Blogue de quinif

Celebración do Día da Muller

Deixámovos aquí unha reportaxe dos actos realizados para a celebración do Día da Muller Traballadora pola comunidade escolar do Ceip Condesa de Fenosa. Coma sempre estamos moi orgullosos de sermos unha comunidade que reivindica a total igualdade de mulleres e homes, e de que o noso alumnado vaia criando os alicerces dun mundo futuro igualitario e solidario.

 

Sen Vandalismo vivimos mellor!

Como remate dunhas xornadas nas que o alumnado de 6º estudou os efectos perniciosos do vandalismo, @s nen@s elaboraron este vídeo onde nos deixan claro o que pensan sobre os actos incívicos, e mesmo nos dán algún que outro consello para evitalos.

O Entroido no Condesa

Cando hai festa, e se é a do Entroido máis aínda, o Condesa énchese de actividade. Neste post deixámovos un vídeo do noso desfile de Entroido, e un podcast da nosa DinoRadio onde, a máis de dúas receitas ben gorentosas para estas datas do Entroido, trae unha lembranza da nosa Rosalía, a poeta coa que o galego volveu a ter unha expresión escrita de primeiro orde.

Vídeo do mural de Florencio

Durante a realización do noso mural sobre Florencio fomos tomando algunhas instantáneas da nosa comunidade traballando. Sen dúbida é un fermoso xeito de mostrar o bo que é o traballo en equipo, que tira de cada un de nós o mellor que temos para ofrecer: a nosa creatividade, o noso esforzo, a nosa colaboración...

Valores, sen dúbida, todos eles presentes na obra de Florencio.

 

Programa de Febreiro sobre Florencio Delgado Gurriarán

Aproveitando que Ricardo Gurriarán, pariente de Florencio e autor dunha biografía do mesmo, veu ao colexio a darnos unha charla sobre a vida e obra de Florencio, quixemos facerlle unha entrevista para a nosa radio.

Aquí vos deixamos o resultado da mesma, que creemos que nos achega dun xeito moi dinámico e certeiro, á figura do poeta de Córgomo, aclarando as dúbidas que tiñamos sobre a súa vida e obra.

 

Creatividade na Biblioteca: creando un mural para Florencio

Tanto o Equipo de Biblioteca coma o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do colexio puxemos en marcha baixo a dirección de Chere, un artista orixinario do Barco, e da súa compañeira Susana que se adicou máis á dirección da parte pictórica, a elaboración deste mural co que queremos homenaxear ao autor nacido en Córgomo, Florencio Delgado Gurriarán, ao que a Real Academia Galega adica as letras galegas deste ano 2022. O mural elaborado integramente polo noso alumnado, continuará a súa elaboración o próximo luns, xa que no traballo das clases houbo que aplicar quendas para cumprir co protocolo anticovid.

O mural ten tres panos, un adicado ao retrato do autor, outro central cunha paisaxe valdeorresa e o terceiro pano no que cada clase escribirá un verso de Florencio Delgado Gurriarán que escolleron de entre os poemas da obra de Florencio.

Deixámovos unha escolma de fotografías do proceso de elaboración deste mural homenaxe.

Primeira actividade de Familia e Lectura

Onte tivemos ás 4 da tarde a primeira actividade do programa de Familia e Lecturas, cunha conferencia de Ana Meilán que nos falou da importancia da lectura para o noso desenvolvemento persoal, e animounos a ler e escribir.

Pola mañá tivo un encontro co alumnado de distintos niveis do colexio, e a tarde foi adicada a este encontro coas nais que se achegaron ao centro.

Esta actividade vai ter continuidade con outras charlas e obradoiros e a posta en marcha de clubs de lectura e de escritura creativa.

Invitámovos, xa que logo, a participar destas actividades que estamos seguros que serán de moito proveito para todos nós.

Florencio Delgado Gurriarán, o noso poeta.

Comeza o ano das letras de Florencio, e nós arrincamos con el para darlle unha moi merecida homenaxe a este veciño de Córgomo, que soubo, coma ninguén, cantar á nosa bisbarra, aos seus montes, á súa fala, aos seus viños, ás súas xentes...

No Colexio, e no marco da Biblioteca creativa, estamos a elaborar un mural para celebrar a elección de Florencio coma autor a homenaxear nas letras galegas deste ano.

A nivel académico o noso alumnado vaise embarcar na elaboración dunha wiki sobre a súa vida e obra, e coma material de apoio á súa procura na rede, elaboramos unha pequena web onde recollemos algúns dos enlaces que a estas alturas do ano están fornecendo informacións de relevancia sobre o noso autor.

Se queredes acceder a esta web, podédelo facer dende aquí.

En canto teñamos rematado o noso mural, no que vai participar todo o colexio baixo a dirección do artista Xerardo Estévez,  tamén vos ensinaremos o resultado do noso traballo neste mesmo espazo.

Deica entón, saúde e terra!

Conferencia de Ana Meilán

Mañá ás 4 da tarde Ana Meilán, escritora lucense de literatura infantil, terá un encontro coas familias do centro.

Ler e escribir non entenden de imperativos é o título da súa charla, coa que nós tentamos achegar medios de promocionar a lectura dende as familias para inocular este bo vicio, o do ler e escribir, a todo o noso alumnado.

Non deixedes de acudir.

30 de Xaneiro: Día da Ilustración

Todos os anos se celebra o 30 de xaneiro o Día da Ilustración. A ilustración nos dá unha visión complementaria, enriquecedora dun texto, facilitándonos a relación coa trama que se nos conta.

A máis disto hai ilustracións dunha calidade excelente, cun valor artístico de seu, que mesmo se convirten elas soas, sen texto, nun libro de valor excepcional.

Dende hai uns anos levamos traballando os mestres das bibliotecas de Valdeorras e Trives nun seminario de Ilustración, e este ano comezamos a traballar nos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que lle adicamos as Letras Galegas deste ano 2022.

O ano pasado fixemos algúns traballos de ilustracións baseándonos no Libro dos Moradores de Darío Xohan Cabana, e aquí vos deixamos o noso traballo, recompilado pola nosa mestra Isidora, coordinadora da Biblioteca do IES de Celanova, premio nacional de Bibliotecas deste ano,  para que xuntos celebremos esta data.

Powered by Drupal - Design by artinet