Skip to Content

2018-2019

Os Obxectivos 2030 da ONU, tamén nas Xornadas de Bibliotecas Escolares 2019

A finais do mes de marzo, o persoal da Biblioteca Escolar do IESP Pedra da Aguia asistiu ás Xornadas de Encontro das BE de Galicia. Sempre atopamos inspiración no labor de tanto profesorado que traballa na dinamización das biblios dos centros de ensino. Como sorpresa nesta edición, a ponencia de Alicia Sellés titulada “Bibliotecas e Axenda 2030, tamén na escola” tratou sobre o rol clave que estas xogan para o acceso á información e, por tanto, para o desenvolvemento das comunidades no contexto dos ODS 2030 da ONU.

A nosa biblioteca sábeo ben e por iso é parte importante do traballo interdisciplinar que estamos a desenvolver no Plan Proxecta deste ano, O Mundo que Queremos.

Volven os almorzos saudables!


Xa están de volta os almorzos saudables. Desta quenda, tócalle ao alumnado de 1º e 4º de ESO gozar destas equilibradas propostas para comezar ben o día desde o punto de vista nutricional.

Lembramos que se trata dunha colaboración interdisciplinar das materias de Bioloxía e Xeoloxía, Tecnoloxía, Hábitos saudables e Educación física, coa implicación dos programas DAFIS (espazo Actívate) e Consumópolis.

Para ver as fotos das xornadas, preme aquí.

Eleccións no día de Europa

O Día de Europa, 9 de maio, celebrámolo no Instituto cun simulacro electoral. Os nosos embaixadores júnior formaron catro grupos políticos, escribiron aos eurodeputados para se informar dos temas propostos e fixeron carteis publicitarios para pedir o voto para cadansúa formación. Finalmente, as votacións realizáronse o 9 de maio na entrada do centro en dúas mesas habilitadas para o momento, unha para que votara o alumnado e outra para que o fixeran o persoal do centro, os pais e quen se inscribira no censo. Gañou a opción conservadora, con Jéssica Blanco como cabeza de lista. Pero o resultado foi o de menos. O que se pretendía era que os rapaces aprenderan como funciona a maquinaria electoral e a importancia de exercer o dereito a voto, sobre todo de cara ao 26 de maio cando coinciden comicios locais e europeos.

Máis info en El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Que Pasa na CostaAvante Toda e Diario Camariñán

Canto sabemos da linguaxe publicitaria?

O vindeiro luns 13 de maio contaremos coa presenza de tres técnicas do Instituto Galego de Consumo que darán unha charla sobre linguaxe publicitaria, para concienciar á comunidade educativa sobre como nos condiciona este aspecto á hora de consumir.

A actividade forma parte do programa Consumópolis, no que o noso centro participa co proxecto "Repensa a túa despensa" e que ten como obxectivo fomentar o consumo responsable.

Europa na Mostra do Encaixe

Na Semana Santa a actividade dos embaixadores do IESP Pedra da Aguia non cesou, na idea de promocionar o voto para as eleccións do 26 de maio ao Parlamento Europeo. Coa colaboración do concello, que nos facilitou un stand na Mostra Internacional de Encaixe, os embaixadores júnior estiveron repartindo información sobre a UE dende o mércores ata o domingo. Mesmo se elaborou un pequeno cuestionario diario para probar os coñecementos que tiñan os asistentes ao evento sobre Europa.

A actividade seguinte será a simulación dunhas eleccións europeas no propio instituto o día 9 de maio, día de Europa. Con tal motivo, os rapaces crearon 4 grupos políticos e terán que facer campaña no centro para conseguir o maior número de apoios para ese día.

Gañadoras do II certame literario de relatos curtos en castelán

A escritura é unha arte capaz de transportar ao lector a outra realidade, de facelo imaxinar as súas personaxes, de evocar olores, sensacións; en definitiva, de emocionarnos. Tamén é certo que non todos os escritores son capaces de logralo, mais neste certame temos que recoñecer que houbo participantes que nos fixeron sentir e que non nos deixaron indiferentes cos seus relatos, pero tivemos o difícil reto de seleccionar aos mellores, e así foi como a balanza se decantou por tres relatos fascinantes de tres narradoras: 

PRIMEIRO PREMIO CATEGORÍA A: Paula Vázquez Blanco (1º B)

PRIMEIRO PREMIO CATEGORÍA B: Érika Blanco Novegil e Marta Baña Cerdeiras (3º B)

Distribuir contido


by Dr. Radut