As familias contan

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Aldán (18-05-2023)

   En As familias contan de hoxe recibimos a Tamara, a nai do noso alumno Aldán de Ed. Infantil, que era a primeira vez que viña a participar nesta actividade.

 
   Entre os dous leron o libro O dragón co traseiro en chamas de Beach, un libro que conta a historia dun dragón que non pasa polo seu mellor momento xa que acaba de perder a súa chama.

 

 

E como vos imaxinaredes, isto para un dragón é un gran problema, sobre todo para dragóns que se adican a chamuscar cabaleiros.

 

  Menos mal que Sir Wayne, o cabaleiro que se tiña que enfrontar a el, era moi enxeñoso e tivo unha idea para axudalo: preparar a receita máis picante do mundo para conseguir que o dragón volvera a ter un alento abrasador.

 

   Pero este remedio non tivo o resultado esperado e a chama acabou saíndo por outro sitio que non era precisamente a súa boca...

 

  Se queredes coñecer toda a historia deste dragón, podedes escoitar o libro no seguinte podcast que Aldán e Tamara gravaron na nosa radio.

 

 

 MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR  PARTICIPAR  NESTA  ACTIVIDADE!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla Martínez (25-4-2023)

 Hoxe tivemos na biblioteca unha nova sesión da actividade  As familias contan; nesta ocasión con Lupe Pardo nai da nosa compañeira Carla Martínez.

  Elas viñeron a contarnos o libro Nadie quiere jugar conmigo  escrito por Gabriela Keselman co que coñecemos a historia do castor Pocosmimos que se sentía moi só porque ninguén quería xogar con el.

 

     Ademais nin os gatos nin os osos nin os patos ían ás súas festas e el xa non sabía que facer. Organizaba festas para ver se se animaban pero... nada! O resto de animais non ían e el cada vez estaba máis triste.

 

  Aínda así non se daba por vencido e non deixaba de intentalo organizando festas en diferentes lugares: nunha illa, no alto dunha árbore, dentro dunha cova...

 

  Ata que finalmente un día paseando atopounos a todos xogando nun prado e os demais cando o viron empezaron a mover os brazos en sinal de benvida para que fose a pasar un rato con eles. Ese día pasárono moi ben e Pocosmimos non volveu a sentirse só.

 

   Pero entón que pasaba? Pois que como a maioría das veces, os problemas derivaban de malentendidos: os gatos non foran á festa da illa porque lle tiñan medo a auga,  os patos non puideron ir á festa do alto da árbore porque non sabían chegar arriba, os osos non entraban na pequena cova e os paxaros non xogaron ao escondite porque Pocosmimos estaba tan ben escondido que non o atoparon.

 

 

   Se queredes escoitar todo o conto podedes facelo no seguinte podcast:

MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  VIR  A  CONTARNOS  ESTE CONTO!!

    Esperemos que con el aprenderamos a importancia de falar e resolver os conflitos a través do diálogo e tamén a ser un pouco como Pocosmimos que nunca se deu por vencido.

 

 GALERÍA DE  IMAXES

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Leonor (17-03-2023)

    Nas familias contan de hoxe as protagonistas foron Leonor e a súa nai Cristina que nos viñeron a ler o libro O incrible neno devorador de libros de Oliver Jeffers.

 
   Con esta lectura coñecemos a Henry, un neno que un día decidiu probrar unha palabriña dun libro... despois unha folla e outra folla ata que ao final papou o libro enteiro.

 

  O bo que tiña comer libros era que cada vez Henry se ía facendo máis listo, incluso máis listo que a súa profe! Ata que de tanto comer empezaron a enredárselle os coñecementos e as palabras... vaia lío!

 

   Finalmente, como xa non podía comer máis libros, decidiuse a lelos e así os demais tamén podían disfrutar deles.

 

Pero credes que se poderá resistir ás saborosas palabras e ás apetitosas páxinas dos libros?

Se queredes sabelo, podedes escoitar o libro no seguinte podcast.

 

  

 

MOITAS  GRAZAS  AS  DÚAS  POR  VOLVER  A  PARTICIPAR  NESTA  ACTIVIDADE!!
 
É  UN  PRACER  CONTAR  COA  VOSA  COLABORACIÓN!
 
 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel Vázquez (10-03-2023)

Hoxe foi día de As familias contan polo que recibimos na biblioteca a Noelia, nai de Manuel Vázquez, que se  quixo sumar a esta actividade.

 

   Eles escolleron para contarnos o relato "El conejito de terciopelo" (adaptación de Margery Williams) do libro Cuentos fantásticos para dormir, que según nos contaron é un libro especial para Manuel porque llo regalaron cando naceu e aínda o segue lendo.

 

  Este relato conta a historia dun coello de peluche que só desexaba unha cousa: SER REAL!  

Pero que é ser real para un xoguete??

Segundo o cabalo balancín, ser real é algo que ocorre cando un neno quere durante moito, moito tempo a un xoguete non só para xogar senón porque o quere de verdade.

 

  Pero o neno ao que llo regalan abúrrese pronto del e o coello queda olvidado no armario dos xoguetes ata que un día a nai do neno non atopa o oso de peluche co que normalmente dorme e dálle o coelliño para esa noite.

 

   A partir dese momento o coello faise importante para o neno polo que o coello é moi feliz; de feito, vólvese tan importante para o neno que acaba conseguindo o que máis quería: deixar de ser un xoguete  e volverse REAL!!

  

  Se queredes escoitar este conto, podedes facelo no seguinte podcast que nos deixaron gravado Noelia e Manuel.

 

 

   MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR  CONTARNOS  ESTE  CONTO  TAN  TENRO!! 

PODEDES  VOLVER  CANDO  QUEIRADES!!

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Lola (07/02/2023)

    Hoxe estivemos de estrea na actividade As familias contan xa que era a primeira vez que viña a contar Yolanda, a nai de Lola.

    O libro que escolleron foiEl día que mamá perdió la paciencia de Belén Gopegui. que como ben di o título é a historia dunha nena chamada Mariú que ten que buscar a paciencia que perdeu a súa nai.

    O problema é que Mariú non sabe por onde empezar a buscar xa que a paciencia é algo que non se ve nin se toca, como se sabe a onde van as cousas invisibles que se perden?

 
   Como non sabe por onde comezar pide axuda ao seu irmán pero el non lle pode axudar porque está xogando cun amigo. O mesmo pasa co seu pai que non lle pode axudar porque está traballando co ordenador, pero aínda así non se desanima porque ela sabe viaxar nos contos que le así que decide buscar a través deles.

 

   Yoly e Lola léronnos un fragmento no que Mariú atópase nos seus contos coa princesa Adhara que, como todas as princesas, ten os seus problemas: ten que levar zapatos de tacón cos que ten que dar pasos pequeniños para non caerse, sempre ten que vestir con roupa elegante e ben pranchada, as coroas, as diademas...
 
     Despois atopará moitos máis personaxes que a farán reflexionar e descubrir a diferenza entre rabieta e perder a paciencia, o valor da razón, a emoción dos sentimentos, a empatía, a responsabilidade dos sentimentos que provocamos noutras personas... e aprenderá que todos (nenos e adultos) temos dereito a perder a paciencia algunha vez.

 

       E respecto á paciencia da mamá, vós que pensades? Atoparíaa? 
      
       E que faríades vós para atopar a vosa paciencia se a perderades? Como nos dixeron Yoly e Lola hai moitas maneiras de buscala: pensar, reflexionar, descansar, relaxarse, pór a funcionar o sentido común...

 

      Se queredes escoitar un fragmento deste libro tan didáctico podedes facelo no seguinte podcast onde tamén escoitaredes unha pequena reflexión que as nosas protagonistas fixeron en Radiuvín

 MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  TRAERNOS  ESTA  LECTURA,

FOI  UN  PRACER  ESCOITARVOS.

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Estrela (27 - 01 - 2023)

     Hoxe, na actividade As familias contan recibimos na biblioteca a Paula, a nai de Estrela. Entre as dúas léronnos o libro Lobo Feroz de Patacrua (Ed. OQO) baseado nun conto popular ruso.

 

      Escoitándoas soubemos que o protagonista desta historia era un lobo tan preguiceiro que por non esforzarse non comía nada máis que papas de arroz!

 

Ata que un día, cando xa estaba moi fraco, decidiu empezar a cazar e converterse nun lobo feroz; pero... que credes que pasaría?

 
Intentou cazar unha cabra, unha vaca, un porco, un burro e unha ovella; sería capaz de levar algo á boca?

    

    Se queredes saber como acaba o conto do lobo que quería ser feroz, podedes escoitar moi atentos o seguinte podcast no que Paula e Estrela comparten o libro con todos vós a través de Radiuvín.

 

 

MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  VIR  A  CONTARNOS ESTA  HISTORIA  TAN  ENTRETIDA  SOBRE  A PREGUIZA  E  O  ESFORZO!!


 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla Martínez (301/06/2022)

   Hoxe tivemos por primeira vez na biblioteca a  Guadalupe Pardo, nai de  Carla Martínez. Aínda que ela xa participara na actividade As familias contan desde a casa por culpa da pandemia.

 
  Carla e a súa nai contáronnos o libro Azul e Rosa de Ana Pillado Vega editado por A nosa Terra. Un libro no que se reflexiona sobre os estereotipos de xénero
 
     Nesta historia, os avós de Lila e Pilo tráenlle uns agasallos: unha bufanda e un gorro rosa para Lila e unha bufanda e un pucho azul para Pilo.
 

    Pero por que a roupa de Lila ten que ser rosa e a de Pilo Azul? Pasaría algo se cambiaran os agasallos?  
 
    Pois claro que non! con esta historia aprendemos que as cores non son de nenas nin de nenos, as cores son de todos!!!
  
    Se queredes escoitar vós tamén esta historia, podedes facelo no seguinte programa de Lecturradio, as túas lecturas na nosa radio; xa que ámbalas dúas nos acompañaron en Radiuvín.

 

 
 
 
MOITAS  GRAZAS  POR  COMPARTIR  ESTE  RATIÑO  CON  NÓS!!
 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Ada e Teo (31/05/2022)

     Nunha nova sesión da actividade  As familias contan  tivemos no centro a  Antía López Maldonado, nai de Ada e Teo, acompañados pola pequena Sía.

   Antía fixo un contacontos dobre xa que contou primerio para xs compañeirxs de Ada e despois para xs de Teo.

   Ada e Antía leron para a clase de 3º e 4º de Primaria o libro Tragapalabras de Cristina Oleby que é a historia dunha nena á que lle encantan os alimentos: comelos, clasificalos, preparalos... pero o que máis comía ao longo do día eran palabras.

 

   Comía as palabras que pensaba que era mellor non dicir porque podían causarlle un problema a alguén, ata que un día xa non puido tragar máis palabras e empezou a dicir todo aquilo que non dixera.

 

    Un libro moi bonito que nos fala sobre a dificultade que poden ter os nenos e as nenas para expresar as súas emocións e xestionar os sentimentos.

   Despois Teo e Antía, leron para as aulas de Ed. Infantil o libro Color Carne de Desirée Bela-Lobedde que é un libro co que reflexionaremos sobre a tolerancia e o racismo derivado da cor da pel.

 

   O primeiro día de cole, todas as cores están moi contentas porque poderán saír da caixa para darlle cor aos debuxos dos nenos e das nenas: amarelo para o sol, azul para o mar e o ceo... e como a primeira tarefa que lles manda a profe e debuxar ás súas familias a cor carne, está contenta porque todos a utilizarán.

      Pero o tempo vai pasando e ninguén utiliza a cor carne. Pintan de marrón oscuro, marrón claro, amarelo... e por fin alguén colle tamén a cor carne.  

     Unha historia para aprender que existen moitos tonos de pel como existen moitos tonos de verde para as árbores; todos somos iguais aínda que todos sexamos diferentes!

 

    Para escoitar estes contos, podedes acceder aos podcasts que gravaron na radio antes de marchar!

 

 

 

MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA  VISITA!!
ATA  A  PRÓXIMA!!
 
 
 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Estrela (10-05-2022)

 

    Nas familias contan estamos de estrea xa que hoxe veu a contar unha nai que non viñera nunca á nosa biblioteca: Paula, a nai de Estrela.  Entre as dúas contáronnos o conto A eiruguiña comellona de Eric Carle.

 

 

 

Neste conto, a eiruguiña pequeniña pasa todo o tempo comendo porque ten mooooooita fame.

E que pensades vós que comerá? Verdura? Froita? Doces?

E de tanto comer que lle pasará?

 

Pois ao final, pasa que a eiruguiña pequena xa non era tan pequena e que ademais se convertiu nunha... 

BOLBORETA!!

 

    Se queredes saber toda a historia desta eiruguiña podedes ver o vídeo no que elas a contan tan ben:

 

MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  ESTE  RATIÑO  TAN  DIVERTIDO!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla (09-04-2021)

 

  Sabemos que esta é unha actividade que lle gusta moito ao noso alumnado, por iso estamos moi contentos de que as familias sigan participando a pesar da situación sanitaria que vivimos. 

  Nesta ocasión son Carla Martínez e a súa nai Lupe as que se animan a ler o conto  Roi quere ser mamá, escrito por Ana Pillado Vega e editado por A nosa Terra no que se reflexiona sobre a ruptura de estereotipos de xénero.

 

   

 

      Nesta historia descubriremos que Roi quere ser mamá porque quere coidar á súa irmán pequena como o fai a súa nai, pero... por que? en realidade os pais non saben coidar aos bebés? Escoitade atentos...

 MOITAS  GRACIAS  CARLA  E  LUPE  

POLA  VOSA  PARTICIPACIÓN!!!

 

 

Distribuir contido