Igualdade

III Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra

Un curso máis, a nosa Brigada Violeta participou no Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra, que este ano celebrou a súa terceira edición no Museo Verbum (Vigo) o día 26 de abril. Foi unha xornada chea de momentos inesquecibles onde o alumnado puido compartir experiencias e impresións arredor do tema da igualdade e das moitas desigualdades que aínda persisten. Ademais puidemos gozar da actuación musical de Su Garrido Pombo, elaborar un mural colectivo entre todas e todos, asistir a distintas charlas e obradoiros formativos e participar en actividades creativas como o modelado con barro, a realización de chapas ou a introdución á papiroflexia. Moitas grazas ao alumnado e profesorado dos centros organizadores (IES Álvaro Cunqueiro e IES Primeiro de Marzo) e longa vida aos comandos! 

Táboa periódica das mulleres científicas

Hoxe presentamos unha iniciativa dos departamentos de Ciencias (Física e Química, e Tecnoloxía) e a Brigada Violeta: a táboa periódica das mulleres científicas. Nesta táboa tendes a máis de 100 mulleres recoñecidas polo seu labor científico. Algunhas tan pioneiras como Mary Anning, a primeira persoa no mundo que recoñeceu e construíu un esqueleto dun dinosauro, iniciando a paleontoloxía.

Dicíase que a ciencia non é cousa de mulleres, pero aquí tendes a proba de todo o contrario. Ao longo da Historia ás mulleres interesoulles o coñecemento científico e desenvolvérono mesmo en contra de quen lles dicía que non era materia para elas. Nesta táboa periódica tendes mulleres que facían ciencia no mundo Antigo, como Hipatia de Alexandría, astrónoma, filósofa e matemática; da Idade Media, como a astrónoma Fátima de Madrid ou a abadesa Hildegarda de Bingen, que ademais de científica era música e teóloga. Moitas máis aparecen na Idade Moderna e na Contemporánea, onde as mulleres nos fomos facendo sitio na ciencia aínda que custou que recoñecesen a nosa valía.

As mulleres científicas sobresaen en todos os campos do saber. As cores distintas nas fichas desta táboa periódica correspóndense cos campos diferentes nos que destacaron. Hai biólogas e inventoras en azul e físicas en laranxa. As amarelas son químicas; as moradas, matemáticas; as vermellas son astrónomas; e as verdes, investigadoras no campo das ciencias da saúde. 

Hai nesta táboa mulleres que viron como lles roubaban premios e méritos, como é o caso de Rosalind Franklin ou Veran Rubin, ás que se lles usurpou o premio Nobel, dándollelo a outros, homes, polo traballo de investigación que fixeran elas. Pero tamén hai moitas mulleres recoñecidas e premiadas. Está Marie Curie, a única persoa no mundo gañadora de dous premios Nobel, un en Física e outro en Química, e tamén hai outras moitas premios Nobel. Nesta táboa atoparedes catro mulleres máis co Nobel de Química, dúas máis co Nobel de Física e once mulleres co premio Nobel de Medicina.

Na táboa hai moitas mulleres norteamericanas e europeas, pero tamén doutros continentes. Así podedes atopar a bióloga nixeriana Wangari Mathaai, a matemática chinesa Wang Zhenyi ou a química e farmacéutica Youyou Tu.

E o que é máis importante: no grupo dos elementos de transición interna tendes en destaque científicas do estado español con renome a nivel internacional. Deste grupo queremos destacar de xeito especial ás galegas: a enfermeira de Ordes Isabel Cendal, a matemática coruñesa María Wonenburger, a paleontóloga ourensá María Martinón, e tamén a ourensá, matemática e astrónoma, Antonia Ferrín Moreiras e a oceanógrafa ferrolá Ánxeles Alvariño.

 

8M - O IES de Chapela coeducando pola igualdade

Un 8M máis, seguimos reivindicando a igualdade real e efectiva. E dende o IES de Chapela facémolo coeducando. Dende un ensino público e laico, asumimos o compromiso de ofrecer ao noso alumnado e a toda a comunidade educativa experiencias, formación, orientación e unha educación en valores libre de estereotipos de xénero para contribuír á construción dunha sociedade feminista e xusta. Hoxe e todos os días son 8M, día de defender e loitar polos dereitos de todas as mulleres.

Velaquí vos deixamos unhas fotos dos actos de conmemoroación do 8M no centro, así como da nova pancarta que loce a fachada do edificio nestes días e do acto institucional do Concello de Redondela no que participou unha representación do alumnado e profesorado do IES.

Báixate do machismo!

 

Un ano máis, o IES de Chapela, en colaboración co equipo de igualdade “Brigada Violeta”, alza a súa voz para manifestar o seu rexeitamento ante calquera manifestación de violencia de xénero, dende as formas máis sutís como o humor sexista e o control, pasando por outras máis explícitas como a chantaxe emocional ou a humillación, ata escalar ata o máis alto como son as ameazas e o asasinato. Unha violencia que nos últimos anos viuse incrementada na adolescencia, con especial impacto das novas tecnoloxías e redes sociais. Baixo o lema “BÁIXATE DO MACHISMO”, este 25N seguimos a rexeitar e denunciar a violencia machista e asumimos o noso compromiso de coeducar en prol dunha sociedade feminista e xusta, onde a mocidade se vincule afectivamente con respecto e en relacións igualitarias. Ata que non cese a violencia contra mulleres, polo simple feito de selo, seguiremos berrando alto: NON ÁS VIOLENCIAS MACHISTAS!

Pincha aquí para ver o vídeo coa acción realizada pola mañá (da que se fixo eco o Faro de Vigo nesta nova) e aquí para ver o vídeo coa acción realizada pola tarde.

Inauguración do Espazo Violeta

Hoxe, 23 de novembro, inauguramos o Espazo Violeta na Biblioteca do IES de Chapela. A partir de agora teremos aquí un valioso fondo bibliográfico sobre feminismo e igualdade á disposición da comunidade educativa. Esperamos sacarlle moito partido porque, como nos lembra Chimamanda Ngozi Adichie, cuxas palabras serviron para inaugurar o espazo, "todos e todas teriamos que ser feministas". Moitas grazas á Brigada Violeta e ao Equipo da Biblioteca por idear e materializar este espazo, que arranca con forza nun momento tan sinalado como son as vésperas do 25N.

 

Celebración do II Encontro de Comandos de Igualdade

O mércores 3 de maio, durante toda a mañá, as persoas da Brigada Violeta tivemos a sorte de participar no II Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra, do que, ademais, fomos centro acolledor. O IES de Chapela vestiuse de gala para recibir, no multiúsos do Piñeiral, os sete comandos de igualdade que acudiron dende diferentes puntos de Galicia. Alí compartimos unha xornada marabillosa, repleta de emoción, reivindicación e loita, mais tamén tinguida pola alegría que desprende a coeducación. Queremos dar as grazas a todas as persoas implicadas dos diferentes centros por facer que isto fose posible.


As novas xeracións demostraron, unha vez máis, ser a semente dun mundo máis igualitario e xusto. Aínda seguimos coa emoción no corpo, que orgullo de Brigada!

A Brigada Violeta do IES de Chapela xa ten logo

O equipo de igualdade "Brigada Violeta" do IES de Chapela presenta o seu novo logotipo, que foi deseñado pola alumna Alejandra Andrés Domínguez, de 3ºESO-A, ao resultar o máis votado entre varias propostas achegadas por alumnado do propio equipo.

O logo reflicte os obxectivos e metas cos que naceu no curso 2020-21 "Brigada Violeta" e que perseguen, entre outras cuestións, fomentar a igualdade no centro, respectar e visibilizar a diversidade afectivo-sexual, así como mudar opinións e comportamentos no centro integrando unha mirada con perspectiva de xénero.

O equipo, conformado por alumnado e profesorado dende 1º da ESO ata ciclos de grao superior, fai encontros periódicos os martes ao mediodía co fin de crear un espazo onde compartir intereses e preocupacións relacionadas co feminismo, realizando entre outras cuestións: visibilizar a contribución das mulleres nas diferentes esferas da sociedade e a integración destes contidos nos currículos e libros de texto, obradoiros formativos, así como a conmemoración de datas reivindicativas e significativas como o 25-N (Día contra a eliminación das violencias machistas), o 8-M (Día internacional da muller), ou o 17 de maio (Día contra a LGBTIfobia).

O vindeiro mércores 3 de maio, O IES de Chapela, coa "Brigada Violeta" como anfitrioa, será o centro acolledor do II Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra, coordinado polo equipo de igualdade "Rochas Violetas" do IES 1º de Marzo de Baiona e no que participarán ademais outros cinco centros como son o Comando de Igualdade do IES Ribeira de Louro (O Porriño), o Club Diversidade do IES de Valadares (Vigo), o Equipo Morgana do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo), o Comando de Igualdade do IES Alexandre Bóveda (Vigo) e o Comando de Igualdade do IES Barral (Ponteareas).

Conmemoración do 8M

 

Con motivo da conmemoración do 8M, todo o alumnado do centro participou o martes 7 de marzo en diversas iniciativas para reivindicar os dereitos das mulleres. Durante os recreos, tanto da mañá como da tarde, realizouse un mural colectivo, repartíronse pulseiras violetas e escoitamos música feminista. Grazas á Brigada Violeta por coordinar todas estas accións aínda tan necesarias para loitar por un mundo xusto e igualitario.

Así mesmo, o alumnado de 1º de APSD e 1º de Dietética asistiu o xoves 9 de marzo á obra de teatro "Tabú", de Carmen Conde, á que nos convidou o Concello de Redondela como parte da programación do consistorio polo 8M. A obra nace dun traballo de investigación da autora arredor dos testesmuños de mulleres de entre 70 e 95 anos para sacar das tebras as súas vivencias máis íntimas, poñendo de manifesto a importancia de lembrar o pasado a través das voces das mulleres que nos precederon para reconstruír a nosa identidade e romper tabús. Todo isto, acompañado da música ao vivo de Su Garrido.

   

Folga de estudantes - 8 de marzo

O alumnado do IES de Chapela, acolléndose ao seu dereito de reunión e tras o acordo alcanzado na Xunta de delegados e delegadas celebrada no centro o 1 de marzo, decidiu sumarse á decisión colectiva de non asistencia á clase o día 8 de marzo, secundando a folga convocada polo Sindicato de Estudantes para "amosar o seu rexeitamento á violencia machista e a necesidade de seguir loitando pola igualdade real entre mulleres e homes".

Na seguinte circular informativa pódese consultar toda a información relacionada co procedemento a seguir polo alumnado, tanto aquel que secunde a folga como o que decide asistir con normalidade a clase.

25N - 2022 - A violencia non é tradición

O IES de Chapela súmese nun fondo silencio para lembrar ás 38 mulleres asasinadas no Estado español no que vai de ano. As persianas que hai días serviron para exercer a violencia contra as mulleres, son agora o noso instrumento de acción, denuncia e resistencia. Non á violencia machista!

Distribuir contido