Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

infantil 2

(2020-2021) Antes de irnos de vacacións, tamén sucedeu todo isto, no mes de marzo, en Infantil 2

Ó longo do mes de marzo, antes de marchar de vacacións, tal como xa vos contamos en entradas anteriores, rematamos a nosa investigación sobre os ponis, celebramos os aniversarios, continuamos a traballar con robots na aula, recolleitamos a nosas leitugas do invernadoiro, continuamos co préstamo de libros para casa os venres e a completar o noso dicionario xigante.

   

Pero ademais de todo iso, tamén sucedeu na aula de infantil 2 o que vos contamos de seguido:

O encargado continuou a desempeñar as súas funcións cada día: facer o rexistro diario no calendario online e levar a cabo todas as responsabilidades "asociadas ó cargo" ;)

   

Se esquecerse de coidar ás nosas tartarugas: RAYO e EVAN.

    

Polo día internacional dos bosques, xunto cos compañeiros e compañeiras de Infantil 1, e co resto de compañeiros e compañeiras do colexio, plantamos dúas árbores no patio: unha pereira e unha maceira.

     

Continuamos a desenvolver os nosos "pilares de pensamento", usando o diálogo, xogando a pensar (filosfía para nenos/as), con diferentes vídeos e xogos de imaxes ocultas.

    

Celebramos o día internacional das mulleres, visualizando un vídeo no cal descubrimos que tódalas profesións poden ser desempeñadas por igual por homes e mulleres.

    

Fixemos un chaveiro como regalo para os nosos pais, usando unhas planchas de pástico, que no forno se facían pequenas e moi duras.

   

Por suposto tamén houbo que crear o papel de regalo para empaquetalos. 

     

Así era o interior dos paquete de regalo que recibiron os homenaxeados. 

      

Coa profe Susana pintamos grandes dexubos con tiza nos muros exteriores do colexio.

         

Continuamos a desenvolver a nosa creatividade, reinterpretando cadros de pintores famosos: A noite estrelada (Van Gogh), Muller tirando unha pedra a un paxaro (Miró) e Sementando ó solpor (Van Gogh).

   

Para elo fomos emprengando diferentes técnicas: pintamos con témpera, sobre lixa, pegando papeis e mesmo "cos pes".

           

Cada semana, coas nosas creacións, vai cambiando a exposición pictórica que temos na aula.

   

Nos últimos días completamos o noso boletín de auto-avaliación, onde plasmamos e lembramos algúns dos feitos que tiveron lugar neste trimestre. Que rápido pasou o tempo!

    

Tan só restaba preparar todo nas nosas carpetas para levalo para casa.

   

Agardamos que aproveitedes esta semana de vacacións e  vémonos no vindeiro trimestre para continuar a contarvos todo o que sucede en Infantil 2.

  

  

 

(2020-2021) Rematamos a investigación sobre os “ponis" e comezamos a preparar o noso documental

Durante as últimas semanas rematamos a nosa investigación sobre os ponis para atopar as últimas respostas ás nosas preguntas.

Unha vez rematada, puidemos comezar a planificar a gravación e creación do documental, que nos plantexaramos como producto final socialmente relevante deste proxecto.

Podes ver os pasos previos desta investigación nas seguintes entradas publicadas neste mesmo blogue:

14/11/20: (2020-2021) Decidimos investigar sobre os PONIS para crear un documental. Tes algunha información?

27/11/20: (2020-2021) Seguimos coa nosa investigación sobre os “ponis”. Xa temos as primeiras respostas. 

18/01/21: (2020-2021) Continuamos a nosa investigación sobre os ponis e atopamos dúas novas respostas.

26/02/21: (2020-2021) Atopamos novas respostas na nosa investigación sobre os ponis

    

Tan só nos restaban dúas preguntas para dar por rematada a nosa investigación, así que decidimos investigalas todos xuntos.

Usando diferentes vídeos que tiñamos no recanto virtual da información, así como na información que tiñamo no recanto da aula, atopamos as respostas que estabamos a buscar.

  

Descubrimos que si lles poñían adornos, e así o plasmamos no mural.

  

Tamén atopamos a resposta de se cazaban e quen lle daba a comida.

  

Acordamos plasmalo deste xeito no mural da investigación.

   

Con estas dúas preguntas a nosa investigación xa estaba rematada. Deste xeito quedou o noso mural completo con tódalas respostas atopadas, amosando o gran proceso que levamos a cabo durante as últimas semanas.

    

Planificando e gravando o documental:

Unha vez rematada a investigación chegou o momento que estabamos agardando, poder comezar a planificar e gravar o documental.

Acordamos o que queríamos contar, de todo o descuberto na investigación.

 

   

Tamén acordamos que parte/aspecto contaría cada un de nós, tanto de modo individual como dentro do seu equipo. Para elo completamos unha táboa que poder ir usando como guía.

 

   

Marcamos no noso calendario online, as datas en que faríamos a gravación das diferentes escenas.

       

Tan só faltaba poñernos mans á obra para ir gravando as diferentes partes do documental, tal como tiñamos planificado.

 

    

Como xa coñecíamos como funcionaba o "croma verde", sabíamos que posteriormente teríamos que poñer no seu lugar "co ordenador", unha imaxe/vídeo do que estabamos a contar en cada caso.

 

       

A medida que iamos rodando cada escena tachávamola da nosa lista, para levar conta de canto nos faltaba por gravar. 

    

Coas tomas xa rodadas tan só queda "axudarlle ó profe" a xuntalas no documental, e a escoller que imaxe queríamos poñer detrás de cada un de nós ou do noso equipo.

   

Á volta das vacacións de Semana Santa, poderedes ver o documental xa rematado neste mesmo blogue.

   

Creamos e comezamos a completar o noso dossier individual:

Para poder contar nas nosas casas todo o que descubrimos na investigación, creamos un dosier individual onde aparece todo o que figura tamén no mural, como resultado do noso traballo na procura de respostas.

   

Ó longo dos vindeiros días, á vez que vaiamos rematando de montar o documental, completaremos tamén o noso dossier individual para poder levalo para casa. 

   

Como temos aínda o mural dentro da aula, podemos usalo como axuda para ilo completando.

     

Nunha próxima entrada presentarémosvos o documental e daremos por rematado este proxecto de investigación, para poder embarcarnos nun novo... permanecede atentos ó noso blogue.

  

   

(2020-2021) Seguimos a traballar con robots na aula, con algunha nova incorporación.

Durante as últimas semanas continuamos a traballar cos diferentes robots que temos na aula, velaquí algúns exemplos do que descubrimos e aprendemos con eles.

Conseguimos que dous BEEBOT se desen un bico "sen chocar", para o que tivemos que calcular canto tiña que andar cada un e cando había que parar.

Falar co outro membro da parella era moi importante, para dar coa programación correcta en ámbolos dous casos.

  

Descubrimos os "MOUSE-BOT", uns ratiños que se programaban igual que os BEEBOT, pero que tiñan que percorrer camiños ata chegar ó queixo.

 

Para programar o camiño que tiñan que facer había que contar, calcular e  imaxinar os xiros que debía dar.

  

Os OZBOTS percorreron o mesmo camiño que nós, viaxando polo mundo, chegando a diferentes países.

Por se non te lembras, podes ver a nosa viaxe nesta entrada do blogue.

 

Ó final demos conseguido que chegasen a cada un dos países, dando a volta ó mundo, usando unha cor diferente en cada viaxe, porque os OZOBOTS cambian de cor segundo a liña que pecorran.

Cada un dos equipo deu programado, de forma autonóma e chegando a acordos, o mesmo percorrido polo mapa do mundo.

   

Tamén comezamos a explorar os "códigos" de cores dos OZOBOTS. Segundo se poña unha ou outra combinación de cores xirará, irá máis rápido, máis lento, fará un remuiño, etc.

 

 

Usando as tarxetas cos códigos (que saben ler os ozobots), cada equipo foi probando se os ozobots facían ou non o que indicaban. Cando non funcionaba había que revisar se as cores estaban na orde correcta, se tiñan un grosor que puidesen ler, etc. 

  

Nas vindeiras semanas continuaremos a traballar na nosa aula, con estes e con algún que outro robot que aínda non coñecedes.

Xa sabedes que poderedes estar ó tanto de todo isto, nas diferentes entradas que iremos publciando neste blogue.

(2020-2021) E ademais, no mes de febreiro, na nosa aula sucedeu todo isto.

Ó longo das pasadas semanas na nosa aula, tal como xa vos contamos nas respectivas entradas deste blogue,  continuamos a investigar sobre os Ponis, levamos a cabo experimentos ciéntificos, celebramos os aniversarios, traballamos e celebramos o Entroido, viaxamos polo mundo co noso pasaporte polo día da Paz e continuamos a coidar das nosas leitugas no invernadoiro.

Pero ademais tamén tivo lugar todo isto:

Coa chegada do novo mes anotamos no calendario online as datas máis significativas.

  

Cada xornada o encargado foi marcando cada día, sinalou o tempo que fai e controlou se estabamos todos ou non ese día.

   

O encargado non debe esquecerse de darlle de comer ás nosas tartarugas, e de organizar o lavado de mans.

   

Continuamos a completar o noso dicionario xigante, coas palabras favoritas que escollemos cada semana.

     

Por suposto tamén continúan a medrar os nosos dicionarios individuais. 

      

Seguimos a levar libros da biblioteca da aula os venres para casa, anotándoos na aplicación online usando o carnet QR; para usar a portada que imprimimos no rexistro individual.

    

Participamos na actividade de merendas saudables, que organizou o pofe PAULO. Cada día imos anotando as merendas saúdables que traemos.

    

Aproveitamos os poucos días de bo tempo que houbo, para xogar no patio... e ata merendar alí (que nos encanta)

     

Continuamos a reinterpretar artísticamente obras de pintores famosos, que se corresponden coas letra da semana no dicionario xigante. Deste xeito imos completando a nosa carpeta de "pinturas", que poderemos levar para casa cando remate o curso.

   

Participamos na creación dun "vídeo-poema", xunto a todos os compañeiros e compañeiras do centro, para celebrar día de Rosalía de Castro.

  

Podes ver o ben que quedou o vídeo de seguido. A ver se podes atoparnos.

    

Nos vindeiros días remataremos a nosa investigación sobre os ponis, e levaremos a cabo outra serie de tarefas na aula

Como sempre poderedes estar ó tanto de todo o que suceda en entradas deste blogue.

 

 

  

(2020-2021) Creamos un volcán de espuma... no experimento deste mes.

Este mes experimentamos con vinagre, bicarbonato, colorante alimentario e un vaso. Como sempre o primeiro foi plantexar hipóteses: Como se faría o experimento?, En que orde habería  que usalos?, Que sucederá cando o fagamos?

    

Contrastamos as nosas hipóteses facendo o experimento, e descubrimos que se creaba un "volcan de espuma", da cor do colorante.

  

Chegou o momento de que cada un dos equipos levase a cabo o mesmo experimento, xa de forma autónoma. Chegando previamente a un acordo do que faría cada un dos integrantes, de xeito que todo o mundo participase.

  

Todos os equipos deron conseguido facer un volcán de espuma.

  

  

  

Tan só nos quedaba completar o noso caderno de campo, indicando os materiais empregados e o resultado obtido.

  

   

Nesta ocasión correspondeulles ó nosos compañeiros e compañeiras de Infantil 1, crear o vídeo do experimento. Podes ver o ben que lles quedou, de seguido.

   

No recanto de infantil atoparás os vídeos de tódolos experimentos anteriores.

 

      

   

(2020-2021) Atopamos novas respostas na nosa investigación sobre os ponis

Durante as últimas semanas continuamos coa nosa investigación sobre os ponis para atopar novas respostas ás nosas preguntas.

Podes ver os pasos previos desta investigación nas seguintes entradas publicadas neste mesmo blogue:

14/11/20: (2020-2021) Decidimos investigar sobre os PONIS para crear un documental. Tes algunha información?

27/11/20: (2020-2021) Seguimos coa nosa investigación sobre os “ponis”. Xa temos as primeiras respostas. 

18/01/21: (2020-2021) Continuamos a nosa investigación sobre os ponis e atopamos dúas novas respostas.

  

  

Para continuar coa nosa investigación, e respostar a novas preguntas das que tiñamos plantexadas, acordamos buscar tres de elas traballando en equipo.

O equipo PERIQUITO encargouse de investigar de que cores podían ser os ponis. Para elo, usaron o mural onde aparecían tólos tipos de ponis, para anotar as diferentes cores que tiñan.

   

Unha vez atopada a respota, anotárono no mual da investigación. 

  

E así quedou plasmado cando remataron:

  

O equipo TIBURÓN encargouse de investigar onde fan "fan caca" os ponis. Buscaron a resposta nun libro, onde pediron ó profe que lles lese nas páxinas na que crían que estaba a resposta. Anotaban o que ían descubrindo nun papel.

  

Tan só quedaba indicar a resposta no mural da investigación.

  

E así quedou a resposta plasmada no mural, tal como acordou o equipo que debería aparecer.

   

Por último, o equipo GATO encargouse de descubrir as partes que teñen os ponis. Para elo visualizaron un vídeo onde se falaba do tema. 

     

Foron anotando nunha lista as partes que ían escoitando. 

 

  

Acordaron plasmalo no mural de investigación deste xeito.

  

Así o deixaron reflexado:

      

Coas respostas xa atopadas cada un dos equipos contoulles ó resto o que descubriran. Deste xeito todos e todas xa coñecen o descuberto polos seus compañeiros e compañeiras.

  

A medida que imos investigando as diferentes preguntas, anotamos quen se encargou de investigalas, no apartado correspondente do mural.

      

Para investigar se os ponis "xogaban" e "traballaban", decidimos buscar a resposta todos xuntos. Visualizando diferentes vídeos.

   

Fomos anotando as resposta no mural da investigación, a medida que as iamos escoitando, acordando antes de que xeito plasmalo.

   

Tamén anotamos en que traballaban, e como ás veces os explotaban os humanos. Decidimos tamén indicalo no mual despois dun diálogo sobre o tema. 

  

Así está agora o noso mural, con case tódalas preguntas respondidas. 

  

Nos vindeiros días remataremos a investigación e poderemos comezar a crear o noso documental, o producto final que nos platexamos ó comezo da mesma, así como facer o dossier individual da investigación.

  

  

(2020-2021) Continuamos a nosa investigación sobre os ponis e atopamos dúas novas respostas.

Durante as últimas semanas continuamos coa nosa investigación sobre os ponis para atopar novas respostas ás nosas preguntas.

Podes ver os pasos previos desta investigación nas seguintes entradas publicadas neste mesmo blogue:

14/11/20: (2020-2021) Decidimos investigar sobre os PONIS para crear un documental. Tes algunha información?

27/11/20: (2020-2021) Seguimos coa nosa investigación sobre os “ponis”. Xa temos as primeiras respostas. 

Como xa pasara algún tempo desde o último día de clase, polas vacacións de Nadal, lembramos todo o que xa descubríramos e as preguntas que nos quedaban por respostar, na nosa investigación sobre os ponis.

 

Fomos anotando no noso mural da investigación, como iamos organizando o traballo. Polo momento tódalas preguntas fómolas respostando "en gran grupo", pero a partir de agora, que xa temos práctica, comezaremos a facelo tamén nos equipos cooperativos.

Descubrimos QUE COMEN E BEBEN OS PONIS, para o que tivemos que visionar varios dos vídeos que temos no noso recanto online da investigación. Finalmente demos con un no que se falaba deste asunto.

A medida que o vídeo ía dicindo o que comían, fómolo anotando entre todos e todas, nunha lista.

 

Tamén atopamos algunha resposta nova, no libro que tiñamos no recanto da investigación da clase. Por suposto, anotamos esta resposta na lista.

    

Coas respostas xa descubertas, tan só quedaba plasmalas no noso mural da investigación, escribíndoas e pegando fotografías de cada alimento. Buscámolas e internet, imprimímolas, recortámolas e pegámolas... como vedes unha chea de traballo.

 

E xa quedou lista a resposta a esta pregunta.

 

Outra das preguntas que tiñamos, e á que tamén atopamos a resposta foi, "QUE TIPOS (RAZAS) DE PONIS HAI". Buscamos nos diferentes vídeos (discriminando cal deles era o que falaba deste tema e non de outro); así como na documentación impresa que tiñamos no recando da investigación.

 

 

Con cada nova raza que iamos descubrindo, comprobamos se nós medíamos máis ou menos que ese poni. Sabías que existe un poni "galego"?

 

  

Cando xa atopamos todos estes "tipos" de ponis,  costounos moito contalos, pero finalmente descubrimos que eran 28.

  

Fomos enchendo o noso poni a tamaño real, que tiñamos no corredor, e do que xa vos falamos noutra entrada, coas diferentes razas e ponis. Pegando a súa foto xunto cunha etiqueta na que escribimos o seu nome e altura.

  

Escribimos entre todos e todas un título, para que todo o mundo soubera de que se trataba, e o número de razas que atopamos, escribindo o número 28.

 

E así quedou o noso poni, a escala 1:1, coas 28 razas de ponis que atopamos.

 

  

Tan só nos quedaba anotar esta resposta no mural da investigación.

  

Decidimos incluír tamén unha foto do poni que temos no corredor, para que todos saiban que poden ir alí a ver as razas de ponis; porque non nos cabían no mural, segundo a conclusión á que chegamos.

  

Así está agora mesmo o noso mural da investigación:

 

 

Aínda nos quedan algunhas respostas por atopar, para poder crear o noso vídeo-documental.

Nas vindeiras semanas continuaremos con esta investigación, da que poderedes coñecer todo o que sucede en sucesivas entradas neste mesmo blogue.

 

(2020-2021) E ademais, no mes de novembro, tamén sucedeu todo isto en Infantil 2

Ademais de iniciar a nosa investigación sobre os Ponis, levar a cabo o noso primeiro experimento, celebrar os aniversarios do mes, descubrir novos robots e iniciar a plantación no invernadoiro; tamén sucedeu todo isto no mes de novembro. Podedes descubrilo todo nas respectivas entradas, publicadas neste mesmo blogue.

Cando comezou o mes de novembro, anotamos no calendario oline da nosa aula, que podedes atopar no recanto de infantil, todas as datas sinaladas como os aniversarios que terían lugar.

  

O encargado de cada día foi levando a cabo as súas tarefas, entre elas darlle a súa comida ás nosas tartarugas Rayo e Evan.

  

Continuamos a completar o noso dicionario xigante, coas nosas palabras favoritas, que comezan cunha letra cada semana. Os nosos diccionarios individuais tamén continuaron a medrar con estas novas palabras.

 

Os venres levamos libros da biblioteca de aula para as nosas casas, rexistrándoos na aplicación online para imprimir a portada e completar o libro "dos préstamos" en papel. Respectando sempre as medidas de hixiene marcadas (limpando o teclado e rato entre cada uso)

  

Continuamos a desenvolver os nosos pilares de pensamento, usando diálogos, "xogando a pensar" con vídeos, imaxes ocultas, etc.

   

Participamos na creación do mural, feito por todo o centro, no "Día internacional para  a eliminación da violencia contra as mulleres", poñendo o noso gran de area. O deseño era obra de Héctor, imán da nosa compañeira Valeria.

 

  

Podes ver o traballo levado a cabo por todo o centro, na seguinte entrada da biblioteca (2020-2021) Pintamos un mural para celebrar o "Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres", onde poderedes atopar tamén o vídeo da creación do mesmo.

 

Marc Taeger, o ilustrador que nos axudou a crear o mural, asinounos un dos seus libros que temos na aula: "Un maís" 

 

  

Creamos o noso vídeo para o programa da TVG "Os Bolechas no cole", do que xa vos contaremos, máis chegado o seu momento ;)

Continuamos a reinterpretar cadros de diferentes pintores e pintoras, usando diversas técnicas plásticas, para desenvolver a nosa creatividade.

"Dos Mujeres" de Frida Kahlo:

  

"Elefantes" de Salvador Dalí:

 

"Inverno" de Goya:

 

"Outono" de Van Gogh:

  

"Upward" de Kandinsky:

 

Cada semana as nosas creacións quedan expostas na nosa exposición.

Segue a coñecer todo o que sucede na nosa aula, nas diferentes entradas que publicamos neste blogue.

(2020-2021) Descubrimos novos robots na aula: o Probot e os Ozobots “únense á festa"

Nas últimas semanas seguimos a traballar na nosa aula con robots educativos, incorporando dous novos "compañeiros": Os Ozobots e e Probot.

Xogamos a localizar as letras dos nosos nomes programando o Beebot.

  

Coa axuda dunha "ruleta", programamos o Beebot para que chegase ata a cor que saíra elixida.

 

 

Descubrimos como programar o PROBOT para que percorrera camiños, debuxando unha liña ó seu paso. Con este robot temos que introducir o "numero" (en cm) da distancia que queremos que se desprace. 

 

  

Para facelo, medimos primeiro cun metro e logo introducimos os números, para que se detivese xusto na zona marcada.

 

Nos últimos días coñecimos a uns "pequeno amigos", os OZOBOTS, que camiñan sobre as liñas que debuxamos. 

 

 

Os Ozobots cambian de cor, segundo a cor da liña pola que se despraza.

+

 

Nas vindeiras semanas continuaremos a explorar todo o que poden facer estes robots. Contarémolo neste mesmo blogue.

Distribuir contido

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 13 invitados conectados.