Skip to Content

Clubes de lectura

Clausura do Club de Lectura de adultos do IES Plurilingüe de Valga 2022-2023

Clausura do Club de lectura de adultos curso 22/23

O Club de lectura de adultos do noso centro, "Veigas de Campaña", clausurou as actividades do curso 2022-2023 na tarde do martes 27 de xuño, cunha sesión arredor do libro de Óscar Reboiras Loureiro : "A agonía das folerpas". En palabras do profesor Víctor González, responsable do club de lectura: "O 27 de xuño as compañeiras do club de lectura "Veigas de Campaña" tivemos a derradeira xuntanza do curso. Convócanos o pracer da lectura, da fala, do encontro, en fin da amizade, si, das amigas, aquelas ás que contas cousas que a outros ou outras lles negas, ocultas, non por nada, senón porque non é o momento, non se crea o momento e acontece que nas tertulias que imos artellando no club de lectura, créase ese momento, de xeito inesperado, espontáneo, e iso é o que fai fermosa a xuntanza, amigas que falan, quero dicir que se nos convoca o libro, neste caso foi "A agonía das folerpas" de Óscar Reboiras Loureiro, o faladoiro, se ben a tertulia empeza xirando arredor do libro, sobre aquilo que o libro nos suxire, a partir de aí xa calquera cousa é posible. É a maxia da palabra que nos léva sen querer dun tema a outro, como fíos dunha trama que imos urdindo, un tecido multicolor; lembro, por exemplo, diálogos filosóficos sobre a tema da morte -coa excusa dun libro de ciencia ficción (non lembro agora o título) dun autor xaponés- que non desmerecen dos que Sócrates mantiña na ágora cos sofistas gregos, e un libro que parecera mediocre, de pronto faise sublime, e así acabamos falando sobre a beleza da poesía, e a dificultade que entraña descifrala, que foi un dos temas que abordamos onte, e non porque a obra de Óscar Reboiras o pedira, senón porque xurdiu; esa é a maxia. Que non decaiga. En fin, bo verán a todas e todas, Un pracer. Saúde."

O Club de lectura "Piratas do Ulla" finaliza as actividades deste curso 22/23

Alumnado Club de lectura "Piratas do Ulla" curso 2022/23

O alumnado do Club de lectura "Piratas do Ulla" deste curso académico finaliza as súas xuntanzas. En palabras do coordinador deste club de lectura, o profesor Víctor González: "Esas rapazas e rapaces que posan aí diante vosa son xente perigosa, ollo con eles; semellan xente inocente pero non vos fiedes. Coñecen as artimañas dos delincuentes, que moitos deles tiveron tratos con Sherlock Holmes nada menos, e viaxaron a illa de Bowen, con César Mallorquí, o que significa que a imaxinación a teñen fértil, e unha imaxinación así, fecunda e luminosa, con tanta liberdade, semella poderosa, e pode mudar a orde do mundo, vencer as leis da gravidade e cousas así, a "imaxinación ao poder", que diría o outro. Si, que dúbida cabe, convén ter coidado cos retratados no IES Plurilíngüe de Valga, que poden reverter a orde das cousas, son xente libre, son lectores, do Club de lectura "Piratas do Ulla" e ata tiveron tratos cun tal Roald Dahl, sóavos?, e non se andaron con delicadezas no trato, non o adozaron, como queren facer algúns... mellor deixalo correr e non entrar en polémicas; e con todo o "perigosos" que poidan parecer, a relación con eles e con elas é excelente. Saúde e grazas"

O Club de lectura de adultos tivo unha xuntanza o xoves 25 de maio

 

Club de lectura de adultos na sesión do 25 de maio

Na tarde do xoves 25 de maio, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "No y yo", da escritora francesa Delphine de Vigan. En palabras do coordinador do club de lectura, o profesor Víctor González: "Xa estamos de volta, as do club de lectura. Hoxe acompañounos Delphine de Vigan, escritora francesa, e a súa obra "No y yo". "No" representa a unha rapaza indixente; no é, pois, algo máis cun nome, é un símbolo que recolle o que "non é", o que convén ocultar, agachar, a indixencia, a pobreza, que non -"NO"- se vexa, é aquelo que metemos debaixo dunha alfombra ou, aínda peor, abandonamos no medio do mar. É unha novela dura en certos aspectos, e tamén tenra, fala da amizade, da soidade, en fin, de nós. É unha obra cercana e viva, que se deixa ler, que te leva por diante porque te podes poñer facilmente no lugar da protagonista, unha rapaza superdotada que percibe o mundo cunha madurez que para si querrían moitos adultos, un "bicho raro", fráxil, única, ben, un pouco como todos, que todos somos un pouco "bicho raros". Saúde".

Xuntanza do Club de Lectura de adultos coa presenza do escritor Diego Giráldez

Xuntanza do Club de Lectura de adultos co escritor Diego Giráldez

O Club de lectura de adultos da nosa Biblioteca tivo, na tarde do mércores 19 de abril, unha nova sesión que contou coa presenza do escritor Diego Giráldez. A xuntanza xirou arredor do libro deste autor porriñes, "O meu sangue". En palabras do coordinador deste Club de lectura, o profesor Víctor González: "O mércores 19 de abril houbo xuntanza do Club de lectura Veigas de Campaña, acompañounos vrtualmente Diego Xiraldez, un dos mellores escritores en lingua galega que temos hoxe en día, O veredes aí na foto, na esquina dereita. Presentou a súa obra "O meu sangue", unha novela romántica, aínda que non o pareza, quizais sería mellor dicir que é unha obra inclasificable, inclasificable porque se ben é unha novela de amor, tamén é de misterio, e ata de antropoloxía polas reflexións que se atopan nela sobre a aldea galega e sobre... en fin, inclasificable. É unha ledicia, e a charla con el outra. Desfrutamos moito, da letura do libro, no seu momento, e a tarde de mércores da boa compaña das mulleres do club de lectura e de Diego Giráldez. Na Biblioteca, foi. Outra ledicia. Saúde"

Club de Lectura de adultos: mércores 19 de abril, encontro co escritor Diego Giráldez, autor de "O meu sangue"

                                 Diego Giráldez, 19 abril 2023

O Clube de Lectura de adultos celebra unha nova sesión o mércores 19 de abril na Biblioteca do noso centro, será ás 16:30 horas coa presenza do escritor Diego Giráldez e para conversar sobre a súa obra "O meu sangue".

En palabras do responsable do Clube de lectura, o profesor Víctor González: "Paren as máquinas que mañá mércores 19 de abril, na Biblioteca do IES Purilíngüe de Valga, temos xuntanza do Club de lectura "VEIGAS DE CAMPAÑA", encontro con maiúsculas, como di o epígrafe da crónica. Visítanos Diego Giráldez para falar da súa obra "O meu sangue". Vai a ser virtual, mais non lle resta un ápice de gloria á xuntanza a virtualidade, estará con nos a súa verba, o seu espírito, que é o importante; o corpo é materia, e a materia corrómpese, o espírito non, o espírito perdura, viaxa dun xeito ao outro aínda que o corpo, a materia, a deixe atrás. Nós queremos unha presenza espiritual, chea de coñecemento, de boa literatura, de beleza, que a hai, para que queremos a materia se temos a alma? A xuntanza vai ser as catro e media, e non hai mellor territorio para albergala que o Mundo das Ideas, é dicir, a biblioteca de IES Plurilíngüe, porque outra cousa non haberá, pero Ideas, con maiúscula tamén, e coñecementos, beleza, en definitiva, ocupando as estanterias da biblioteca, dabondo. Vémonos."

Distribuir contido


by Dr. Radut