Infantil

Actividade interxeracional: costureiras

Coa chegada da celebración do Día das Letras Galegas, o alumnado de infantil e 1º ciclo de primaria, tivemos unha visita moi especial no cole... Coñecedes a Uxía? A boneca protagonista da obra de Mª Victoria Moreno "A festa no faiado"? Pois con Uxía coñecemos o faiado da súa casa e todas aquelas "cousiñas" que nel estaban gardadas e que estaban relacionadas cun oficio moi tradicional: "AS COSTUREIRAS"

Coas personaxes desta obra, gato, rato, Teodosia e Uxía, percorremos unha chea de xogos que nos acercaron aínda máis a este oficio. Cal foi a nosa sorpresa cando, para rematar a xincana de xogos, a mesma Mª Victoria Moreno, nos adicou un diploma personalizado na nosa biblioteca.

Moitas grazas a todos os que fixestes posible esta actividade, disfrutamos moitísimo con todos vós.

  

  

Todas as fotos no seguinte álbum

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Actividade interxeracional: costureiras

Coas mans na terra

En plena época de semente e aproveitando o bo tempo destes últimos días, o alumnado de Educación Infantil puxo as botas e achegouse á horta para plantar unhas espinacas e uns repolos. Mirade que compenetración facendo os buratos, poñendo as plantas e regando, isto si que é traballo en equipo! Parabéns rapaces! Agora, a coidalas con moito mimo e agardar a que medren.

I Congreso "Aliméntate ben"

Hoxe o Palacio de congresos e exposicións de Santiago de Compostela, acolleu o I Congreso "Aliméntate ben", no que diferentes centros educativos presentaron os seus traballos para fomentar a alimentación saudable. Ata alí se desprazaron as mestras do noso centro María Salgado e Pilar Rivas, que compartiron as súas experiencias coa alimentación e a cociña na etapa de Educación Infantil no CEIP de Sigüeiro, e que podedes seguir nesta web e no seu blog: Eu cociño, ti cociñas

 

Presentación e Concerto de "Eu cociño, ti cociñas" na Feira do Libro de Compostela

03/05/2018 19:00
03/05/2018 20:00

O xoves 3 de maio, ás 19:00h, Gloria Mosquera (que fora mestra e directora no CEIP de Sigüeiro) estará co seu grupo Mamá Cabra presentando na Feira do Libro de Compostela, no parque da Alameda, o seu último traballo Eu cociño, ti cociñas. Este album está inspirado no proxecto impulsado polas mestras do noso cole María Salgado e Pilar Rivas sobre cociña e alimentación saudable coa colaboración do alumnado e das familias e que podedes seguir nesta web e no seu blog.

E da horta á cociña: hoxe empanadillas de espinacas

O alumnado de 6º de Infantil estivo na horta recollendo espinacas e despois preparou unha receita moi especial con elas.

   

Trátase de empanadillas de espinacas. Tiveron que cocer, picar, mesturar, encher, meter no forno... e voilá! como eles din, "listas para papar".

  

Podedes seguir o paso a paso da receita no seu blog.

 

Visita a CLESA

O pasado venres o alumnado de 3 anos acudiu a Caldas para visitar "a fábrica dos iogures" CLESA.

Alí agardábannos para ensinarnos, dunha maneira moi lúdica, cal é o proceso de elaboración dos iogures. Vimos onde almacenaban os ingredientes necesarios, asistimos a unha sesión de contacontos na que coñecemos á vaca "Chenoa" e onde nos ensinaron a debuxar unha vaca dun xeito moooooiiii sinxelo. Tamén observamos como traballaban as máquinas da fábrica e, por suposto, probamos un delicioso iogur de chocolate. UMMMM!!!!

 

Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Visita a CLESA

Plantación de carballos e castiñeiros

Despois da plantación que fixemos no patio do noso colexio, hoxe tocou contribuír a reforestar o entorno do Camiño Inglés. Por iso o alumnado de 6º de E. Infantil e tamén o de 6º de E. Primaria desprazouse ata un tramo do camiño preto do polígono industrial de Sigüeiro para colaborar na plantación de especies autóctonas. Plantáronse un total de 24 árbores (entre carballos e castiñeiros) coa axuda de membros de Protección Civil.

  

 

Podedes ver fotos da xornada no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Plantación: Día da árbore

Visita ao Museo do Ferrocarril (Monforte de Lemos)

Non había mellor maneira de poñer punto final ao noso proxecto sobre "O TREN" que visitando o Museo do Ferrocarril de Monforte de Lemos. A pesar dos pronósticos, gozamos das raiolas do sol mentres visitamos o museo, no que mostramos todos os nosos coñecementos e descubrimos outros novos grazas á compañía de Arturo, experto do tren que nos guiou durante a visita.

  

A continuación achegámonos á Estación de Tren. Percorrémola dun extremo a outro na procura dun billete... que non puidemos mercar porque a taquilla estaba pechada.

 

Por último, queremos agradecer ao CEIP Plurilingüe de Monforte (Colexio Novo) a súa acollida, pois cedéronnos as súas instalacións para que o momento do xantar fose o máis agradable posible. Moitas grazas compañeir@s!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Museo do ferrocarril (Monforte de Lemos)

Convivindo

Bota a andar a liña da mellora da convivencia dentro dos Contratos Programa concedidos a este centro. O alumnado de educación infantil e o de 1º e 2º de primaria, asistiu este venres no salón de actos ao contacontos "O segredo de Flora" no que se traballaron conceptos como o da ira e o enfado. O alumnado de 3º e 4º de primaria visualizou fragmentos da película "Quero ser como Beckham" acerca dos roles e os estereotipos.

  

O vindeiro xoves tócalle o turno aos nenos/as de 5º e 6º. Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Mellora da Convivencia

Monicreques para os de 3 anos

Teatro Arbolé trae "Los tres cerditos" á Fundación SGAE, e nós, os máis pequenos do cole de Sigüeiro non podiamos perder esta oportunidade. Comezamos a semana acudindo a Santiago para ver unha adaptación da tan popular historia con monicreques, onde nos contan as aventuras de Tocinete, Cochinillo e Gorrinico. No seguinte video poderedes ver un resumo da función desta compañía aragonesa.