Escornabots

FACEMOS UNHA MESA DE LUZ (7/5/2018)

    Fai algún tempo que tiñamos ganas de contar con este recurso no espazo creativo da nosa biblioteca, Queres argallar? e hoxe chegou o momento.
 
   Para iso contamos na biblioteca cunha colaboración especial dunha persoa moi mañosa que co alumnado de 3º e 4º de Primaria montou unha mesa de luz portátil.
 
   O primeiro que necesitamos foi un recipiente grande de plástico e un anaco de cartón para debuxar e recortar o que sería a base da nosa mesa.
 
    Despois fomos á cociña, onde quentando un ferriño, fixemos uns buratos arredor para suxeitar a tapa e un máis grande por onde introducir a tira de leds.
 
     A continuación pegamos os leds a tapa de cartón con cinta adhesiva ancha e suxeitámos a bandexa e a tapa cunhas pequenas bridas.
 
    Para desfrutar da mesa de luz, só nos quedaba enchufala!!
MOITAS  GRAZAS!!!

CLASES DE PALABRAS (4/5/2018)

    Esta nova actividade didáctica é unha dorma divertida de reforzar a clasificación das palabras cun xogo colaborativo non competitivo.
    O primeiro xogador tira o dado e programa tantos movementos no escornabot como puntos saíran na tirada. A continuación deberá comezar unha oración cunha palabra correspondente á categoría indicada na casilla: NOME, ARTIGO, ADXECTIVO, VERBO ou ADVERBIO.

     O seguinte xogador volve a gtirar o dado e complementa a palabra anterior cunha nova correspondente á súa tirada.

     O obxectivo do xogo é construír oracións palabra a palabra entre todo o grupo. O xogo remata cando non é posible continuar coa oración. 

MEDIDAS DE LONXITUDE, CAPACIDADE E MASA (6/4/2018)

    Con esta actividade, reforzamos os contidos correspondentes ás unidades de lonxitude, capacidade e masa a través dos escornabots.
    
    Para a actividade necesitamos un taboleiro dobre de xeito que cada equipo xoga nun lado do taboleiro e tarxetas de probas relacionadas con estes contidos. Ademais, como estes contidos trabállanse en varios cursos; fixemos probas de tres niveis diferentes segundo o curso co que se faga a actividade.
 
    Un xogador do primeiro grupo, levanta unha tarxeta correspondente á dificultade acordada e plantexa a proba ao outro equipo.
 
     O segundo equipo deberá responder á proba plantexada. Se a resposta é correcta, este equipo tirará o dado e avanzará tantas casillas como puntos obteña; pero se non é correcta, retrocederá unha casilla.
 
    SÍMBOLOS  DE  MEDIDAS
 -  A balanza levará ao escornabot dun prato ao outro en ambos sentidos.
 - O metro farao avanzar á casilla que está medindo.
 - O tobogán de auga, deslizarao ata a casilla de saída.
 

QUERES ARGALLAR? (15/12/2017)

   É moi gratificante ver cómo o alumnado se vai facendo autónomo en todo o que ten que ver cos escornabots e o recuncho Queres argallar?
 
    Nestas imaxes podemos ver a un alumno de 5 anos explicándolle a outro de 4 como ten que facer para dirixir o escornabot.

SCRATCH CON ELÍAS E ROCÍO- Despedida

    Hoxe foi o último día de linguaxe de programación na biblioteca do colexio.
 
   Estivemos programando o Escornabot; cambiándolle parámetros para cambiar a súa forma de moverse e darnos unha idea de todas as cousas que un escornabot pode facer: camiñar máis rápido, andar máis centímetros de cada vez...
     Para rematar estas sesións de programación na biblioteca; entregámoslle a Elías e Rocío un pequeno agasallo para agradecerlles o tempo que voluntariamente e gratuitamente nos adicaron achegando ao noso alumnado os fundamentos da linguaxe de programación.
 
 
MOITAS  GRAZAS!!

VIDEOCONFERENCIA BIBLIOBN (1/6/2017)

    Hoxe o alumnado do colexio mantivo unha videoconferencia co alumnado da Escola de Educación Infantil Barrionovo (Arteixo).
 
    Nesta videoconferencia comunicámonos coa BiblioBN para compartir experiencias escornabóticas e propostas didácticas.
 
   Representantes do noso alumnado contáronlles a proposta de Infantil B e o xogo que elaboraron para o seu proxecto das abellas, os xogos de expresión oral e escrita, os taboleiros para traballar fonemas en AL, o xogo das familias de instrumentos que inclúe o uso do spinner e o taboleiro para reforzar o significado dos números da CDU.
 
 

    Eles faláronnos da ocupación escornabótica ás familias a través das mochilas viaxeiras, de música, da súa caixa de repostos e ensináronnos cómo funciona o seu Escribabot, unha actividade que seguro que en breve copiaremos porque aos nosos alumnos lles encantou.

   

     Ademais enviáronnos en 3D as letras do noso concello, nunha imaxe que si escaneades desde Aurasma e conectades coa canle bibliobn, ten sorpresa!

    Se seguides o enlace, poderedes acceder a esta experiencia desde o blog da BiblioBN para saber como nos viron eles ao outro lado da pantalla.

 
 
 
MOITAS  GRAZAS  POR  COMPARTIR  CON  NÓS  ESTA  EXPERIENCIA!!

XORNADA ESCORNABÓTICA entre bibliotecas Lemos Le

  O Colectivo Lemos Le, organizou unha xornada escornabótica entre bibliotecas escolares da Comarca de Lemos.

    Desde o nosa biblioteca, aportamos as propostas didácticas elaboradas dentro do proxecto piloto da biblioteca para animar aos demais centros a facer escornabóticas as súas bibliotecas.

FAMILIAS DE INSTRUMENTOS CON SPINNER E ESCORNABOTS

   Esta é unha proposta didáctica para traballar as familias de instrumentos musicais combinando o spinner e os escornabots.
 
   Para comezar pegámoslle a cada parte do spinner un cartel co nome das familias de instrumentos que imos a trabllar: vento, corda e percusión e elaboramos un taboleiro con instrumentos musicais pertencentes a esas familias.
  Despois o alumno faino xirar o spinner e mentres xira, cólleo por un dos extremos para paralo e saber que familia lle tocou.
   A continuación ten que facer xirar o spinner sobre a mesa e, antes de que se pare, conseguir levar o escornabot a un instrumento da familia correspondente.
 
Unha nova forma de traballar as familias  de instrumentos!!
 

O XOGO DOS OVOS

   A galiña azul de Carlos Casares que ten cinco plumas vermellas na á dereita, pon ovos de cores e di cocorocó e outra galiña da aldea que pon ovos normais e di cacaracá, mezclaron por erro os seus ovos.
   
   Para axudalas imos facer dous equipos e cada equipo axudará a unha galiña diferente.
   Por quendas, cada equipo tirará os dados e con tantos movementos como puntos obteña, terá que conseguir un dos seus ovos.  O xogo remata cando unha das galiñas recupere todos os seus ovos.

XORNADA DE FORMACIÓN ESCORNABÓTICA (12/5/2017)

   Como xa sabedes, o noso centro forma parte do proxecto piloto da Asesoría de Bibliotecas Escolares "Escornabots na biblioteca Escolar".  Despois dos bos resultados, o proxecto mantense no próximo curso incorporando 20 novos centros que tiveron unha sesión de formación o venres en Santiago.
   Xunto coa  EEI Barrionovo, o noso centro foi escollido para facer unha ponencia compartindo a nosa experiencia didáctica cos escornabots. Nas seguintes imaxes pódese ver algún dos momentos desta ponencia.
 
    Queremos darlle as grazas á Asesoría de Bibliotecas por ternos escollido xa que para nós é un orgullo esta elección pois recoñece o traballo realizado con estes robots durante todo o curso.
 
   Para min, como mestra encargada do proxecto, foi unha honra representar ao colexio e compartir o noso traballo ante mestres de toda Galicia. 
Distribuir contido