Skip to Content

2018-2019

Homenaxe a Rosalía 2019

Rosalía está feita unha moza! 140 anos non son nada!

Se non existise unha data para ela, habería que programala. Sendo a primeira autora en ser homenaxeada no día das nosas Letras, pola súa trascendencia, era ben merecente dunha xornada propia.

Desde a Biblioteca, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá, Música e o Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, quixemos organizar este luns, 25 de febreiro, un tempo e un espazo para dar voz e continuidade ás inquedanzas da autora de Padrón.

Se queres ler como se desenvolveu a actividade e ver unha mostra da lectura de poemas, preme AQUÍ.

Unha viaxe diferente: Luxemburgo e Frankfurt

Entre os días 11 e 15 de febreiro de 2019, os 16 embaixadores júnior do Parlamento Europeo viaxaron por Europa para coñecer institucións comunitarias que normalmente non son obxecto de visita. Deste xeito, desprazáronse ata Luxemburgo para visitar o Tribunal de Xustiza e tamén estiveron en Frankfurt para unha visita guiada ao Banco Central Europeo. A viaxe completouse cun intercambio de ideas con outra escola embaixadora de Luxemburgo, as visitas aos cemiterios alemán e americano da II GM e aos museo e cemiterio xudeus.

Os alumnos gozaron das dúas cidades, viaxaron en diferentes medios de transporte e tiveron tempo libre para nadar e patinar sobre xeo. Ler máis: Adiante Galicia, La Voz de Galicia, Que pasa na Costa, El Correo Gallego, Diario Camariñán,  Avante Toda, EuropaDirect A Coruña

Día internacional da muller e da nena na ciencia

 

O 11 de febreiro é o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Convocado pola ONU, promove a realización de actividades para recoñecer o labor de científicas sobranceiras, fomentar vocacións científicas nas nenas e buscar a igualdade, porque só a igualdade en Ciencia e Tecnoloxía permitirá aproveitar o talento de toda a poboación para atopar solucións a retos aos que se enfronta a humanidade, tales como a crise enerxética, medioambiental, alimentaria ou financeira.

Sotavento

O pasado martes, rapaces de 3º e 4º visitaron o parque eólico experimental de Sotavento (Xermade). Alí non só puideron entrar á base dun deses aeroxeradores que ven cada día pola ventá, senón que percorreron o interior dunha vivenda bioclimática con elementos de domótica, coñeceron as características e situación actual dos diferentes sistemas de produción de enerxía eléctrica e concienciáronse sobre a necesidade de adoptarmos medidas de aforro enerxético. Sabiades que, só superados por neveira e lavadora, os consumos ocultos son xa dos maiores gastos enerxéticos no fogar? A partir de agora, imos apagar a tele no botón e desenchufar o cargador cando lle quitemos o móbil!

Preme aquí para ver as fotos da xornada.

No teatro, todo é posible!

Como xa vén sendo habitual no noso instituto, o Departamento de Lingua Castelá e Literatura xunto co seu alumnado gosta de gozar dunha boa representación teatral. Este ano 68 alumnos de 1º e 2º da ESO puideron ver en escena a adaptación da obra El Lazarillo de Tormes a cargo da compañía Eina d´Escola, na que dúas mulleres foron as encargadas de dramatizar papeis masculinos, así que quen dixo que non se pode? Aquí deixamos a testemuña gráfica do encontro entre os nosos teatreiros máis famosos do IESP Pedra da Aguia e as dúas actrices.

POR MOITAS MÁIS SAÍDAS TEATRAIS EN TAN BOA COMPAÑÍA!

O Parlamento galego visítanos

O xoves 31 de xaneiro, tres ex-parlamentarios galegos tiveron a xa tradicional charla con alumnos de 3º de ESO para explicarlles como funciona a institución e para responder a todas as cuestións que lles plantexaron. 

Máis en A Voz de Galicia, Que Pasa na Costa, Diario Camariñán

Distribuir contido


by Dr. Radut