Skip to Content

Clausura do Club de Lectura de adultos do IES Plurilingüe de Valga 2022-2023

Clausura do Club de lectura de adultos curso 22/23

O Club de lectura de adultos do noso centro, "Veigas de Campaña", clausurou as actividades do curso 2022-2023 na tarde do martes 27 de xuño, cunha sesión arredor do libro de Óscar Reboiras Loureiro : "A agonía das folerpas". En palabras do profesor Víctor González, responsable do club de lectura: "O 27 de xuño as compañeiras do club de lectura "Veigas de Campaña" tivemos a derradeira xuntanza do curso. Convócanos o pracer da lectura, da fala, do encontro, en fin da amizade, si, das amigas, aquelas ás que contas cousas que a outros ou outras lles negas, ocultas, non por nada, senón porque non é o momento, non se crea o momento e acontece que nas tertulias que imos artellando no club de lectura, créase ese momento, de xeito inesperado, espontáneo, e iso é o que fai fermosa a xuntanza, amigas que falan, quero dicir que se nos convoca o libro, neste caso foi "A agonía das folerpas" de Óscar Reboiras Loureiro, o faladoiro, se ben a tertulia empeza xirando arredor do libro, sobre aquilo que o libro nos suxire, a partir de aí xa calquera cousa é posible. É a maxia da palabra que nos léva sen querer dun tema a outro, como fíos dunha trama que imos urdindo, un tecido multicolor; lembro, por exemplo, diálogos filosóficos sobre a tema da morte -coa excusa dun libro de ciencia ficción (non lembro agora o título) dun autor xaponés- que non desmerecen dos que Sócrates mantiña na ágora cos sofistas gregos, e un libro que parecera mediocre, de pronto faise sublime, e así acabamos falando sobre a beleza da poesía, e a dificultade que entraña descifrala, que foi un dos temas que abordamos onte, e non porque a obra de Óscar Reboiras o pedira, senón porque xurdiu; esa é a maxia. Que non decaiga. En fin, bo verán a todas e todas, Un pracer. Saúde."



page | by Dr. Radut