Skip to Content

Clubes de lectura

O Club de Lectura de adultos tivo unha nova xuntanza na Biblioteca

Asistentes ao Club de lectura de adultos

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do mércores 24 de abril, unha nova xuntanza. Foi unha amena sesión para conversar arredor do libro de John Williams, "Stoner".

O Club de Lectura de adultos tivo unha nova xuntanza na Biblioteca

Asistentes á xuntanza do Club de lectura de adultos na Biblioteca, 25/01/24

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do xoves 25 de xaneiro, unha nova xuntanza. Foi unha amena sesión arredor do libro de Brais Lamela, "Ninguén queda". En palabras dun dos asistentes, Víctor González Zúñiga:"Pensemos nun corpo que se queda sen alma, unha alma exiliada, fóra de sitio, "desarraigada" termo moi acertado que empregou unha tertuliana na xuntanza que o Club de lectura do IES Plurilíngüe de Valga "Veigas de Campaña" tivo o xoves vintecinco na Biblioteca do instituto, porque diso fala o libro de Brais Lamela "Ninguén queda, de quedar sen raíces, de converterse nunha alma errante, sen terra, sen nada ao que agarrarse, sen vida. O desarraigo é iso, quizais poida compararse a unha soidade extrema, un ser errante é unha alma que a leva o vento. Cantas veces, rodeados de xente non nos sentimos sós? Así as xentes de Negueira de Muñiz que foron levados a unha terra allea nun proceso de colonización animado por un progreso mal entendido e peor executado, como tamén comentou outro dos compañeiros da tertulia, que se se puidera pensar que a intención foi boa, o cal é moito dicir, a execución foi nefasta. Negueira de Muñiz quedou asolagado pola urxencia non digo da civilización, porque a civilización é outra cousa, penso, senón da barbarie.
Este é o eixo central do libro, pero non é o único asunto do que trata, é tamén unha mestura de autobiografía, unha mestura de ensaio e novela e reportaxe. Para moitos unha ledicia de libro. Saúde e grazas"

O Club de Lectura de adultos tivo a última xuntanza do 2023

Asistentes ao Club de lectura de adultos

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do venres 15 de decembro, unha nova xuntanza, a última do 2023. En palabras do responsable deste club de lectura, o profesor Víctor González Zúñiga: "Boas. Estamos a piques de despedir o ano, e os filósof@s rematan a súa estancia no IES Plurilingüe. Foilles grata a estancia, constame, pero xa non poden esperar máis, ademais teñen presa, levan con el@s a exposición itinerante dos Dereitos Humanos. Non van os filósof@s de Reis Magos, nin falta que lles fai, é mais, rexeitan a maxia, el@s son máis de reflexión, de diálogo, de pensamento e tertulia, por certo, este venres 15 tivemos as filósof@s do Club de lectura "Veigas de Campaña" unha para pechar o ano, por iso vedes que non a festexamos na Biblioteca, como é costume. Non teñades pena, estas filósofas da foto van volver, os outr@s non, e como digo levan consigo os Dereitos Humanos, e se fixeran maxia poderían levalos polos mundo adiante, repartilos, sementalos aí onde foxen reclamados e rematarían as guerras, as fames e as violencia e inxustizas de todo tipo, pero os filósof@s non fan esa maxia, levan consigo, e de urxencia, os Dereitos Humanos. Aproveitan a viaxe e cóntanme que a urxencia que os move e para que non se rían máis deles, dos dereitos Humanos, quero dicir, porque da filosofía, tempo hai xa que o levan facendo, mais a @s filósof@s eso dalles igual; a risa, o sorriso e o bo humor son para eles ferramentas tamèn do pensamento; non, do que están fartos e de que os gobernos... a maioría deles, polo menos, se tomen a cachondeo o cumprimento dos Dereitos Humanos, xa non digo de todos os artigos, se acaso tres ou catro xa chegarían porque sí, falan deles, alardean deles, das Constitucións, que, estas sí, cando interesan, son de obrigado cumprimento, mais os Dereitos Humanos nas que se inspiran, non, esos non...
Quero rematar o ano cunha alegría, alegría de verdade, a que transmite a foto que acompaña. Falamos arredor de "MIrafiori", a última obra de Manuel Jabois, e houbo opinións para todos os gustos; a novela ten un pouco de todo, hai amor, desamor, algo de maxia, hai vida, hai morte, e mortos, comunicación, todo moi ben contado, pero sen ser unha obra complexa, ten posiblemente máis dunha interpretación, como ten que ser; invita á reflexión, desde logo, e por iso quedou analizada, ben analizada, na xuntanza de hoxe, como non podía ser de outro xeito. O final é sorprendente, só por iso paga a pena chegar ata el.
Outra tarde na mellor das compañías, da boa xente e da literatura... ai, que bo goberno farían estas filósof@s das "Veigas de Campaña"; elas sí que saben de respecto, de tolerancia, de liberdade, de igualdade..., anda, mira ti, de Dereitos Humanos; se é que ao final, non é tan complicado. En fin. Boas festas, e saúde. Grazas."

Xuntanza do Club de Lectura de adultos coa escritora Inma López Silva

Inma López Silva no Club de lectura de adultos

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do venres 17 de novembro, unha nova xuntanza coa presenza da escritora Inma López Silva.

En palabras do responsable deste club de lectura, o profesor Víctor González Zúñiga: "O club de lectura de IES Plurilíngüe de Valga "Veigas de Campaña" tivo hoxe a honra de recibir a Inma López Silva coa súa obra "Escola de Mulleres"; igual non se percibe ben aí na foto, é a da pantalla. Ben, iso da o mesmo, non estaba físicamente con nós, mais estaba a súa voz, unha presencia viva e intelixente. E unha obra complexa na que vértense varias historias, mais todas teñen unha mesma substancia, a rebeldía, é dicir, a liberdade. Son historias de mulleres, mulleres libres, e todas encaixan ben porque interpélanse unhas con outras. É complexo, si, o que nos conta Inma, pero, que non o é? é a vida mesma vertebrada na historia dunha muller que racha coas convencións porque quere vivir, e vive como quere, por iso cóstalle chegar ao mar, e digo esto con toda a intención, porque así comeza o libro, "o mar comeza nun sumidoiro", porque a liberdade que o mar representa, non se regala, é unha conquista que nace da indignación e da fartura, e da dor; de feito, unha das notas que tiña lendo esa frase, levoume a unha canción de Pablo Guerrero, un cantor-poeta extremeño. A canción é coñecida, e adquiriu fama durante a transición en España dos anos setenta, nunha estrofa di "... hai que doler de la vida hasta creer que tiene que llover..., a cántaros". A liberdade, ningunha liberdade, se regala, e sí, as veces hai que "sufrila". ten que doer. Pensaredes que me estou saído do tema da xuntanza, e un pouco sí, pero o amor (e a amizade), o amor de verdade, non o amor ñoño e romanticón, o amor arrimado a amizade ten moito tamén de rebeldía política, e diso tamén fala o libro de Inma.
Non vos daredes conta pero estou facendo esforzos para intentar manterme ao marxe da historia que se conta, intentar contar de que vai, pero sen estropearvos a lectura cando a emprendades, porque pensamos que paga a pena facelo, e recoñezo que cando rematei a lectura e escoitando a Inma falar da súa obra e o debate que xurdiu na xuntanza, un chega a pensar se realmente non estamos todos un pouco tolos, porque unha das cuestións que o libro manexa con soltura, pensamos, e preguntarnos, e así o fixemos, que é o normal, que é a normalidade; home, normal, normal, mellor un gramo de tolería, "soltar a corda", que dicía o outro. Grazas a todas. Saúde"

O Club de Lectura de adultos tivo unha nova xuntanza na Biblioteca

Xuntanza do Club de Lectura de adultos na Biblioteca

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do mércores 18 de outubro, unha nova xuntanza. En palabras do responsable deste club de lectura, o profesor Víctor González Zúñiga: "Boas. A crónica da xuntanza de hoxe, mércores 18, ben poderían ser os titulares dun telexornal calquera, a saber, a saúde mental, nos mozos especialmente, pode haber tema máis actual? O protagonista da obra que nos convocou ten problemas mentais. A familia desestruturada. Hainas, con todo o que isto arrastra, violencia soterrada e explícita, soidade, amor e odio; a maternidade, un pai alcohólico... a que vos vai soando? Imaxinade a crianza dun rapaz así que, xa desde cativo, da mostras de agresividade, Parécevos pouco? Pois aínda hai máis, enfermidades terminais... e estaredes pensando, con ese panorama, para que vou a achegarme á Biblioteca, a encabronarme? (con perdón); coa tarde de cans, choiva, vento, que facía... e porén, hai como unha maxia no ambiente e nas mulleres lectoras que fan posible o prodixio, e unha tarde que viña do xeito que vos digo, amarga, arrancounos o sorriso, e non era doado porque a obra tiña partes duras, crueis, mais aí reside a grandeza do Club de Lectura "Veigas de Campaña", que é capaz de extraer luminosidade dos temas máis escabrosos e escuros. O que se presentaba como unha historia de odio remata sendo unha narración chea de tenrura e amor, unha obra de reconciliación, de perdón, unha obra emotiva, por iso gozouse tanto da xuntanza.
Si, ben sei que non dixen aínda que libro era, xa non teñades présa. Se o digo ao principio igual algún ten a tentación de non seguir lendo a crónica... pois ben pensado, igual era o mellor. Agora xa dá o mesmo, e case estou por dicir que a obra é o de menos, porque o fermoso é a xuntanza en sí coa boa literatura como excusa, como foi o caso. Estou falando da obra da autora moldava Tatiana Tibuleac, "El verano que mi madre tuvo los ojos verdes". A seguinte vai ser "Escola de Mulleres", de Inma López Silva. A mediados-finais de novembro, por se alguén se anima. Saúde para tod@s"

Distribuir contido


by Dr. Radut