8 MARZO 22_ We Can do it!!

Este ano, entre outras actividades, para conmemorar o Día Internacional da Muller acordamos facer un mural colaborativo entre todos os membros da comunidade educativa. 

O lema do cartel foi “We Can do It!” (Podemos facelo!). Foi creado en 1943 por Howard Miller, no contexto da II Guerra Mundial, coa finalidade de animar ás traballadoras da compañía eléctrica Westinghouse Electric de Estados Unidos. 

O cartel non tivo moito éxito  durante a Segunda Guerra Mundial. Mais, na década de 1980, foi redescuberto e amplamente reproducido de moitas formas, a miúdo chamado " We Can Do It!", pero tamén coñecido como " Rosie the Riveter". Nel represéntase a figura emblemática dunha forte traballadora da produción no período da guerra. Esta imaxe " We Can Do It!" foi utilizada para promover o feminismo e tamén para outras cuestións políticas a partir da década de 1980. 

Así mesmo, a imaxe foi portada da revista Smithsonian en 1994, e tamén se converteu nun selo postal de primeira clase de Estados Unidos en 1999. Ademais, foi incorporada a partir do ano 2008 en materiais de campaña de varios políticos estadounidenses, e tamén foi reelaborada por un artista no ano 2010 para celebrar á primeira muller en converterse en Primeira ministra de Australia. 

Como curiosidade, saber que o cartel é unha das dez imaxes máis solicitadas nos Arquivos Nacionais e Administración de Documentos dos Estados Unidos.

A día de hoxe é considerado un símbolo do empoderamento feminino  e da loita pola igualdade e o feminismo. 

Moitas grazas a todas e todos os que fixestes posible este cartel polo 8M e do que agora podemos desfrutar na entrada do instituto. 

Álbum: Curso académico 2021/22 -> 8M_ We can do it!!