Skip to Content

2018-2019

Aquí Galicia: Eu son Camariñas

Uns días antes da Semana Santa, a produtora do programa da TVG "Aquí Galicia" desprazouse ata noso instituto para facer a gravación dunha reportaxe sobre os distintos programas europeos que levamos a cabo. Nela participaron alumnos de 3º e 4º da ESO e o xefe de estudos. O programa emitiuse o 20 de abril de 2019, englobado nun monográfico sobre Camariñas, no que aparecen tamén varios dos nosos alumnos e o vídeo promocional "Eu son Camariñas".

Na seguinte ligazón tedes o programa enteiro. O que fixeron no noso centro atópase entre 1h 48 min 4s e 1h 53 min 1s.

De teatro por Compostela!

Un ano máis voltamos ao teatro, mais neste caso as alumnas e os alumnos de 3º e 4º de ESO do IESP Pedra da Aguia puxemos rumbo a Santiago para acudir á representación da obra do autor galego Valle-Inclán titulada Luces de Bohemia e ao posterior coloquio cos actores da mesma. E nin a chuvia nin o cansazo nos impediron gozar da adaptación desta obra dramática de principios do século XX que segue sendo tan actual e que invita a todos a realizar unha fonda reflexión social. Como di o autor: "En España podrá faltar el pan, pero el ingenio y el buen humor no se acaban". 

Un pracer gozar destas saídas en compañía de todos vós! 

Xornadas gastronómicas

Baixo a organización e supervisión dos departamentos de lingua francesa e inglesa, o IESP Pedra da Aguia celebrou o xoves 11 de abril as súas xornadas gastronómicas franco-anglófonas.

Dende primeira hora da mañá, diversos grupos de alumnos e alumnas estiveron a preparar crêpes e pancakes como verdadeiros chefs, facendo a masa e cociñando os pratos. Ademais, prepararon unha ampla degustación de produtos, tales como queixos, croissants, cookies, tarta de cenoria ou pastas de té.

Os departamentos organizadores queren agradecer o éxito das xornadas e dos masterchefs. Para ver máis imaxes da xornada, facer clic aquí

Pesca e sostibilidade no instituto

Segue a intensa actividade das Escolas embaixadoras. Esta vez organizando unha mesa redonda sobre pesca e sostibilidade que contou con 5 persoeiros de altura que representaban de forma xeral o sector pesqueiro, tanto dende o punto de vista institucional como dende o punto de vista privado.

No evento tamén se presentou o photocall das vindeiras eleccións europeas do 26 de maio: un submarino de case 4 m onde tamén aparece a nosa Caramiña.

Máis en La Voz de Galicia, QPC, Diario Camariñán, Avante Toda,  Xunta de Galicia

Euroscola primeira parte

Os alumnos de 4º da ESO, embaixadores júnior do ano pasado e gañadores do concurso sobre o Patrimonio cultural a nivel autonómico, gozaron do seu premio na cidade francesa de Estrasburgo, onde participaron no programa Euroscola con 480 estudantes doutros países da UE.

Despois continuaron ata París e Disney, xa en plan relax, antes de volver ao centro e participar xunto cos novos embaixadores dunha charla de EuropeDirect A Coruña e do programa de radio A Cancela, de Ser Nordés, que se emitiu dende o noso centro. Aquí tedes o vídeo da nosa presentación: Helena e Nerea

Máis en La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Avante Toda, Ser Nordés, QPC, Diario Camariñán.

Outro premio máis

O IESP Pedra da Aguia volve estar de noraboa. Os embaixadores júnior deste ano foron quen de gañar a súa participación no programa Euroscola do Parlamento Europeo para o vindeiro curso. E levamos pleno, xa que as tres veces que nos presentamos ao concurso saldáronse con outras tantas victorias.

O reto que propoñía o Parlamento Europeo era implicar ao maior número de persoas para inscribirse na campaña "Esta vez voto". Sendo o centro máis pequeno dos máis de 50 participantes a nivel nacional, acadamos un meritorio terceiro posto que permitirá que 20 alumnos do noso instituto poidan viaxar en outono, case que de balde, ao hemiciclo desta institución en Estrasburgo para debater con máis de 400 rapaces dos 27/28 países da UE. NORABOA RAPACES!

Distribuir contido


by Dr. Radut