Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal

(2013-2014) Construímos un "tótem" de forma cooperativa

Unha mañá NOA trouxo á clase unha figura moi chula que fixera na súa casa, contounos que se trataba dun TÓTEM que tiña representados a moitos animais.

 

Buscamos no ordenador información para descubir que eran e para que servían os "tótems", que representaban animais e que estaban feitos de madeira. Gustounos tanto que acordamos facer un tótem como o de NOA pero moito máis grande.

 

O primeiro foi decidir entre todos de que material o iamos facer, pensamos que o mellor sería o cartón e, despois de falar un anaco, chegamos á conclusión que había moitas caixas de cartón na aula dos nosos compañeiros e compañeiras de sexto.

 

Entre todos e todas conseguimos levalas ata a nosa aula.

 

Así de alto sería o noso TÓTEM, tería 5 animais xa que o dividiríamos en cinco anacos. Enriba da mesa era moito máis alto que calquera de nós.

 

Para construir o tótem, agora que xa tiñamos preparado o material, organizámonos por equipos "cooperativos", cada un deles sería o encargado de facer a súa parte do tótem e estaríamos nos mesmos equipos durante varios días, ata que o désemos rematado. Despois de acordar as normas de funcionamento dos equipos, e as diferentes funcións de cada un dos membros no mesmo, puxémonos mans á obra.

 

O primeiro foi que cada equipo falase, elixise e deseñase o animal que ía representar na súa parte do tótem, eso si todos os integrantes de cada equipo tiñan que aportar a súa parte ó traballo. Unha vez rematado escribimos os nomes de tódolos integrantes do equipo e o nome do animal... desde ese momento o noso equipo chamaríase como o noso animal.

 

EQUIPO  OSO:

 

EQUIPO TIGRE:

 

EQUIPO ÁGUIA:

 

EQUIPO CABALO:

 

EQUIPO GATO:

 

En ocasións algún equipo precisou consultar algunhas fontes de información para ver os detalles máis pequenos do seu animal, e así conseguir ideas para debuxalo.

 

E estes foron os deseños de cada un dos equipos, tan só faltaba convertilos na nosa parte do tótem.

 

Novamente cada un dos equipos, escribiu no seu debuxo (cooperando entre todos e todas) as cores que ía precisar para pintar o seu anaco de tótem, deste xeito o profe podería traer os botes de témpera lendo o que poñia nos nosos debuxos.

 

Despois do traballo, cada un dos equipos valorou (auto-avaliou) como foi o seu traballo:

  • rematamos a tempo?
  • falamos entre todos para tomar as decisións?
  • recollemos o material?.

Nestas primeiras ocasións algúns dos equipos caeron na conta de que tiñan que mellorar nalgún dos aspectos de cara á seguinte oportunidade.

 

Na seguinte ocasión, xa coa base do noso anaco do tótem seca, cada un dos equipos voltou a organizarse, nesta ocasión para pintar as partes que lle faltaban ó seu animal segundo o deseño que fixeran.

 

Co paso dos días fomos descubrindo que, para que o equipo rematase o traballo todos os integrantes do mesmo tiñan que participar, así que axudándonos uns ós outros o traballo era máis doado.

 

Como sempre, lembramos as normas de funcionamento antes de comezar o traballo (que logo empregaríamos para a auto-avaliación)

 

Así foron quedando os nosos animais para o tótem,  iguais que os nosos deseños.

 

Na seguinte ocasión que se reuniron os diferentes equipos, o traballo consistiu en decidir que outros elementos precisaba o noso animal do tótem, para elo cada equipo escribiu as partes do animal que lle faltaban (orellas, cola, bigotes, as...), como sempre tivemos que escribir todos e todas... axudándonos descubrimos que o traballo era máis doado e divertido.

 

Coas listas que escribíramos, o mestre foi cortando de gomaeva as partes que necesitabamos. Novamente por equipo fomos pegándollas ó noso animal para dar por rematado a nosa parte do tótem.

 

Xuntando tódalas partes demos construido o noso gran tótem da aula... quedounos fantástico.

 

Tan só nos quedaba facer un rexistro do traballo realizado, pegando unha fotografía de cada un de nos xunto ó totem, escribindo ó lado o nome do animal que fixera o noso equipo e os integrantes do mesmo. Novamente traballamos dentro do equipo cooperativo e agora, despois de varios días, fomos capaces de falar e chegar a acordos, de axudarnos uns ós outros para rematar axiña, e de que cada un de nós aportase ó traballo final.

 

Chegou o momento de facer unha nova auto-avaliación, nesta ocasión descubrimos que fomos capaces tódolos equipos de cumplir as normas do traballo cooperativo.

 

Agora temos o tótem nun recanto da aula para poder xogar con el, se queres velo tan só tes que visitarnos.