén un novo libro no noso club de lectura:  Un mundo para Maruxa  de Estefanía Padullés.

 

 

    Na presentación do libro lemos o reumo que aparece na contraportada aclarando conceptos coma londra, Centro de Recuperación de Fauna Silvestre ou impacto medioambiental.

Unha mañá, o barco pesqueiro do pai de Iria trae ao porto a Maruxa, unha londra que ten que ser atendida no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre. 

Iria descubrirá entón o perigo dos plásticos para os animais mariños e o seu impacto medioambiental nos océanos, polo que porá en marcha un plan para salvar o planeta. 

Como vai cambiar a vida de Iria a partir dese intre? Poderá conseguir o que se propoña?

 

 

    A continuación lemos sobre a autora, Estedanía Padullés, e descubrimos que ela traballou nun centro de Recuperación de Fauna Silvestre o que fai que os membros do club se interesen máis pola lectura do libro. Tamén lembramos as ocasións nas que estivo na nosa biblioteca presentando algúns dos seus outros libros.

 

 

AGORA  SÓ  QUEDA EMPEZAR  A  LECTURA  PARA  EMBARCARNOS  NESTA  NOVA  AVENTURA!!

 

CLUB DE LECTURA (4/2022-23)

   Hoxe celebramos a última sesión do club de letras dedicada ao libro Galegas na ciencia escrito por Isabel Blanco e ilustrado por María Lapido.

    Nesta sesión contamos coa presenza doscompoñentes de Polo Correo do Vento cos que ampliamos a información sobre unha das mulleres do libro da que xa falaramos na sesión anterior: Ángeles Alvariño, a primeira oceanógrafa galega.

    Carlos Taboada e Enrique Mauricio escribiron un libro ilustrado sobre esta cientíFica titulado Un Ronsel de Ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, que é o primeiro da colección "Mulleres Galegas" e por iso saben tantas cousas sobre ela.

    Durante a primeira parte do obradoiro, coa contada de Quique soubemos que descubriu 22 especies diferentes de placton mariño, que foi a primeira muller a bordo dun buque inglés, como vivía, como facía para investigar e fotografar as especies que atopaba tendo en contan que non había móbiles nin internet, a importancia das súas investigacións... e todo mentres Carlos Taboada facía un mural - ilustración sobre ela.

 

    Coa segunda parte da actividade, cada membro do club fixo a súa propia caricatura de Ángeles Alvariño seguindo as indicacións que nos ían dando. E como pensades que quedaron? Pois quedaron unhas caricaturas moi chulas!!

 
 
 

 

   Para rematar, Carlos e Quique estiveron nas instalacións de Radiuvín para falar con Lola e Darío desta científica pero tamén sobre a súa experiencia como autores e como divulgadores.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  PASAR  ESTE  RATIÑO  CON  NÓS,

FOI  UNHA  SESIÓN  MOI  INTERESANTE  E  AMENA!!

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (3/2022-2023)

    Hoxe celebramos a terceira sesión do noso club de letras Viaxando polas letras.

   Nesta sesión terminamos de coñecer ás mulleres protagonistas do libro Galegas na ciencia escrito por Isabel Blanco e ilustrado por María Lapido coas exposicións preparadas polos membros do club.

 

 

      Dunia e Julia presentáronnos a Ángeles Alvariño, como oceanógrafa é a primeira muller que realiza unha expedición científica a bordo dun barco británico.

   

Lola e Carlota faláronnos de Luisa Marcos, a primeira catedrática de Física, Química e Termotecnia nas Escolas de Peritos Industriais españolas.

 

Coa exposición de Javier coñecemos a María Josefa Wonenburger, gran matemática e a primeira muller española en recibir unha bolsa Fullbright.

 

 Yanira e Clarisse investigaron sobre Luisa Pérez - Soba, a primeira enxeñeira agrónoma galega.

 

Lucas e Gissela tiñan que falarnos de María Tarsy Carballas, pioneira na investigación dos efectos dos lumes forestais (edafóloga).

 

Susana e Germán déronnos a coñecer a María Pilar Fernández, farmacéutica, fisióloga e gran investigadora sobre o funcionamento dos órganos e tecidos dos seres vivos.

 

  Mencía e Iria presentaron a María Teresa Miras, esta muller neuroquímica foi a primeira en presidir unha Real Academia en España, concretamente a Real Academia Nacional de Farmacia.

 

 Para rematar con Flora coñecemos a Ana María Prieto Lopez, a primeira programadora galega.

 

  Esta foi unha sesión moi didáctica coa que rematamos de falar sobre as mulleres que compoñen o libro que estamos lendo; pero aínda nos queda unha sesión cunha actividade final sorpresa...

 

 

 
 

VIAXANDO POLAS LETRAS 1ª SESIÓN (11/11/2022)

   Neste curso 2022/2023 comezamos unha nova andaina do club de letras da nosa biblioteca Viaxando polas letras. Unha andaina que arranca con forza xa que se apuntaron ao club o 95 % do alumnado de 5º e 6º de primaria, é dicir, practicamente todxs.

 

     E como estamos en novembro que é o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, estrenámonos co libro Galegas na ciencia de Isabel Blanco que recolle as biografías de vinte científicas galegas que lle abriron as portas a outras moitas mulleres.

 

   Esperamos que ao noso alumnado lle guste a lectura proposta, vémonos na seguinte sesión e benvidos a esta aventura lectora!

 

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - Última sesión (16/06/2022)

      Rematamos hoxe as sesións do club de lectura Viaxando polas letras que se puso en marcha este ano co libro Aventuras y desventuras de los alimentos que cambiaron el mundo de Teresa Benéitez.

 

     Nesta sesión seguimos coas exposicións temáticas sobre os alimentos: Lucía e Lucas R. faláronnos sobre o millo, Gareth e Hugo sobre o pemento, Iria e Valeria sobre a pataca, a Susana e a Libertad tocoulles o cacao, a Cristian e Julia o tomate, Lola e Yanira foron as encargadas da vainilla e Mencía e Lucas F. finalizaron a exposición coas alubias.

 
       Este libro foi unha sorpresa para eles porque ao principio non lles parecía moi interesante; pero despois, pouco a pouco, foron descubrindo moitas curiosidades sobre os alimentos que fixeron que lles terminara gustando. Así que como ensinanza, tamén podemos concluír que nunca xulgues un libro pola súa portada.
 

 

    Para saber a súa opinión nas súas voces, podedes escoitar o seguinte podcast nas que nos contan as súas propias conclusións.
 
     Respecto ao club, como responsable xunto a Julia e a Dunia, da BPM; teño que dicir que resultou unha experiencia moi positiva xa que xs nenxs coñeceron e leron libros diferentes aos que están acostumados ou aos que esperaban cando se apuntaron ao club como o manga ou o teatro.
 
  
   Esperamos vervos a todos os de 5º no club de lectura do próximo curso e que os de 6º sigandes lendo moito cando cheguedes a Secundaria.
 
    Unha aperta moi forte para todos!!
 
 
 
 
 

CLUB DE LECTURA - 14ª sesión (13-05-2022)

     A primeira actividade desta sesión foi resolver unha dúbida que quedara pendente da sesión anterior: que é a contraportada dun libro? A parte de atrás da portada ou a parte posterior?

    A dúbida quedou resolta despois de que os membros do club nos explicaran o que investigaron e agoa xa temos claro cales son as partes dun libro.

 

 

   Despois falamos moito sobre o libro e a marabillosa medicina que George estaba preparando para a súa avoa.

   Algo que chamou a atención dos membros do club ademais dos ingredientes utilizados por George foron as ilustración do libro que en vez de debuxos lles parecían bosquexos pero que aínda así coincidían case todos en que complementaban perfectamente á narración e permitía entender mellor o que estaba ocorrendo na historia.

 

     Visto que á maioría lles está gustando o libro e que o están lendo bastante rápido, para a próxima reunión acabaremos a súa lectura.

 

CLUB DE LECTURA 13 ª Sesión (29-04-2022)

   Comezamos un novo libro: A marabillos medicina de George, recoñecido como un dos libros máis divertidos de Roald Dahl e un clásico da literatura do século XX.

 

    Para presentalo comezamos lendo a reseña: 

    "A avoa de George ten unhas cousas un pouco raras. A verdade é que non é unha persoa moi agradable. Cre que as eirugas e as lesmas son deliciosas e o que máis lle gusta son os escaravellos ben renxentes. Nada do que fai George está ben feito a ollos da avoa, de xeito que cando é hora de que ela tome a súa medicina, George decide darlle unha dose da que el mesmo preparou, unha beberaxe dunha chea de produtos que foi introducindo na pota como mellor lle pareceu. A medicina máxica que preparou George, primeiro, fai medrar a avoa desmesuradamente, logo empequenecela e, por último, facela desaparecer."

 
    E como a reseña nos deixou bo sabor de boca, fomos lendo e comentando entre todos o primeiro capítulo para ir coñecendo aos personaxes protagonistas desta historia tan peculiar.
 

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 12ª sesión (08/04/2022)

    Hoxe rematamos as sesións dedicadas ao libro As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares.

 

     E rematamos cunha sesión un pouquiño diferente: un obradoiro de cociña no que fixemos unha receita sinxela de mousse de laranxa!! 

     A primeira hora da mañá xuntámonos para preparar todo o necesario para elaborar a receita: 

INGREDIENTES

- 10 laranxas

- 6 iogures naturais

- 1 bote de leite condensado

UTENSILIOS

- 1 espremedor

- 1 batedor

- 1 pota

- 1 fonte

- varias culleres

    Despois comezamos co proceso: mentres un grupo espremía as 10 laranxas outro mesturaba os iugores e o leite condensado.

 

   A continuación xuntamos todo e levámolo ao frigorífico para que enfriase e repousase ata a hora do recreo.

 
 E na hora do recreo... papamos este delicioso postre!
 

 

     Para rematar, seguindo o modelo de laranxa kawaii do libro Cómo dibujar Kawaii de José Antonio Pérez, fixemos as nosas propias laranxas para utilizar como puntos de lectura, chaveiros ou adhesivos.

 
 
 

 Se queres escoitar as nosas reflexións sobre este libro, aquí deixamos o podcast elaborado por algúns membros do club.

 

 

CLUB DE LECTURA - 9ª sesión (17-03-2022)

      

Comezamos un novo libro no club de lectura: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares, autor homenaxeado o Día Das Letras Galegas 2017.

 

    Con esta obra teatral tan divertida da nosa literatura, Carlos Casares recibiu o premio "Concurso de teatro infantil galego” convocado pola Agrupación Cultural “O Facho”

 

 

     Aínda que en principio parece un libro doado de ler, quixemos escollelo para que xs membros do club lean libros de todos os xénero literarios; e o teatro é o xénero que, segundo as enquisas iniciais que lles fixemos, menos len. Así que esperamos que con esta obra lle perdan o medo aos textos teatrais.
 
 

 

   Primeiro presentamos ao autor, falamos da súa obre e lemos un fragmento do libro  Onde vai Carlos? de Xosé A. Perozo.

 

     Despois comezamos o libro comentando entre todos o escenario debuxado nas primeiras páxinas da obra e lendo a contextualización que aparece a continuación. Tamén fixemos fincapé na importancia das acotacións e de fixarse ben en que personaxe está falando en cada momento da lectura.

 

 

     Esperemos que os nenos e as nenas desfruten da lectura desta obra e mentres tanto, deixamos esta selección de obras de Carlos Casares no punto de novidades da biblioteca.

 

 

Distribuir contido