Skip to Content

Actividades

Alumnado de Latín do Bacharelato asistiu á XXIII edición do Festival de Teatro Grecolatino en Lugo

Alumnado de Latín do Bacharelato no XXIII Festival de Teatro Grecolatino

Alumnado de Latín de 1º e 2º Bacharelato asistiu, o mércores 28 de febreiro, á XXIII edición do Festival de Teatro Grecolatino que, organizada pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, tivo lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Nestas xornadas de teatro clásico puideron contemplar pola mañá a obra "Medea" de Eurípides e, en sesión de tarde, a obra "Anfitrión" de Plauto, ambas representadas pola Compañía de Teatro Noite Bohemia de A Coruña. Foron acompañados polos profesores Raúl Gómez e Diego Botana. A actividade foi organizada polo departamento de Cultura Clásica.

Alumnado de 3º (Cultura Clásica) e 4º ESO (Latín) xunto co de 1º Bach. Humanidades (Latín I) asistiu á representación da obra teatral “Crónicas clásicas”

Alumnado do departamento de Cultura Clásica na obra teatral "Crónicas clásicas"

Nas últimas horas lectivas da mañá do venres 19 de maio e na Biblioteca, o alumnado de Cultura Clásica de 3º ESO xunto co de Latín de 4º ESO e de Latín e Grego de 1º Bacharelato asistiu á representación da divertida obra teatral "Crónicas clásicas", a cargo dos actores Lois Blanco e Pablo Carrera da compañía Vicus Teatro. Nesta montaxe repasaron a historia do teatro dende a Antigüidade clásica, a partir dos textos desa época. O espectáculo reinterpreta a esencia das comedias clásicas e abre a porta a coñecer e situar aquela linguaxe teatral que se daba na Atenas e Roma da Antigüidade. A través da comedia, o alumnado achegouse aos mitos populares antigos, ás festas na honra dos deuses, ... A actividade foi organizada polo departamento de Cultura Clásica en colaboración co Equipo da Biblioteca.

Alumnado do departamento de Cultura Clásica na obra teatral "Crónicas clásicas"

Alumnado de Cultura Clásica e Latín asistiu á XXII edición do Festival de Teatro Grecolatino en Ourense

Alumnado na XXII edición das Xornadas de Teatro Clásico, Ourense

Alumnado de Cultura Clásica de 3º ESO e de Latín de 4º ESO e 1º Bacharelato asistiu, o mércores 1 de marzo, á XXII edición do Festival de Teatro Grecolatino que, organizada pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense. Nestas xornadas de teatro clásico puideron contemplar pola mañá a obra "Agamenón" de Esquilo e, en sesión de tarde, a obra "El Persa" de Plauto, ambas representadas pola Compañía de Teatro El Ruiseñor de Culleredo. Foron acompañados polo profesorado Raúl Gómez, Víctor González, Nieves Gómez e Nuria Casal. A actividade foi organizada polo departamento de Cultura Clásica.

Xornadas de Teatro Clásico, Ourense

Iria, Herea e Alba de 1º Bacharelato Humanidades na final estatal do Concurso Odisea 2023

Concurso Odisea 2023O mércores 8 de febreiro, as alumnas de 1º Bacharelato: Alba Blanco, Iria Collazo e Herea Eitor participaron na fase final estatal do Concurso de Cultura Clásica ODISEA 2023. Tras acadar o primeiro posto na fase autonómica galega, o equipo "ΝΈΦΟΣ" volveu acertar un número alto das respostas e conseguiu un máis que meritorio 11º posto nesta fase final. Noraboa de novo a Herea, Iria e Alba e ao seu profesor Raúl!!!.

Alumnas de Latín e Grego de 1º Bacharelato acadan o 1º posto no concurso "Odisea", fase autonómica

Equipo "ΝΈΦΟΣ", gañadoras da final galega do concruso "Odisea"

Na tarde do mércores 1 de febreiro celebrouse en diferentes sedes galegas a fase de desempate da edición 2023 do Concurso "ODISEA". Neste concurso o alumnado da nosa comunidade compite, en grupos de ata tres membros, por demostrar quen son os que teñen os mellores coñecementos sobre a antigüidade grecolatina.          
Trátase dun concurso on-line onde non só se prima achar as respostas acertadas ás cuestións que se formulan, senón que tamén importa, e moito, o tempo que cada grupo invirte en contestalas. Na fase final galega participaron doce grupos e o noso grupo finalista, equipo "ΝΈΦΟΣ", composto por Alba Blanco, Iria Collazo e Herea Eitor, alumnas de 1º Bacharelato de Humanidades, volveu a ser as que tiveron maior puntuación nas respostas, xunto aos equipos do IES Val Miñor e IES Río Miño, pero conseguiu facelo ademais en moito menos tempo que os demais grupos participantes, polo que finalmente acadaron o primeiro posto de Galiza, e acudirán como representantes do noso país a competir coas outras comunidades españolas que participan na fase estatal. Esta fase estatal terá lugar o vindeiro mércores, 8 de febreiro.
Moita sorte de novo ás nosas campioas Alba, Herea e Iria.

Distribuir contido


by Dr. Radut