Camiño do Pazo, s/n (Sober) Tfno. 982 87 08 41 e 982 87 08 42.

CIENCIA Á FEIRA (12-04-2024)

  Hoxe tivemos no colexio a actividade "Ciencia á Feira" impulsada polo grupo de innnovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC.

 
 Este proxecto aproveita os mercados tradicionais e os centros educativos para achegar a adultos e escolares contidos ligados a diversos aspectos científicos.
 
 
    Na feira puxeron un posto no que repartían información e organizaron unha charla na Casa da Cultura. No noso colexio organizaron unha sesión na que nos falaron sobre a xestión sustentable da auga: ciclo natural da auga,  ciclo urbano da auga, xestión deste recurso en Galicia, estratexias e enfoques para a súa xestión sustentable, as depuradoras da nosa zona...
 

 

 

  Esperamos que o noso alumnado aproveitara ben esta sesión e lembre no futuro todo o aprendido hoxe.

 
 

 

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE 2024

   O 7 de abril foi declarado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como o Día Mundial da Saúde Con este día preténdese destacar a saúde como un dereito básico e universal e fomentar o acceso á atención sanitaria de calidade en todas as rexións do mundo, especialmente na poboación con escasos recursos. Tamén a Axenda 2030 propón Saúde e Benestar como un dos seus obxectivos.

 

    Para sumarnos a esta conmemoración organizamos no centro un circuíto formado por cinco actividades cada unha dedicada a un aspecto da nosa saúde e repartimos ao alumnado do centro en 5 grupos internivel que tiñan que ir superando cada unha das actividades para acadar o premio final.

1) SAÚDE MENTAL:  pareceunos necesario dedicar unha actividade a incidir na importancia das emocións e de recoñecer como nos sentimos en cada momento así como sabelo expresar. Por iso na biblioteca o alumnado tratou de definir e representar sensacións e emocións como ledicia, sorpresa, enfado, ira...

 

 

2) ACTIVIDADE  FÍSICA: destacamos a importancia de ter unha vida activa (pasear, xogar, practicar algún deporte...) e para poñelo en práctica sogamos ao xogo do rebaño no que o alumnado non pode deixar de moverse mentres realiza as diferentes accións propostas polas docentes.

  

 

3) COIDADO  PERSONAL: centrámonos en recordarlle ao alumnado a importancia da hixiene personal (duchas, mans, dentes, unllas...) porque unha boa hixiene pode facernos menos propensos as enfermidades e a falta de hixiene pode provocar algunas delas como a caries se non coidamos os nosos dentes.

 

 

4) ALIMENTACIÓN  EQUILIBRADA: a alimentación é a forma de proporcionarlle ao noso corpo a enerxía necesaria para realizar as actividades da nosa vida. Nesta actividade coñecemos os alimentos e o que nos aportan (proteínas, hidratos de carbono, azúcares e graxas). Ademais tamén elaboramos diferentes opcións de menús saudables.

 

 

5) HÁBITOS SAUDABLES: nesta actividade traballamos o conxunto das demais actividades falando sobre a importancia de manter un estilo de vida saudable: facer deporte, alimentarse ben, coidar a hixiene personal... e definimos conceptos antónimos como sobrepeso, pereza, inactividade...

 

Para rematar, o premio foi unha riquísima macedonia de froitas que comemos todos xuntos.

 

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 

CLUB DE LECTURA (11 / 2023 - 2024)

   No club de lectura seguimos coa lectura do cómic Policán de Dav Pilkey que foi o libro máis vendido no mundo en 2021. Para esta sesión tiñamos que ler os dous primeiros capítulos e a conclusión xeral é que lles encantou.

   Comezaron Itzae e Germán facéndonos un resumo do Capítulo 1: Nace un superhéroe, destacaron as viñetas que máis lle gustaran que foron sobre todo as que tiñan xogos de palabras divertidas e como a historia se ía entrelazando con detalles que non parecían importantes pero que ao final si que o eran; por exemplo, cando a aspiradora traga unha táboa de surf na praia e varias viñetas despois esa táboa é a que utiliza Policán para salvarse.

 
 

    A continuación pasamos ao Capítulo 2: Robo-jefe. Neste capítulo tamén lles chamaron a atención os xogos de palabras como os nomes dos negocios ilegais o que nos deu para falar de diferentes tipos de  fraudes: Estafas"R"Us, Imprenta de Billetes Falsos, Ganzúas Pérez... Que é un ladrón de "guante branco"?

 

 

  Tamén nos fixamos no poder das ilustracións xa que había páxinas nas que non había ningún bocadillo e só coas ilustracións podiamos saber o que estaba pasando.

 

   Xa estamos desexando chegar á seguinte sesión para rematar o libro!!

 

 

 

RECIBINDO Á PRIMAVERA (3/4/2024)

   Coa chegada da Primavera  as crianzas de Ed. Infantil prepararon varias actividades nas que combinaron diversión e aprendizaxe.
 
   Xogaron libremente nas bandexas con diferentes materiais como millo, garabanzos, tapóns, area...
 
 
 
Tamén reproduciron un arco da vella con pintura de dedos
 
 
 
E levaron a cabo unhas actividades con flores naturais                
              
                 
Primeiro elaboraron pequenos xarróns con flores, para o que tiveron que empregar as tesoiras e cortar os talos á altura precisa.
 
 Logo descubriron que machacando algunhas destas flores podían pintar.
 
 
        
 
Así de bonita quedou a súa fermosa obra de arte! 
 

 

DÍA DO LIBRO INFANTIL 2024

    O 2 de abril conmemórase o  Día do Libro Infantil  xa que é a data de nacemento de Hans Christian Andersen, autor de contos infantís coñecidos en todo o mundo como A Sereíña, O parrulo feo, O soldadiño de Chumbo...

 

   Cada ano o IBBY (International board on books for young people) selecciona un escritor representativo e un ilustrador para que elaboren o cartel e a mensaxe dirixida a todos os nenos e nenas do mundo. Este ano a sección encargada foi Xapón e desde alí a escritora Eiko Kadono e a ilustradora Nana Furiva escolleron o lema  "Navega polos mares coas alas da túa imaxinación".

 

  Daniela e Itzae foron os biblioaxudantes encargados de transmitir esta mensaxe na biblioteca e de gravala en Radiuvín para que todos poidades coñecela.

 

   Despois quixemos que o noso alumnado tamén navegara coas alas da súa imaxinación e por iso lles demos uns libros alados aos que lle tiñan que por título segundo a historia que quixeran contar e ilustrar a portada en consonancia. 

 

   Para rematar fixemos un mural cos libros alados ilustrados arredor do cartel oficial deste ano.

 
 
FELIZ  DÍA  DO  LIBRO  INFANTIL!! 
 
OXALÁ  NUNCA  DEIXEDES  DE  NAVEGAR  COAS  ALAS  DA  IMAXINACIÓN!!
 

 

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

CONCURSO DE CARTEIS PARA O 50 ANIVERSARIO DO COLE

Este ano o cole cumple 50 anos e para conmemoralo faremos varias actividades.

De momento comezamos por este concurso de carteis no que pode participar todo o alumnado do cole.

A técnica é totalmente libre, o único obrigatorio é que faga referencia a esta conmemoración e que sexa tamaño folio (pode ser vertical ou horizontal)

O prazo de entrega de orixinais remata o día 5 de abril.

ANÍMATE  A  PARTICIPAR!!

SERÁ  O  TEU  O  CARTEL  GAÑADOR??

 

 

 

DÍA DA ÁRBORE - VISITA AO VIVERO OS TROLLOS - BÓVEDA (22/03/2024)

    Dende o GDR Ribeira Sacra-Courel propuxéronnos conmemorar o día da árbore 2024 no viveiro de Os Trollos no concello de Bóveda nunha actividade medioambiental conxunta na que nos reunimos escolares de  infantil e primaria de diferentes centros de educación do territorio do GDR.

 

    Á chegada, estábanos esparando un axente forestal que nos fixo entrega dunhas camisetas conmemorativas. Despois repartímonos en 3 grupos e fomos realizando as diferentes actividades previstas:

- TALLER  DE  SEMENTES: neste taller cada participante fixo unha maceta coa semente dun castiñeiro na que pegou o seu nome. Estas macetas quedarán no viveiro coa idea de que o vindeiro ano volvamos para recollelas e prantalas alí ou no noso cole.

 

 

- PLANTACIÓN DE ÁRBORES: despois dun paseo polo viveiro chegamos á zona de prantación de árbores onde cada grupo, acompoñado polo axente forestal correspondente, plantou unha árbore.

 

 

- TALLERES  DE  BIODIVERSIDADE: neste taller creamos un HOTEL  DE  INSECTOS cunha caixa de madeira a que engadimos palla, cartón, pauciños, piñas... para crear diferentes espacios para as diferentes especies de insectos pois aínda que a algunhas persoas estes animaliños non lles gustan moito, cumplen funcións moi importantes como a polinización.

 

 

   Pero non todo foi traballar xa que a media mañá ofrecéronnos un picnic co que recuperamos forzas para realizar todas as actividades programadas. Neste momento aproveitamos para facernos fotos de grupo e coas autoridades presentes como a nosa veciña Raquel Arias.

 

 

    Para rematar entregaronlle a cada participante un kit para o montaxe dunha caixa nido/comedeiro de paxaros e unha medalla de madeira que puideron personalizar.

 

 

MOITAS  GRAZAS  AO GDR RIBEIRA SACRA - COUREL  POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  XORNADA  QUE  INCLUÍU  TAMÉN  O  TRANSPORTE.

ESPERAMOS  VOLVER  O  ANO  QUE  VÉN PARA PLANTAR AS  NOSAS  ÁRBORES!!

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 

SOBERICIAS. O XORNAL QUE CONTA AS MELLORES NOTICIAS (ou non...) - Marzo 2024

     Por segundo ano, durante o mes de marzo (especialmente na semana da prensa), no centro desenvolvemos unha situación de aprendizaxe baseada nos medios de comunicación que ten como resultado o segundo número deSobericias, o xornal que conta as mellores noticias (ou non...) no que poderedes ler noticiais reais pero tamén outras que non o son tanto (as chamadas fake news).

     Quixemos editar un novo número deste xornal porque seguimos pensando que a desinformación (noticias falsas, información sesgada, manipulación de titulares...) é un problema ao que o noso alumnado se deberá enfrontar pois, por desgraza, non todas as noticias que se publican son fiables.

 

     Deste xeito as crianzas poden entender a problemática actual das diferentes informacións falsas que se poden atopar en medios impresos, televisión, radio ou publicacións en rede (onde ademais poden acabar viralizándose) e comprobar de primeira man o doado que é xerar este tipo de noticias.

 

    Por todo isto, parécenos fundamental seguir compartindo co alumnado experiencias que inclúan a análise dos medios de comunicación que forman ou formarán parte da súa vida cotiá.

    Esperamos que saibades apreciar todo o traballo desenvolvido polo alumnado. Nós como docentes, estamos moi orgullosas deles.

XORNAL MARZO 2024 de biblioteca.virxedocarme

PROXECTO "OS PINGÜÍNS" (IV) - 22-03-2024

     Co fin do inverno e a chegada da primavera era o momento de poñerlle fin a este proxecto sobre os pingüíns.
 
    Isto tamén supuxo a volta de Marcelino á Antártida, cousa que os fixo sentir un pouquiño tristes, pero eles comprenderon que o calor non era bo para el e que tiña que volver coa súa familia. 
 
    Ademáis, para ter un recordo para sempre, fixeron unhas fotos de despedida con él.

 

Como actividade final as crianzas fixeron neve!
 
Mesturaron bicarbonato con auga e como por cousa de maxia formouse neve.
 
 
Unha vez que tiveron a neve feita chegou a mellor parte, a de xogar! 
 


Disfrutaron moitísimo!

 

DÍA DA POESÍA (21/03/2024)

  Coa finalidade de promover a ensinanza da poesía, crear unha imaxe atractiva dela e fomentar a expresión e tradición oral; o 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía.

 

 

  Este ano foron os nenos e nenas de Ed. Infantil os que recitaron un par de poemas na biblioteca que despois gravaron en Radiuvín para que todos poidades escoitalos.

   Os nenos e as nenas de Infantil A recitaron o poema do pingüín xa que eles están investigando sobre estes animais no seu proxecto:

 

 

 
 

 

   Despois foi o turno do alumnado de Infantil B recitou o poema La maestra de las flores de Gloria Fuertes:

 

 

 

 

Distribuir contido