Festival de Teatro Grecolatino Lugo - A Coruña 2022

Este mércores, día 9, o alumnado de Cultura Clásica e Latín deste centro acudiu a Lugo ao FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO LUGO-A CORUÑA 2022. Pola mañá asistiu á representación da traxedia Ifixenia en Áulide de Eurípides e pola tarde da comedia de Plauto O Persa. Ambas as dúas representadas marabillosamente pola compañía de teatro de Culleredo El Ruiseñor.

Á ida visitaron a Ponte Ferreira e unha reprodución exacta dun miliario atopado en San Román da Retorta, dous dos restos máis importantes que aquí cerca se conservan da Via XIX romana que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), pasando por Lucus Augusti (Lugo) e polo norte do concello de Palas de Rei, e pola que hoxe discorre o chamado Camiño Primitivo cara a Compostela.

Así mesmo, andando camiño, abeiraron por Santalla de Bóveda, onde gozaron da visita ao templo romano dedicado á deusa Cibeles e logo cristianizado, datado entre os séculos III e IV e as súas pinturas do VII. Está considerado un unicum, ao non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo imperio romano.

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Festival de Teatro Grecolatino 2022