Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal

(2013-2014) Investigamos sobre os petroglifos: visita ó Parque Arqueolóxico

Como xa vos contamos, estamos a investigar nas aulas de Infantil sobre os Petroglifos, dentro do proxecto de centro sobre "A prehistoria".

Como unha das fontes de información que propuxemos foi a visita a museos, organizamos unha saída ó Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Para non esquecernos da data marcámola nos calendarios das nosas aulas, así cada día podíamos contar cantos faltaban para visitalo.

 

Cando chegou o gran día, o 13 de maio, acompañados polos compañeiros e compañeiras de todo o colexio dirixímonos cara o Parque Arqueolóxico que, como xa miráramos en internet, estaba moi preto do noso colexio.

 

Cando chegamos recoñecimos o edificio de entrada, era igual ó que miráramos en internet, e estaba moi preto de onde vivíamos algúns de nós.

 

Primeiro visitamos a exposición sobre a prehistoria: alí puidemos ver diferentes obxectos e reproduccións da vida na prehistoria, e contáronnos moitas cousas sobre como vivían os humanos que crearon os petroglifos que estamos a investigar.

 

Descubrimos nun vídeo tódolos lugares do mundo nos que podemos atopar petroglifos, descubrimos diferentes teorías sobre a súa orixe e moito máis...  Non podemos amosarvos imaxes da nosa visita pola exposición xa que non estaba permitido tomar fotos dentrodo museo.

 

Cando rematou a visita pola exposición, e como era xa a hora da merenda, puxémonos mans á obra nun espazo que había dentro do Parque.

 

E mentras agardabamos a que viñera o noso guía, para facer a visita polos petroglifos, descubrimos que podíamos debuxar os nosos petroglifos sobre o cemento, empregando pedras.

 

Xa na visita polos petroglifos, o primeiro que miramos foi un "petroglifo falso", que fora creado polos "investigadores do parque", para "experimentar" se era posible facer petroglifos empregando ás técnicas dos nosos antepasados. Este petroglifo si podía tocarse, pero non así os de verdade xa que é moi importante conservalos para o futuro.

 

Continuamos a nosa visita acompañados pola nosa guía "Elena", quen nos foi contando cousas moi interesantes sobre os petroglifos.

Atoparíamos na nosa visita os dous petroglifos de Campo Lameiro que atopamos na nosa investigación? A espiral e o cervo.

 

Seguindo os diferentes indicadores, e continuando polo camiño do número de cada petroglifo, fomos atopando a ruta para chegar ata eles.

 

A primeiro que atopamos era enorme... e alí estaba o noso petroglifo con forma circular e de espirais... estivemos falando sobre o que críamos que significaban.

 

Elena contounos que unha das teorías era que facían círculos porque esa era a forma da súas casas nos poboados nos que vivían.

 

Outro dos petroglifos que atopamos tamén era enorme e representaba unha escena distinta.

 

Alí estaba o "cervo" que descubríramos na nosa investigación. Estivemos falando sobre que críamos que significaba e por que facían ese debuxo. Seguro que se trataba do cervo "EDUR"  do que nos falaran na exposición e que o fixeran para ter sorte na caza.

 

Aínda quedaban moitos máis petroglifos por descubrir, pero xa os visitaríamos coas nosas familias, porque agora chegaba o momento de visitar a reproducción dun poboado da prehistoria, onde vivían os creadores dos petroglifos.

 

Estivemos comentando diferentes aspectos sobre a vida dos "antigos humanos", entramos nas reproduccións das súas casas e exploramos o seu poboado.

 

Elena amosounos como se facía o lume na antigüedade, empregando dous paus, un arco e unha folla de carballo.

 

Despois dun anaco e de un pouco de esforzo...

 

... conseguimos facer lume. Había que soprar moi forte entre todos e todas para que prendese na palla.

 

Antes de dexiar o poboado demos unha última volta para coñecer todo o que alí había... ata tiñan un lugar para falar!!

 

Xa preto do final da nosa visita, pasámolo de medo xogando no labirinto con forma de petroglifo espiral que había na entrada.

 

E visitamos as maquetas de animais de madeira que había no recinto... seguro que eran os animais que cazaban os antigos humanos que crearon os petroglifos.

 

Foi unha visita moi interesante e agora xa temos moita información para empregar na nosa investigación. Estade atentos os recantos de Infantil 1 e Infantil 2 onde vos iremos contando como estamos a levar a cabo esta investigación.