Skip to Content

Clubes de lectura

O Club de lectura de adultos tivo unha xuntanza o xoves 9 de marzo

Xuntanza do Club Lectura de Adultos

Na tarde do xoves 9 de marzo, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "Azucre", da escritora e xornalista galega, Bibiana Candía. En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González: "Estamos ante unha nova sesión do Club de Lectura "Veigas de Campaña". A charla xirou en torno a "Azucre", de Bibiana Candía, unha obra breve, non moi extensa en número de páxinas, pero inmensa en calidade. Moi ben escrita, unha obra dura de contidos pero escrita cunha delicadeza que endulza, e nunca mellor dito, a lectura, non en vano a prosa da narración foi vertida por mans poéticas, as de Bibiana Candía. Parabéns!
Galegos escravos na Cuba de mediados do século XIX, colonia española entón, ... século XIX? Unha lectura atenta demostrou, e así quedou de manifesto na charla que tivemos, que os galegos escravos entón son os inmigrantes de hoxe, tratados en réxime de escravitude ou semiescravitude, da igual, en calquera caso, en condicións infames nos mares de plástico de Almeria e noutros lares. Non hai dereito. Non hai progreso, nin progreso nin retroceso, mais ben voltas e revoltas sobre o mesmo, un eterno retorno tráxico do que xa nos falou o filósofo Nietzsche. Así non hai remedio; se cremos co filósofo que todo volve, que a historia non é lineal, senón circular, por que non a enchemos de vida e solidariedade para que sexa a vida e a solidariedade a que retorne e non mortos, morto e mais mortos?, .... ben, si, hai unha diferencia, os galegos viaxaron a Cuba en condicións infames, certo, pero foron en barco, os inmigrantes veñen en pateras e caiucos... se chegan. Ao final, retroceso, logo.
En fin, sobre a mesa veredes libros, papeis, doces, amor pola lectura, afán por saber e alegría polo encontro; pouco máis se pode pedir. Saúde para tod@s".

Nova sesión do Club de lectura de adultos, foi o mércores 1 de febreiro

Malas Mulleres, Marilar Aleixandre Na tarde do mércores 1 de febreiro, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "Malas Mulleres", da escritora galega, premio nacional de narrativa, Marilar Aleixandre. En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González:
"O 1 de febreiro foi día de xuntanza do Club de Lectura "Veigas de Campaña". Convocounos "Malas Mulleres", de Marilar Aleixandre, recente premio nacional de narrativa. Invitada foi a autora, mais non puido asistir, tampouco fixemos foto, tanto absorbeunos a conversa que se nos pasou. Seguramente estaredes pensando, "xa vai o de sempre a verter marabillas do acontecido na tertulia, como se descubriran o ouro de Moctezuma ou a pedra filosofal"; home, a tanto non chegamos, somos máis modestas, pero a quen lle interesa o ouro habendo risas e sorrisos.
A charla de hoxe xirou en torno á educación, á importancia da educación, de como houbo, e hai, non aquí, posiblemente, pero si noutras partes do mundo, xentes, mulleres, sobre todo, que non teñen acceso a ela, que viven na ignorancia, non porque queiran, senón porque non poden; visitounos Concepción Arenal, unha das protagonistas do relato, e Juana de Vega, condesa, xente importante como vedes, e Lorena, e Gelucha, e Rosa, e Maria José, e Mar, e un servidor.
Os tempos están cambiando, como di a canción, e dun século para acá mira ti se non teñen mudado, para ben, polo menos por estes lares, pero os cambios foron empurrados por xentes como Concepción Arenal, por exemplo,... ben sei que non descubrimos a pólvora, pero facemos o que podemos. Pasámolo ben, que, dalgún xeito é tamén unha forma de cambiar o mundo, para ben.... déixovos, que xa parece que escoito de novo queixas con estas hipérboles que poño. En fin, é unha vez ao mes. Cabemos máis. A próxima lectura, "Azucre", de Bibiana Candia. Saúde.”

Nova sesión do Club de Lectura de Adultos

Xuntanza do Club Lectura de Adultos

O pasado xoves 12 de xaneiro tivo lugar unha nova sesión do Club de Lectura de Adultos. En palabras do responsable deste club, o profesor Víctor González: "Aconteceu o pasado 12 de xaneiro, ao abeiro do Club de Lectura do IES Plurilíngüe de Valga "Veigas de Campaña". A obra que nos convocou titúlase "A anomalía" de Hervé Le Tellier; unha obra interesante, lúcida, que invitou á reflexión e a pasar unha boa tarde, chea de luz - aínda que no patio chovera- alegría -mirade, se non a foto - e coñecementos.
'Quen somos?' Non é unha pregunta baleira, retórica, arrastra reflexións no seu lombo. Soltade esa pregunta en calquera foro, tertulia ou xunta que por aí circulan é posiblemente provoque risas, como que fose ridícula, a quen se lle ocorre? pensarán moitos deses tertulianos..., que clase de pregunta é esa? coa de temas que preocupan hoxe no mundo. Unha cousa non quita á outra. Soltade, porén, esa mesma pregunta no faladoiro das mulleres filósofas do club de lectura que convoca este texto, 'Quen somos?', e de seguido xurden respostas, animadas pola lectura do libro, pero orixinais e filosóficas, e mais preguntas. Resumo o alí falado: Hai un creador, mellor, unha intelixencia artificial, nós, os seres humanos, o universo enteiro, somos creación súa, noutras palabras, somos creación virtual, programa informático; hai un clon noso por aí, un dobre? Ciencia ficción ?... -hoxe en día está xa asumida que é posible clonar seres humanos - A intelixencia artificial creou dobres nosos, quen sabe, quizais un erro informático, unha mutación indebida, o azar. Seres humanos clonados, para que? con que finalidade? Traballar como escravos? E logo, que pasaría cos postos de traballo que ocuparían? Que farían os humáns ociosos? Como sería un mundo así? Preguntas, preguntas e preguntas. Filosofía en estado puro.
Que a lectura de " A anomalía" vos sexa leve e fructífera, como a nós o pasado xoves. Saúde e feliz ano"

O escritor Xosé Ricardo Losada no Club de lectura de adultos

Xosé Ricardo Losada no Club de lectura

O mércores 9 de novembro tivo lugar unha nova sesión do Club de Lectura de adultos na que participou o esxcritor Xosé Ricardo Losada que conversou coas asistentes sobre o seu libro "O rosario e a bugina". En palabras do responsable do Club de Lectura, o profesor Víctor González:
"Imaxinade unha tarde prácida, un pouco de brisa correndo fóra, a raiola de sol entrando pola fiestra ilumina a estancia, unha biblioteca, a do IES plurilíngüe de Valga, por exemplo. Imaxinade. Unha mesa baixa e ao seu arredor cadeiras, e sobre as cadeiras mulleres e algún que outro home. Estádelo imaxinando? Ben sei que haberá quen imaxine praias caribeñas, palmerais e soles de postal. Que imaxinen; eles o perden. Entretanto seguimos nós na biblioteca, non saímos dela... nin falta que fai. Nós ao noso... Escóitanse voces, doces e sabias. Son as mulleres do Club de lectura "Veigas de Campaña". Están falando. Afinade o oído. Ese que escoitades agora é Xosé Ricardo Losada, invitado que é á tertulia para falar do "rosario e a buguina", a vida e a morte de Manoel Antonio, poeta de Rianxo - a "Atenas de Galicia" - As verbas entrecrúzanse, diálogo e silencio. Respecto. Respírase paz, o tempo parece detido... Non podía ser doutro xeito. Utopías foron descritas, Tomás Moro pode dar fe, mesmo Platón, mais o territorio que vos remato de describir non é utópico. Aconteceu. O serán do 9 de novembro, de cinco a sete da tarde. Sí, non é xa que outro mundo sexa posible, outro mundo foi posible esa tarde... Silencio agora. Fala Xosé Ricardo Losada de novo. Non o imaxinedes, foi real. Un escritor ilustre de Rianxo, un profesor de filosofía fala e escoita. Aquí aprendemos todos. Saúde"

Nova sesión do clube de lectura de adultos na Biblioteca

              Sesión Club de lectura 09-11-22

O mércores 9 de novembro e ás 5 da tarde terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura de adultos na Biblioteca do noso Centro. Visitaranos para falar sobre o seu libro "O rosario e a bugina" o profesor e escritor, Xosé Ricardo Losada. En palabras do responsable do Club de Lectura, o profesor Víctor González: "Xa o pon na convocatoria. É visita ilustre, unha máis, outra. Profesor de filosofía en Rianxo, escritor, biógrafo, a máis cousas que case prefiro non destacar por non violentar ao convidado. Doado sería incidir na súa calidade de profesor de filosofía, e expoñer as bondades da mesma, unha vez máis, mais das bondades da filosofía temos escrito outras veces. Non convén teimar. Falemos pois do escritor Xosé Ricardo Losada... mais, é posible falar do autor e non da vila que o inspira, da paisaxe? A obra precisa unha vida que a alimente, claro está... falemos, pois do home, de Xosé Ricardo Losada, e da vila de Rianxo na que habita e do mar de Arousa que a contempla, que algo terá que ver a ría e o mar para que en Rianxo nacera tanta xente ilustre, Castelao, Rafael Dieste, Manoel Antonio...., algo terá a vila, algo terá, quizáis o invitado teña a resposta, ou polo menos, unha sospeita, que quizais pescudando na vida e na obra de Manoel Antonio a atopara. Falaremos
A obra que a tarde do mércores 9 vainos convocar expón, na miña opinión, o debate entre a razón e a fe, que a historia pensamento leva arrastrando desde hai séculos, pero esta é una simple opinión, seguro que a tarde do mércores hai outras, e haberá regueifas e risas, e vida.... pouco máis se pode pedir. Vos veredes. Saúde".

Distribuir contido


by Dr. Radut