CLUBES DE LECTURA

VIAXANDO POLAS LETRAS (16 / 2022 - 2023)

   Aínda que xa está remantando o curso, no club de lectura non queremos deixar de ler e por iso comezamos un novo libro: Unha volta ao mundo de Joseba Sarrionandia.

 

     Nesta sesión comezamos lendo entre todos o primeiro capítulo do libro no que coñecemos ás dúas portagonistas: unha avoa que é mestra de Historia e a súa neta que pide que lle conte «unha historia de verdade».

 

       Continuamos lendo o segundio, cando a avoa empeza a falarlle de Juan Sebastián Elcano, dos comerciantes marítimos da época, dos asteleiros...

 

     E coa lectura xurdiunos unha dúbida sobre o formato do libro en forma de diálogo: por que é unha novela dialogada e non unha obra de teatro? Cales serían as principais diferenzas?

     Unha dúbida que queda pendente de investigación para a próxima sesión...

 

LETRAS GALEGAS: Francisco Fernández del Riego

   Os membros do club de lectura Viaxando polas letras estiveron lendo a obra de teatro As cousas de Don Paco que é unha obra de Eva Mejuto coa que coñecemos a biografía de Francisco Fernández del Riego autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.

 

    E xa que tiñan esta lectura preparada, compartírona co resto do alumnado para que eles tamén coñeceran a súa vida da man dos obxectos protagonistas da mesma:  

Don Lapis (o lapis que o acompañou durante toda a vida)

Baldomero (o reloxo que lle regalou a súa muller Evelina)

Oliva (a súa máquina de escribir)

Leica (a cámara de fotos que sempre levaba con el) e

 Guadalupa (a lupa que usou para ler cando xa era maior).

 

 

 

 

 

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (15 / 2022 - 2023)

     Hoxe tivemos unha sesión diferente do club de lectura dedicada ao libro A proba de auga de Anémona De Río: decidimos facer un obradoiro de ilustración de banda deseñada xa que ao noso alumnado lle gustan moito este tipo de ilustracións.

 
   Para este obradoiro estiveron na biblioteca do centro Ana e Luis da Escola de Arte Creativa de Monforte de Lemos que nos ensinaron a debuxar á protagonista comenzando polas liñas básicas da cara. 

 

   Despois fomos engandindo os ollos, a boca e as cellas dependendo da expresión que queriamos reproducir.
 

    

A continuación engadimos o cabelo...
 

  

E rematamos con parte do seu corpo... A verdade é que os nosos nenos e nenas o fixeron moi ben!!

 

 

 

 GALERÍA  DE  IMAXES  CLUB  DE  LECTURA

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (13 / 2022 - 2023)

   Hoxe continuamos coas sesións dedicadas ao libro A proba de auga de Anémona De Río.

 

 

   Como este libro gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, estivemos falando de O Garaxe Hermético que é unha escola de Banda Deseñada e Ilustración de Pontevedra dirixida por Kiko da Silva e estivemos vendo algúns dos seus libros como Fiz nos biosbardos e outros libros da autora como Tam.
 

 

   Como curiosidade, aprendemos que o nome desta escola procede dun libro de cómic de ciencia ficción titulado así e escrito por Moebius.
 

     En canto ao noso libro, podemos dicir que aos nenos e nenas do club lles encantou. Resaltaron as ilustracións (que lles lembran ao manga) e a propia historia aínda que no argumento da mesma había puntos de vista diferentes sobre o papel de Aqua no desenvolvemento da mesma.

      

     Tamén falamos sobre a importancia das vacinas e relacionamos o libro coa asignatura de Ciencias da Natureza: por que comparan o bazo cun lugar para despezar os vellos tranvías? E por que as neuronas son oficinistas con enchufes no cabelo? Que sabemos dos glóbulos brancos?

     
Sen dúbida foi unha lectura moi interesante e atractiva para o noso alumnado!!

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (12 / 2022 - 2023)

   Comezamos novo libro!!   A proba de auga de Anémona De Río!!

 

   Xa que varios nenos e nenas do club estaban pedindo que leramos un cómic, decantámonos por este título que gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.

 

   O primeiro foi repartir o libro e ler a reseña do mesmo para saber sobre que ía a tratar:

Rematados os seus estudos, unha pequena pinga de auga está xa preparada para levar a cabo a súa misión. Pero no seu primeiro día todo ocorre demasiado rápido, perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba.

 

Despois lembramos as diferenzas entre ler cómic e ler manga sobre as que xa falaramos o curso pasado e lemos as primeiras páxinas.

   Esperamos que o novo libro lles guste a todxs!!

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (11 / 2022 - 2023)

   Hoxe tivemos a terceira sesión do club de lectura dedicada ao libro Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro.

 

 
   Nesta sesión estivemos lendo e comentando algúns dos poemas da segunda parte do libro que máis lles gustaron aos nenos e nenas do club de lectura e que queremos compartir aquí.
 
 Comezamos polo poema da páxina 28 que da título ao libro:
 

 

   Despois completamos entre todos unha versión do poema da páxina 33 e comparámola cos poemas que fixeran eles. Compartimos a plantilla por se alguén se anima a rimar con nós:
 

 

   E para rematar comentamos o último poema do libro sobre a fala do vento, as palabras e o silencio.
 Que quererá dicir o autor cando fala de palabras de fume e palabras soñadas?
Pode haber palabras sen letras?
Palabras borradas? Por que alguén borraría palabras?
 

   Para poñerlle punto e final á sesión de hoxe, queremos reflexionar sobre as verbas dunha rapaza do club:

"Gústame a poesía porque aínda que non a entenda moito, os poemas parecen cancións que escribe o autor; son bonitos de ler"

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (10/2022-2023)

 Hoxe tivemos a décima sesión do club de lectura, a segunda dedicada ao libro Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro.

  Comezamos resaltando a dedicatoria e o epígrafe xa que son partes dos libros que ás veces pasamos por alto.

   A dedicatoria  está dirigida á persona ou personas ás que o autor ofrece a obra e normalmente expresan sentimientos de gratitude e homenaxe. Neste caso en concreto, tamén aprendemos unha nova palabra que nos pareceu moi fermosa: algareiro (falador e amigo de gastar bromas, tamén que ten un son agradable ao oído)

   O epígrafe  é unha frase curta, pensamento ou cita dun autor que colocada no encabezamento dunha obra, capítulo, parágrafo... anuncia o seu contido. Utilízase desde o s. XVI e xeralmente aparece impresa con outro tipo de letra.

   Neste libro podemos ler tres citas de tres autores galegos relacionadas co vento.

   Despois comezamos a falar do libro reflexionando sobre os sentimentos tan variados que nos produce o vento: nerviosismo? ansiedade? sensación de frío? gana de quedar na cama ou na casa?

   Curiosamente, a priori, a ningún membro do club lle produce sentimentos positivos o vento polo que a maioría dos poemas os sorprenderon bastante xa que neste libro se presenta alegre, xoguetón, bromista, bailarín...

 

   A continuación lemos algúns poemas que elixiron os membros do club como Baila o vento coas nubes (páxina 14), Sei dun vento mentireiro (páxina 20) ou Un peixiño revirado (páxina 21) e fixamos a seguinte sesión coa que remataremos o libro.
 

 

CLUB DE LECTURA (9/2022-23)

        Hoxe tivemos unha nova reunión do club de lectura Viaxando polas letras para un novo libro: Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952).

    Desta volta teremos entre as mans un libro de poesía xa que xunto ao teatro, é o xénero menos lido na biblioteca; e, aínda que en principio parece un libro sinxelo de ler para os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, quixemos escollelo para que lle perdan o medo á poesía pois un dos obxectivos do club é que xs integrantes lean libros de todos os xénero literarios.

 

      Comezamos lendo o resumo do libro para pór en contexto a temática dos poemas que leremos e falando sobre o que nos suxiren os diferentes tipos de ventos noemados.

 

      Despois vimos este pequeno vídeo no que o mariñeiro Martiño acompañado polo autor, recita algúns poemas do libro.

     

A aventura poética acaba de empezar!!

 

 

 

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (8/2022-2023)

   Hoxe temos unha sesión diferente do club de lectura xa que para rematar as sesión dedicadas ao libro  Un mundo para Maruxa temos na biblioteca a súa autora: Estefanía Padullés.

 

   Ela comezou falándonos da creación do libro que se basa en feitos reais de cando ela mesma traballou nun Centro de Recuperación de Fauna Silvestre e nunha Reserva de Fauna; e contounos que Susana e Eloy non eran personaxes imaxinarios senón que foran compañeiros seus.

 

    Despois falounos máis polo miúdo da temática do libro á vez que nos facía unha ilustración: os perigos dos animais mariños, o consumo abusivo de plástico, a importancia de reducir o seu uso, os microplásticos, a contaminación da auga...

 

    A continuación ensinounos as ilustracións orixinais do libro e explicounos o proceso que seguía ela para facelas:

 

 

    A continuación fixemos un obradoiro que consistía na elaboración dunha roda coas ilustracións de Maruxa mentres Estefanía ía respostando ás preguntas dos membros do club.

 

    Ao rematala e montala, puidemos comprobar que para cada problema medioambiental plantexado, asociáselle unha solución que podemos levar a cabo nós mesmos.

 

 

   Por último, Estefanía pasou polos estudos de Radiuvín para respostar ás preguntas dos nosos locutores de radio.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  CONTARNOS  TANTAS  COUSAS

SOBRE  MARUXA  E  A NATUREZA, 

ESTIVEMOS ENCANTADOS  DE  COMPARTIR  ESTE  RATIÑO  CONTIGO!!

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (7/2022-2023)

    Hoxe tivemos a sétima sesión do club de lectura deste curso na que rematamos a lectura do libro Un mundo para Maruxa de Estefanía Padullés.

   

   Durante esta sesión reflexionamos sobre varios aspectos relacionados cos últimos capítulos do libro. 

   Comezamos fixándonos nun diálogo entre Hugo e Lucía no capítulo dez: 

"E a min, que me importan eses bichos gordos? - preguntou Hugo, un chulo de quinto que se cría moi duro -. Se son tan parvos como para comer as bolsas de plástico, se cadra merecen extinguirse. [...]

- Hugo, a ti gústache o polbo, verdade? E comer marisco, que sempre te pos morado nas feiras - replicou Lucía, unha moza da clase de Hugo, ao parecer moito máis lista que el -. Pois se cadra a ti a foca dáche igual pero se o mar está contaminado, tampouco vai haber peixe nin marisco para que ti comas. E a túa nai non traballa de mariscadora? E que cres que vai facer se queda sen traballo? E ti?" 

   Pero nós non vivimos preto do mar, nin coñecemos a ninguén que viva do mar, entón... por que teriamos nos que preocuparnos de que o mar se contamine?

  Rapidamente chegamos á conclusión da importancia de manter os mares limpos e libres de contaminación xa que inflúe na calidade da auga, nos peixes cos que nos alimentamos, nas praias a onde imos de vacacións...

 

    O seguinte tema de reflexión partiu dun diálogo do capítulo once: 

 

"- Exactamente! - asentiu Susana -. Esa é a primeira parte do plan, reducir a cantidade de plástico que usamos. Substituiremos o plástico por outras cousas. E para aprender a facer iso viñemos ao lugar onde habitan os expertos en vivir sen plásticos: a residencia de maiores! [...]

- Eu pensaba que os expertos eran os políticos ou os científicos - dixo un neno."

    As cuestións relacionadas con este diálogo foron: poden os maiores da residencia ensinarnos algo a nós? Como poden ser expertas en algo unhas persoas tan maiores? Como vivían eles? Como facían a compra? 

   Claro que os nosos maiores poden ensinarnos moitas cousas! Pensamos como sería á súa vida cando eran máis xoves e falamos doutras formas de mercar: das bolsas de tea, dos envoltorios en papel, dos envases de vidro, de oficios como o de leiteira...

 

 

  E, por suposto, rematamos a xuntanza falando da importancia da reglas dos 3 R: Reducir, Reutilizar e Reciclar, e do que podemos facer nós para levalas a cabo; así como do bo que debía ser conseguir que estes animais se recuperaran e puidesen volver ao mar.

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido