Skip to Content

2018-2019

A actitude participativa ten premio

A alumna Érika Blanco de 3ºESO vén de recoller o premio que entrega a Deputación da Coruña no marco do programa Turismo Escolar, ao cal se presentou a finais do curso pasado.
O premio, consistente nun iPad Air2 para a alumna e outro para uso do centro educativo, foi entregado na Coruña o pasado mes de febreiro. O certame busca poñer en valor o coñecemento do patrimonio cultural por parte das novas xeracións para garantir a súa conservación.
A raíz da visita didáctica ao castelo de Vimianzo, a alumna elaborou unha maqueta inspirada nesta construción para completar un traballo grupal na aula de Historia medieval.
O resultado final desta experiencia dá boa conta de que a implicación e o traballo adoitan ter recompensa!
 Parabéns, Érika!

Obradoiro 2: Camariñas de cine!

Luces, cámara… acción! Chegou o día e o centro converteuse nun plató de gravacións.

Os equipos de alumnado tiveron a oportunidade de desenvolver o seu pequeno proxecto audiovisual en diferentes escenarios do centro, tendo que resolver algúns asuntos como as dificultades co son, a iluminación e algúns... ata de atrezo! Despois da xornada de hoxe quedamos coas ganas de ver o resultado final. Ter chegado ata aquí xa é todo un logro!

AQUÍ, o vídeo cun repaso por momentos de traballo de cada equipo!

Xornada de sensibilización: as desigualdades no mundo

Botamos a andar no programa O Mundo que Queremos, co primeiro obradoiro no que se nos plantexaron unha serie de dinámicas para observar que na sociedade na que vivimos hai tanta desigualdade e melloras que facer, que ata a ONU ten recollido na súa axenda de Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible 2030 ata dezasete áreas nas que traballar. Despois de varias dinámicas que nos moveron a reflexionar, nós escollemos os obxectivos 5 e 10: igualdade de xénero e redución das desigualdades, respectivamente. Ao longo dos 5 meses que temos por diante traballaremos estes temas de forma conxunta. Seguro que dan moito de si!

O vídeo do obradoiro e das dinámicas, AQUÍ

 

Cada ovella coa súa parella: claves para entender a Globalización

 

ONG?, globalización?, Terceiro Mundo?, equidade?, sostibilidade?… son conceptos que queren ser esclarecidos. Así que o noso alumnado tivo a oportunidade de axudarse na procura dunha definición para cada un deles e moitos máis, facer unha lectura final conxunta e coñecer cales son os marcos desta aldea global.

 O vídeo da actividade, AQUÍ

Investigamos os Obxectivos 2030 para o Desenvolvemento Sostible

Desde as aulas, fixemos unha introdución aos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible que marca a axenda da ONU de cara ao 2030. Todo o alumnado está mans á obra investigando o que hai detrás de cada unha destas áreas de traballo. Individualmente e por parellas, elaborarán unha presentación para explicar aos seus compañeiros e compañeiras as claves de cada un deses retos e a nosa posible contribución como cidadanía activa e responsable.

O vídeo do proceso, AQUÍ.

 

8th March - #balanceforbetter

Co gallo da conmemoración do Día da muller traballadora, que se celebra o 8 de marzo, un grupo de rapaces e rapazas de 4º de ESO estiveron a traballar nun mural acerca de mulleres relevantes que fixeron historia, tales como a cantante galega Sés, a activista Malala, a científica Marie Curie, a deseñadora Coco Chanel, a investigadora Jane Goodall ou a atleta paralímpica Susana Rodríguez.

Baixo o lema #balanceforbetter co que este ano se trata de afondar na igualdade salarial entre homes e mulleres, o alumnado puxo en relevo o labor da muller en diversos eidos, tales como a matemática, a historia, a arte, a literatura, a música e, especialmente, a defensa dos dereitos das mulleres.

Distribuir contido


by Dr. Radut