Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal

(2013-2014) Por que está o patio de cor branca?... experimentamos co xeo

Unha mañá, na asamblea diaria, xurdiu o tema de que o patio de columpios estaba de cor branca: poderiamos ir ó patio no recreo se seguía así?  que pasou para que estivese así? era neve? era xeo? era néboa?....

Para respostar a estas preguntas inciamos unha pequena investigación-experimentación.

O primeiro foi "explorar" sobre o terreo do que estabamos a falar, así que todos ben abrigados, porque facía moito frío marchamos cara o patio; levando un recipiente para "traer" un pouco do que había no patio e observalo na aula para descubrir que era.

 

Cando chegamos, efectivamente unha parte do patio estaba totalmente branca, decidimos entrar para velo máis de preto.

 

Ata os columpios estaba todos brancos... e moi fríos!!

 

E no chan había algo branco, tocándoo descubrimos que estaba mollado e moi frio, e tamén que se non tiñas coidado esbaraba... recollimos unhas "mostras" do chan no noso recipiente e marchamos de novo para a aula.

 

Cando chegamos á aula estivemos observando o que trouxeramos no noso recipiente... pero ó pouco tempo xa non era branco e so había auga!!! que tería pasado?  Xurdiron varias teorías do sucedido, como que se nos caera polo camiño ou que se "derretira"  ou que se convertira en auga.

 

Pero aínda seguiamos sen saber como se chamaba iso que había no patio, que era de cor branco e se derretía convertíndose en auga. Había tres posturas entre os compañeiros e compañeiras:

  • NEVE
  • XEO
  • NÉBOA.

Fomos buscando en internet imáxes de cada unha das palabras, tras escribilas correctamente e, observándoas, acordamos que se trataba de "xeo", porque para ser neve "tiña que haber moita máis amontonada para poder facer bonecos" e que a néboa "eran nubes e non estaba no chan".

 

Cun dos misterios resoltos: tratábase de xeo,  quedabanos aínda outro por desvelar: que lle pasou ó xeo que trouxemos á aula?  e por que se convertiu en auga?

Puxémonos mans á obra.

 

Como podiamos facer para "conseguir" xeo e poder experimentar con el?

Xurdiron varias hipóteses de como conseguir xeo, xa que a idea de traelo de fora, como puidemos comprobar, non daba resultado.

Finalmente TIAGO  propuxo que o xeo se podía facer nas neveras, como os xelados, e todos e todas estivemos dacordo... incluso recordamos que (extrapolando e conectando os nosos coñecementos) tamén os xelados se derretían se non se comían rápido.

Según TIAGO para facer xeo había botar auga nun bote.

 

E logo metela na nevera, pero cando chegamos onda ela  pareceunos que na nevera non criamos que se convertise en xeo... mellor metelo dentro do conxelador porque servía "para conxelar" xa que estaba "moi frío", como fora no patio.

Alí o deixamos ata o día seguinte, porque chegaba a hora de ir ó patio.

 

Cando chegamos ó patio xa non quedaba xeo, pero estaba todo mollado. Pensamos que seguro que se debía a que o xeo se convertira en auga, e ata algún compañeiro propuxo que podía ser culpa do sol, que agora estaba en todo o patio en non como a primeira vez que fomos.

 

Ó DÍA SEGUINTE... TIÑAMOS XEO:

Ó día seguinte, case se nos esquece, pero na asamblea lembramos que tiñamos o noso "experimento" no conxelador... que tería sucedido coa auga que meteramos?.

Fómola buscar e descubrimos que se convertira en xeo... estaba tan frío que tivemos que collelo cunha pinza .... e por zonas era branco e por outras transparente... parecía como un cristal.

 

Un a un, como bos científicos, fomos observando,  experimenando e sacando conclusións coa placa de xeo:

  • estaba fría
  • era moi suave
  • sabía a auga
  • se poñías algo enriba  "resvalaba"... alguén suxeríu que por iso esbarabamos no patio e que era moi perigoso se estaba na carretera, porque os coches poderían esbarar e chocar cos muros. Fixemos a proba cun coche de xoguete e, efectivamente,   esbaraba... e era moi diverido :)
  • cada vez era máis pequeno e no bote había máis auga.
  • se caía podía romper (imaxinamos)

 

Comprobamos que o xeo se estaba desfacendo e que cada vez era máis pequeno o anaco, e que se estaba a convertir en auga que caía no bote. 

Pareceunos lóxico que fose por culpa de que na nosa aula non facía tanto frío como no conxelador.

Para probar a nosa hipótese de que era por culpa do calor, decidimos poñela enriba do radiador e deixala mentras faciamos outras cousas.

 

E pouco a pouco observamos como se ía facendo máis pequena a placa de xeo... despois dun tempo (xa foramos ó recreo e todo ;) ) estaba a punto de desaparecer, pero ó mesmo tempo cada vez había máis auga no bote.

 

Ó final da mañá comprobamos que o bote estaba cheo de auga e que non quedaba nada de xeo... a nosa hipótese era acertada.... por culpa da calor o xeo se convertía en auga, e como o sol daba calor o xeo do patio derretiuse e mollou todo o chan e os columpios.

 

Anotamos o experimento nunha folla de rexistro para lembrarnos no futuro do noso descubirmento. 

 

Decidimos deixar a auga enriba do radiador ata o día seguinte, para ver que sucedía... e sorprendeunos ver que toda a auga desapareceu e o bote estaba seco.... que tería pasado coa auga?.... xa o investigaremos noutro momento... o misterio queda pendente ;)