Skip to Content

Clubes de lectura

O escritor Xesús Fraga participou no Club de lectura de adultos

Xesús Fraga cos asistentes ao Club de lectura de adultos

Na tarde do martes 8 de marzo, o escritor e xornalista Xesús Fraga participou no Club de Lectura de Adultos para disertar sobre a súa novela "Virtudes (e mentiras)". En palabras do responsable do Club de lectura, o profesor Víctor González:

Non están os tempos para ledicias, malos tempos para a lírica, que dicía o outro -pandemias, guerras, subida dos prezos..., para que máis-, por iso son moi de agradecer os aconteceres festivos que animaron o pasado día 8, día da muller, os corredores e aulas do IES de Valga. Hai que festexalo. Animou o dia a chegada das mulleres filósofas, como non podía ser de outro xeito. Tampouco é novidade, levan anos vindo, como ese cometa que cada non sei cantos anos para pola órbita de terra, como un agasallo para nos, terrícolas. É o cometa Halley. As mulleres filósofas son o noso cometa Halley. Dá gusto velas. Chegaron coma acostuman, silandeiras. Non son, certamente, de chamar atención, non traen charanga nin gaitas, nin falta que lles fai. De seguido colleron hospedaxe na Biblioteca, algúns alumn@s de Valores Éticos 3º da ESO, sempre entusiastas, as acomodaron. Tampouco precisan moito. Están afeitas á austeridade. Quedarán aínda uns días, encantadas de que a  visitedes. O mércores16 de marzo, véspera da súa partida, convocan ao alumnado que cursa filosofía en 4º da ESO e en 1º de Bacharelato a unha festa-concurso da que xa darán novas.
E para remate da festa, visitounos pola tarde, ao abeiro do club de lectura "Veigas de Campaña" o recente premio nacional de narrativa 2021 Xesús Fraga. Unha tarde inesquecible. Gustaríame ter verbas acordes mais precisaríase unha sintaxe á que non chego. É desas cousas que hai que experimentar, vivir, como a súa obra, "Virtudes (e misterios)”, un libro apaixonante, fermoso.... as mulleres filósofas quedaron encantadas... e non falo só das históricas, das María Zambrano, Simone de Beauvoir, e tantas outras, que nunca tal viran, e mira que levan asistido a foros cargados de intelectualidade, falo das mulleres de Valga, tertulianas do club de lectura que elaboraron, con Xesús Fraga, uns pensamentos de moitos quilates. Un día gozoso. Falta fai”.

Máis información picando neste enlace.

Alumnado 3º ESO B organizando a exposición "Mulleres filósofas" 2022

 

Nova sesión do clube de lectura de adultos na Biblioteca

Xesús Fraga no Club de Lectura de adultos 08 03 2022

O martes 8 de marzo e ás 5 da tarde terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura de adultos na Biblioteca do noso Centro. Visitaranos para falar sobre o seu libro "Virtudes (e misterios)" o xornalista e escritor, Premio Nacional de Narrativa 2021, Xesús Fraga. En palabras do responsable do Club de Lectura, o profesor Víctor González: "O vindeiro 8 de marzo, día da muller, visita ao abeiro do club de lectura "Veigas de Campaña" do IES de Valga, Xesús Fraga, Premio Nacional de Literatura 2021. Como sempre, na Biblioteca, ás cinco da tarde.
Non é un acontecemento menor, máis ben todo o contrario, digamos que salvando as distancias, para un club de lectura modesto como o noso equivalería á Declaración dos Dereitos Humanos para a historia de Humanidade, que digo Declaración dos Dereitos Humanos, comparable a cando o home pisou a lúa, e non estou esaxerando... ben, quizais un pouco, pero trátase do premio nacional de narrativa 2021 nada menos. Desde logo un acontecemento histórico para o IES de Valga e para o club de lectura "Veigas de Campaña", e non se podía pensar mellor homenaxe para o día da muller que a obra galardonada, "Virtudes (e misterios)". Visitádenos o día 8 e saberedes por que.
Estamos ante unha obra redonda. Xa sei que a miña opinión de pouco vale (sen dúbida coincidirán moitos na mesma, por algo é premio nacional), pero tampouco pretende ser a opinión dun crítico literario, só faltaría, é o que pensa un ser humano que se emocionou léndoa, que mellor se pode dicir dunha obra de arte? . É moito máis que unha obra entretida, só de pensalo parece que estamos falando dunha obra menor. Non é o caso.
É un relato de memorias, non é ficción, polo tanto, hai moita verdade nel, pero non desa verdade da que a miúdo se fala na filosofía, unha verdade maiúscula que a filosofía amasa e amasa ata o aburrimento. Nada que ver. A verdade que Xesús Fraga transmite é telúrica, poética, a súa verdade e, ao tempo, universal. Salvando as distancias, e co permiso do autor, a tarde do día 8 de marzo todos imos a ser un pouco Xesús Fraga porque a circunstancia que fecunda o relato pode ser un pouco a de tod@s. É pura vida. Saúde".
Esperamos a vosa asistencia!!!

O escritor Daniel Asorey participou no Club de Lectura de Adultos

O escritor Daniel Asorey cos asistentes ao Club de Lectura de Adultos

Na tarde do xoves 9 de decembro, o escritor Daniel Asorey participou no Club de Lectura de Adultos para disertar sobre a súa novela "Nordeste".

En palabras do responsable do Club de lectura, o profesor Víctor González: "Hoxe visitou o club de lectura "Veigas de Campaña" o escritor Daniel Asorey. O distinguiredes na foto, no centro, sorrindo, como non podía ser doutro xeito. A que parece que partimos para unha viaxe, nun cruceiro, a que si? Temos cara de iso, sorrintes, ledos. Marchamos... Pois non, volvemos. Estivemos polo Brasil, polo nordeste do Brasil ("Nordeste" é o título da obra que veu presentar), ata alá levounos Asorey, e tamén visitamos Compostela. Xa sei o que estades pensando, que para vir ata Santiago non fai falta cruceiro, que colles o tren e xa chegas... que equivocades estades. A Compostela que visitamos con Asorey ten mar, ata a mesma praza do Obradoiro ven a deitarse a pleamar (se non hai pleamar, o cruceiro non atraca, bate contra o fondo das pedras). Pensaredes que toleei, pero non, o relata moi ben Daniel Asotey no libro. Que bo cruceiro fixemos, que bo libro, que boa tarde. E o bo da vaixe e que vas lixeiro de equipaxe. Un libro chega.
Non sei cando sairá isto publicado. É o de menos, pero que saibades que o venres 10 de decembro non imos celebrar o día dos Dereitos Humanos, o celebramos, onte, e anteonte, e o outro día, e o sábado que ven, e o 27 de abril eo 24 de maio, por exemplo.... os filósof@s que visitaron o centro estes días xa non están, marcharon, pero deixaron pegada, para lembrarnos precisamente que todos os días son 10 de decembro. A bo entendedor... Vémonos no instituto, na pasarela de abaixo. Desfrutade. Boa viaxe".

Nova sesión do Club de Lectura de Adultos

Club lectura con Daniel Asorey O vindeiro xoves 9 de decembro teremos unha nova sesión do Club de Lectura para adultos na Biblioteca do noso centro. Será a partir das 17:00 horas e contaremos coa visita do escritor Daniel Asorey para conversar sobre a súa obra "Nordeste". En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González:"É unha visita que merece celebrarse, desde logo. Penso en Daniel Asorey, que, o nove de decembro, as cinco da tarde, vai festexar co Club de Lectura "Veigas de Campaña", a súa obra  "Nordeste". Daniel Asorey ten obra, esta é unha delas, pero ten máis, un poemario, "Transmaría", narrativa "As mulleres da fin do mundo", e máis que non se nomea nesta referencia por non abrumar, tamén é profesor... Chega. Centrémonos na obra. Que significa ter obra? Que hai detrás dunha obra, de calquera obra? hai traballo, desde logo, hai disciplina, tamén, esforzo e, por suposto, ledicia e imaxinación. Vida. Cabe mellor exemplo para a mocidade que estuda no IES e para a mocidade que participa no club de lectura? Fai falta dicir que  a idade non ven marcada polos anos que se ten senón polo espírito que nos anima?...,
Si, ven Asorey a Valga, ao IES, nunha hora, certo, baleira de alumnado (agás os dos Ciclos que, mira ti, están tamén de obra, aprendendo a obrar), mais o agasallo da súa presenza, deixará de seguro o ronsel imborrable da obra ben feita".
Contamos coa vosa presenza!!!

Sesión do Club de lectura de adultos co libro "Panza de burro"

O pasado xoves 4 de novembro tivo lugar, na Biblioteca, unha nova xuntanza do Club de lectura de adultos. Foi un interesante e ameno encontro dos asistentes para charlar arredor do libro "Panza de burro" da escritora Andrea Abreu.

Sesión Club lectura adultos xoves 4 novembro

Na fotografía podemos ver aos asistentes e en palabras do coordinador deste club, o profesor Víctor González: "Que vedes aí? un grupo de amigas sorrintes, parece que veñen de troula, e, certamente, algo de troula si traen. Parecemos poucas, pero hai máis do que parece, porque cada unha das que sae aí retratada leva consigo a moitos outros. Elena, Susana, Rosa... todas as que aí aparecen son mulleres que traen consigo tal equipaxe de saberes, de lecturas feitas, que coñecementos, que a súa presenza multiplícase, non son unha, son moitas porque dentro de cada unha delas hai moitas máis, como esas monecas rusas que cando as descubres, resulta que dentro delas ai outra, e dentro desta, outra máis. "Matriuskas" creo que se chaman. pois así. Detras de cada unha delas está Andrea Abreu, a autora de "Panza de burro", que nos acompañou hoxe, e na panza de burro está Isora, unha das protagonistas, por exemplo, por non falar doutras libros, doutros personaxes. Somos moitos ou non? Non hai máis cego que o que non quere ver...
O seguinte libro vai ser "Nordeste", de Daniel Asorey. O día 9 de decembro. Coa presenza do autor. con tantas como somos, non sei se caberá. É broma. Seguro que si, e ti, lector ou lectora, tamén. Por certo, as pastas voaron... normal, tantas como éramos".

Distribuir contido


by Dr. Radut