Concurso de Microrrelatos Anticovid.

Este venres 26, na biblioteca do noso centro fíxose a entrega de premios aos gañadores/as do Concurso de Microrrelatos Anticovid.

  • O 3º premio correspondeulle a Adrián Bargados López, de 1º ESO, por “Non vas poder con nós”, un berro de guerra contra o coronavirus.
  • Sara Sobreira Solar, de 2º ESO, obtivo o 2º premio por “Solidariedade en tempos de pandemia”, unha historia de prácticas colaborativas para sobrevivir á epidemia.
  • E o 1º premio foi para Iván Sobreira Solar, de 1º Bacharelato, quen no relato “A Terra” crea unha inquietante atmosfera asociada ao virus, para rematar cunha positiva mensaxe de saúde medioambiental. 

O ENDL agradécelles ás e aos participantes no concurso os seus traballos. Sabemos que non é nada fácil falar da Covid en termos positivos. E o noso alumnado esforzouse en facelo desde esa óptica.

Igualmente, dálle as grazas ao xurado, formado por Cristina, de Orientación, e polas profesoras Laura e Cristina.

 

MICRORRELATOS GAÑADORES: 

  • A Terra - Iván Sobreira Solar   (1º PREMIO) 

A terra, século XXI. Algo insólito acaba de pasar. Rúas baleiras, fábricas paradas, cidades enteiras desoladas; esculca o coronavirus; non se ve, non se ole, non se sente, pero aí está.

Silencioso, introdúcese no organismo dos seres humanos converténdose nun virus letal. 

Parece un relato futurista pero é o aquí e  agora da nosa sociedade.

A natureza toma o poder, o osíxeno rexenérase, a contaminación diminúe e o planeta respira.

A terra comeza a ter esperanza. Os bosques, os ríos, os lagos e os mares rexenéranse.

Volve a vida ao planeta.

  • Solidariedade en tempos de pandemia - Sara Sobreira Solar   (2º PREMIO) 

A Señora María vivía soa no 3º piso da rúa da Proba. Tiña medo de saír. Non coñecía os veciños. Ao lado vivía un rapaz, tímido, e para ela cunhas pintas estrañas.

 Un día, escoitou ruído ao outro lado da porta e asomouse polo mirador. Viu que o seu veciño deixara unhas bolsas de comida e papel hixienico ao pé da porta. Ela, estrañada, esperou a que marchara e abriu.  Enriba das bolsas  había unha notiña que dicía: NON ESTÁS SOA. Dende entón, a señora María facíalle biscoitos como agradecemento todas as semanas. 

  • Non vas poder con nós, xa cho digo! - Adrián Bargados López  (3º PREMIO) 

Se algo podemos sacar en claro desta pandemia é o importante que son os amigos e a familia, poder darlles un bico ou unha aperta. Bótase de menos as xuntanzas como os aniversarios ou as verbenas. Eu creo que isto aínda fai que nos queiramos máis, xa que todos os nosos pensamentos están postos no día en que todos nos xuntemos e celebremos todo o atrasado. O coronavirus cambiounos a vida pero non nos deu arrincado a ilusión nin as ganas de vivir.

Non vas poder con nós!

 

 No seguinte enlace podedes ver algunhas fotos da entrega de premios: