Skip to Content

Clubes de lectura

Nova sesión do Club de lectura de adultos

Panza de Burro club de lectura adultos O Club de adultos da Biblioteca ten, o xoves 4 de novembro, ás 16:30 horas unha nova sesión. Será arredor do libro da escritora Andrea Abreu: "Panza de burro". En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González: "Mañá xoves, catro de novembro, as catro e media, na biblioteca do IES de Valga, ao abeiro do club de lectura "Veigas de Campaña", faremos tertulia arredor da "Panza do burro" o libro de Andrea Abreu, a escritora canaria que empeza a abrirse camiño na literatura e que, sen dúbida, dará que falar. É unha obra que hai que ler, certamente. Ten cor, corpo, vida, sensacións. É un libro terreal, con sabor, sensual, cunha linguaxe viva á vez que poética. Un experimento, unha obra innovadora. Hai que lela, certamente. É tamén un libro íntimo, escrito desde as tripas e o bandullo; é localista, pola temática, a linguaxe e a xeografía que describe, localista, si, e tamén universal porque os temas que trata a todos atañe, a amizade, o amor, a vida, a morte.... en fin que vos podo decir que non saibades; son os temas de sempre, os que moven a escritura e o pensamento, a filosofía. Tamén é un libro filosófico... xa, como todos, estaredes pensando, e con razón. Lembroume outra obra de iniciación á vida, "Los miedos", de Eduardo Blanco Amor, noso e universal, como ten que ser. Tamen hai que lelo. pero aínda que non o fixérades, nin nesta obra nin na outra, vinde ao Club de lectura. Paga a pena, e non porque haxa bolachas, que as haberá, senón porque se aprende moito nel, e con moito gusto".

Agradamos a vosa asistencia!!!.

Clube de lectura de adultos: encontro co autor de "Granito", o escritor Álex Alonso

O escritor Álex Alonso cos asistentes a sesión inugural do Club de lectura de adultos

Na tarde do xoves 7 de outubro tivo lugar a sesión inaugural do Club de lectura para adultos deste curso académico 2021-2022. Nesta ocasión, os asistentes tiveron ocasión de ter un encontro co escritor vigués Álex Alonso arredor da súa novela "Granito". O autor disertou sobre a súa obra e respondeu ás preguntas das ávidas lectoras que pertencen a noso Club de lectura de adultos.
En palabras do responsable do Club de lectura, o profesor Víctor González: "Aí tedes a foto. Fixádevos ben nela. Non terá cabida posiblemente nos arquivos da historia, non importa. que é a historia, despois de todo? Pasado. Na foto hai un autor para o futuro, é Alex Alonso, que visitou o IES da Valga invitado polo club de lectura "Veigas de Campaña". Mirádeo, posa no centro da foto xunto co agasallo que recibiu  -un dos trovadores de Sargadelos-. Logo, seguindo o surco das agullas do reloxo, Susana, Elena, Rosa, outra Elena, Mª Xosé, un servidor e Lorena. Spiderman, Mafalda eo David de Miguel Ángel, testemuñas mudas da xuntanza, tamén saen retratados. Gañas de saír do marco no que están instalados, saltar ao chan da biblioteca e participar da tertulia non lles faltan. Claro. Eles si que saben, saben o que é bo, porque boa foi a tarde, as raiolas de sol entrando pola dereita, a leria que fumos artellando, o humor, as pastas que comimos. Todo. A foto débese a xenerosidade de Óscar, que a fixo. Ata outra. Será o xoves 4 de novembro . "Panza de burro", de Andrea Abreu nos espera".

Econtro co escritor Álex Alonso na Biblioteca do IES Valga

Álex AlonsoO xoves, 7 de outubro comezan as actividades deste curso 2021-2022, dentro do Club de Lectura da Biblioteca do IES de Valga. Será a partir das 17:00 horas cando se manteña un encontro co escritor Álex Alonso, arredor da súa obra "Granito", Premio Torrente Ballester 2020.

En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González:"Ese que vedes na foto chámase Alexandre Alonso Alonso, posiblemente o nome non vos diga nada. Para os amigos é Álex Alonso. Si, xa sei, eu non son amigo seu..., xa me gustaría, pero quen sabe o que o futuro pode deparar.... se seguides lendo, entenderedes porque o digo. Polo de agora, presento algúns datos. Álex Alonso é tradutor e escritor, fixo estudos universitarios en Santiago, e ten obra publicada; pola novela "Granito" gañou en 2019 o premio literario Torrente Ballester. Desde logo non é pouca cousa, pero aínda así, e tendo méritos para elo, non nos consta que visitara os pazos versallescos nin pisara a alfombra vermella dos grandes teatros, tampouco chegounos nova algunha de que visitara os salóns das universidades afamadas, Bolonia, Oxford, Cambridge, igual sí, non consta..., en calquera caso da igual, quen necesita honrar tan ilustres e maiúsculas institucións cando ESTE XOVES, CINCO DE OUTUBRO VISITA VALGA.... ?, si´está ben lido, non estades en alucinación, se acaso en éxtase. Repito, ESTE XOVES, CINCO DE OUTUBRO, ÁLEX ALONSO, VISITA VALGA, que digo Valga, VISITA O IES DE VALGA, que digo o IES de Valga, VISITA A BIBLIOTECA DO IES DE VALGA ao abeiro DO CLUB DE LECTURA "VEIGAS DE CAMPAÑA",. Todo un honor. Que necesidade ten de pisar Aulas Magnas de fastuosas universidades? SERÁ AS CINCO DA TARDE".

Agardamos a vosa asistencia.

Visita a Santiago do alumnado do Club de Lectura

Alumnado do club de lectura en Santiago

Na foto que acompaña o texto vese ao alumnado do club de lectura IES de Valga. Os contempla a praza de Mazarelos, en Santiago. Como non podía ser menos, querían coñecer a facultade de Filosofía, que tanto lles gusta, ubicada en dita praza. Que tamén visitamos a praza do Obradoiro? pois si, e a catedral... en fin, o casco vello, fermoso, sen dúbida, pero ai!!! onde esté a facultade de Filosofía. Pasámolo moi ben.
Na foto, ademais dos alumn@s, están os acompañantes, Fran Godón, profesor de Lingua Galega no IES, e Víctor González que, por si non vos dérades conta, é profesor de filosofía

Clausura do Club de Lectura de adultos do IES Valga 2020-2021

O escritor Candido Duro cos asistentes ao Clube de Lectura

O escritor Cándido Duro Domínguez clausurou as actividades do club de lectura para adultos 2020-2021, foi na tarde do xoves 18 de xuño. Cándido Duro, poeta, estivo na Biblioteca do noso centro, nun encontro, por fin, presencial, para brindar polo seu poemario "Luz do abrente outonizo".

Distribuir contido


by Dr. Radut